O estado da evasión

Transparencias. O que alí chaman o "estado da nación", a falta de saber que é exactamente, pódese afirmar que como liturxia amosouse un exercicio de inxenua evasión procedimental. A inxenuidade vaise impoñendo como modelo. Recórdanos Michel Surya que a transparencia "non é fe da igualdade existente entre todos e cada un". Entramos nese tempo no que os depositarios proclaman o seu desexo de rexenerar a democracia e racionalizar os orzamentos, e mesmo transformar o modelo económico e social. De sermos transparentes até o miolo, como antes fomos austeros.  Eis a resposta fronte a crise: non hai resposta, o que prima é a transparición como forma da simulación.

O modelo da transparencia leva á sinceridade abafante, aquela que non precisa do traballo nas traseiras, portas adentro, até demostrar que o Estado estea limpo até o diáfano, senón da palabra demiúrxica que non precisa máis sedución cá súa formulación esvaecida,  ben como incumprimento evidente do programa electoral, ben como herético traballo de distorsión: os díxitos como vestidos ou transparencias que disimulan  a mesquindade do bipartidismo que desaba polas pantallas. A aquiescencia amosada por Rubalcaba fíxonos dubidar que teña ideas máis alá de mantelas, porque o consenso da transparencia non semella un consenso desexábel no que ten de consenso. Debería ser o punto de chegada e non o de saída. A unanimidade do transparente resulta sospeitosa. Eis a repetida evanescencia das transparencias: tentar atallar a corrupción entanto se aplican políticas económicas manifestamente inxustas, xeradoras de disparidade e de fragmentación social.

Optimismo ao 7%. O estado de xovial optimismo co que Rajoy  tentou agochar a trampa do déficit dúralle dous días, o tempo exacto que tardou a Comisión Europea en facer públicas as súas previsións económicas.

A pregunta leibniziana. Por que o diñeiro e non máis ben o nada? Responder a esta pregunta levaría a pescudar os fundamentos de valor no capitalismo. O hipercapitalismo que se alimenta das ruínas da política. Aínda que semelle  un vodevil, é unha fábrica, un axente de producción. Nunha época na que moitos están indignados coa situación actual acreditando inxenuamente que podería voltar á economía "regulada", sería preciso lembrarmos que a relación social capitalista só pode ser combatida atacando a súa raiceira . Entanto haxa diñeiro, non haberá de abondo para todos. Non pode ser doutro xeito cando se teima en seguir disociando o social e o económico. O que fica do estado é un mero instrumento correctivo dos costos sociais do mercado. 

O cansazo. Cómo facer, porén, que o espazo que nos é común - de convivencia democrática -  se torne tamén espazo do que non é común, que propicie as diferencias e a pluralidade, que alente as discrepancias. Respecto a Galiza o debate non ofreceu ningunha nova. Os máis, os caladiños, dende a vinculación estrita do escenario político galego ao español e, os menos, exercendo un discurso de reivindicacións nacionais no que o binomio dereita-esquerda da discusión das Cortes se substancie nun espazo de decisión galego. O mapa da representación galega en Madrid non dá para máis. O país galego non ten presa, nin aparente necesidade de propostas políticas de seu. Non é preguiza, é cansazo. Aínda que non dea para saber cantos somos - tal é a fertilidade do malestar- ,  cómpre pór de relevo que Galicia ten  moita daquela fe do  Wittgenstein , "aconteza o que acontecer, estou  certo, nada pode prexudicarme".

Ao vivo. O bipartidismo serve para vermos como 350 deputados presencian en silencio un debate a dous. Como nas pantallas xigantes dos concertos ao vivo, os representados asistimos ao directo dos nosos representantes representados na pantalla da TV, do PC ou do móbil.   Trátase de encenar a pirámide disciplinaria, de ocupar a tribuna, de verquer a linguaxe artificial na artificialidade das imaxes e a súa  proliferación ao segundo. Desequilibrio ritual do poder que asiste ao vivo á representación da súa permanencia, á representación da representación. Quen representa o que? O Estado fai parte integral na estruturación das relacións de produción, en por iso, alén da forma salarial común, a tecnocracia  e a burocracia política, grupos sociais do Estado, atópanse no interior das relacións de explotación cos produtores directos. A política négase a si mesma cando renuncia inserir o económico nunha política de cohesión social. Cando se tenta naturalizar o desemprego no canto de politizalo.

Da constitución como historia sagrada. Escachada a “auténtica” palabra e a imaxe de castelo de Walt Disney, calquera hipótese vale para explicar os "erros", entanto que ningunha é necesaria para os "acertos", que se impoñen como investidos dun dinamismo de seu e atemporal. Cando un espírito agnóstico tente tirar diso unha certa desacralización só atopará os valores profanos que corromperon a historia sagrada: a proliferación das diferencias como elo impensábel dende a fe na monarquía constitucional. Mais a primeira desconstitucionalización, o primeiro intre de vacilación do poder constitucional en canto á cuestión da verdade, debémoslla aos simuladores. Non debemos esquecer a Foucault. Trátase de inxerir a realidade no delirio. Coas súa mentiras os simuladores preténdense tanto albaceas como produtores de realidade e se negan a plantexar, dentro da práctica democrática, a cuestión política. Estase a producir un corte político-epistemolóxico. Cómpre estarmos á espreita, e facelo dende o ámbito do pequeno, do local e das persoas. 

Vocabulario. Unha das utilidades de aturar o debate Rajoy-Rubalcaba é que nos permite comparalo co empregado noutros parlamentos. Non é cuestión menor, porque o vocabulario ausente nos nosos discursos é tan significativo como o que se fai presente. Debe ser  o envés militante do poder constituído que tenta impoñer a realidade. Dende a fraseoloxía escañoada que se dirixe ás xentes de corazón xeneroso, até aquelas outras frases e magnitudes numéricas dirixidas aos espertos gurús que ditan sentencias e elaboran informes. Un gorentoso botón de mostra é o innominábel Bárcenas, punto cego que aparece ao mesmo nivel de elisión que “xustiza social”, “desigualdade”, “desafiuzamento” ou “débeda hipotecaria”.  Porén, “a corrupción “ , como antes “a crise”,  proliferou e transpareceu con toda a súa opacidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.