O dereito á saúde para todas/os é fundamental

O Goberno español está aproveitando a crise como argumento para xustificar medidas de recorte no dereito á saúde das persoas. Dende o 2012 estanse aprobando leis e regulamentos que deixan sen acceso á sanidade ou reducen as prestacións a persoas migrantes en situación irregular e incluso a mozas/os que non entraron no mercado laboral ou están en situación de paro. Tamén se instaurou o copago (repago) polas menciñas, afectando ás persoas maiores con menores recursos e ás/aos enfermas/os crónicas/os e, ultimamente, esta medida estendeuse ás medicacións hospitalarias, afectándolle moi especialmente ás/aos pacientes non necesidade de medicacións para cancros e outras enfermidades graves que necesitan atención farmacéutica continuada. Todas estas medidas afectan á poboación máis vulnerable da sociedade e aos colectivos máis pobres.

Con estas medidas o Estado español está incumprindo os seus compromisos asinados no Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais (PIDESC)

Con estas medidas o Estado español está incumprindo os seus compromisos asinados no Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais (PIDESC). O goberno español tampouco  atende as recomendacións da ONU en materia sanitaria ao limitar o acceso ás/aos emigrantes e ao diminuír os dereitos sanitarios da súa propia cidadanía. O goberno tampouco facilita información sobre o potencial impacto do  RDL16/2012 sobre as persoas de maior vulnerabilidade e en risco de exclusión social, incumprindo estándares internacionais e a Lei de Saúde Pública 33/2011 no seu artigo 35.

Todas estas medidas de cobro pola asistencia sanitaria están poñendo en perigo o acceso á saúde de miles de persoas que se atopan nunha situación económica de pobreza ou de exclusión social. As medidas regresivas e discriminatorias poden alimentar prexuízos, desigualdades, racismo, xenofobia e intolerancia fronte ao colectivo de migrantes ou de poboación marxinada, aumentando o perigo de confrontación social e de conflitos violentos. A atención sanitaria está tamén relacionada coa detección de vítimas de violencia de xénero ou vítimas de trata de brancas e coa súa atención e integración social, polo tanto as trabas sanitarias e o cobro de servizos impide que estes colectivos podan defender os seu dereitos e liberarse fronte á opresión ou situación de tortura e escravismo.

A atención sanitaria está tamén relacionada coa detección de vítimas de violencia de xénero ou vítimas de trata de brancas e coa súa atención e integración social

Por outra banda, as dificultades de acceso á saúde traerá como consecuencia o aumento de enfermidades de todo tipo, pero sobre todo infecciosas, que acabarán afectando ás persoas máis febles como nenas/os, vellas/os, pobres, eivadas/os e famentas/os, pero que se poderán estender a toda á poboación, porque as enfermidades non entenden de status social ou económico. Consecuentemente aumentará a mortalidade e diminuirá a esperanza de vida da poboación en xeral.

Amnistía Internacional considera que as medidas de austeridade non poden levar ao incumprimento dos Dereitos Humanos e, dentro destes, o dereito á saúde; por iso solicita a modificación do  RDL 16/2012 para garantir o acceso ao máis alto nivel posible da saúde para todas as persoas.

Con crise ou sen crise o Goberno debe velar pola saúde de todos os seus cidadáns, como garantía de futuro da propia comunidade. Para iso non se deben restrinxir os servizos sanitarios nin poñer trabas económicas nin de outro tipo para o acceso aos mesmos

Con crise ou sen crise o Goberno debe velar pola saúde de todos os seus cidadáns, como garantía de futuro da propia comunidade. Para iso non se deben restrinxir os servizos sanitarios nin poñer trabas económicas nin de outro tipo para o acceso aos mesmos. Pola contra, débense mellorar as prestacións sanitarias para toda a poboación, independentemente das súas condicións, tal e como se recolle na Constitución. Con crise ou sen crise as persoas e a súa saúde somos o primeiro.

ACTÚA!. Asina para nos escoiten moi alto en www.nosvanaoir.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.