O falso mito da meritocracia

A comezos deste novo século houbo moitos sociólogos que afirmaban que xa non tiña sentido falar de clases sociais diferenciadas nas sociedades occidentais modernas, dada por unha banda a mellora das condicións de vida en xeral, favorecida  sobre todo polas estruturas redistributivas do Estado do Benestar, e por outra pola existencia de mecanismos tendentes a estimular a igualdade de oportunidades, con independencia da clase social ou económica de orixe. É dicir, “o teu traballo será a túa recompensa”, un pensamento que está na base do sistema capitalista e da ideoloxía protestante (que favoreceu nos inicios o avance do capitalismo) como elemento central do imaxinario lexitimador no que o teu mérito (e non outras consideracións) é garante de éxito.

A insistencia sistemática en negar a existencia de diferenzas e de clases sociais con base económica é unha falacia máis do sistema

Como diría M. Weber, as clases sociais non veñen determinadas só polo nivel económico ou control da propiedade, senón tamén polos coñecementos técnicos; a maiores coñecementos técnicos, maior clase social.

Pero a insistencia sistemática en negar a existencia de diferenzas e de clases sociais con base económica é unha falacia máis do sistema. Aínda que en épocas de bonanza as diferenzas entre clases sociais estaban algo esvaídas, hoxe en día está máis en voga que nunca falar de estratificación social. Vivimos nunha sociedade caracterizada por grandes desigualdades sociais, na que existen unha serie de discriminacións sistemáticas que hoxe fan que o mito da meritocracia xere cando menos serias dúbidas. Funciona unha serie de mecanismos que non permite un acceso igualitario a todo tipo de recursos: é dicir, non existe unha real igualdade de oportunidades e por suposto o que chamamos mobilidade social.

Entre eses mecanismos están por suposto os filtros laborais e económicos, que son os que en última instancia ditaminan a túa posición na estrutura social, convertendo a formación na principal falacia de reprodución das desigualdades sociais no capital social

Entre eses mecanismos están por suposto os filtros laborais e económicos, que son os que en última instancia ditaminan a túa posición na estrutura social, convertendo a formación na principal falacia de reprodución das desigualdades sociais no capital social. Tal como afirma o sociólogo Martín Criado, “as clases altas converteron a escola na súa baza central de reprodución social e os títulos escolares no seu medio de peche social”. Algo que concorda moito cos ataques que o actual goberno está levando a cabo contra o ensino público (básico e superior). E que permitirá de novo que a formación e a titulación superior sexan un peche social á mobilidade social. Esta crise e estes recortes, por tanto, están evitando esa chegada “masiva” de “pobres” á educación.

Coa chegada “masiva” ao sistema educativo de persoas de extracción humilde (especialmente ao ámbito universitario) foi necesario establecer outros filtros para que o “statu quo” da estrutura de clases seguise intacto. É precisamente no acceso ao ámbito laboral cando comeza a observarse claramente a desigualdade de oportunidades. O CV non é suficiente se non vai acompañado de contactos, de apelidos compostos ou dunha familia acomodada. Pero a resposta será que “non tes suficiente formación”, “non tes a formación axeitada”, “non sabes inglés” ou “non tes experiencia laboral”.

Coa chegada “masiva” ao sistema educativo de persoas de extracción humilde (especialmente ao ámbito universitario) foi necesario establecer outros filtros para que o “statu quo” da estrutura de clases seguise intacto

Como ilustración, un botón: vai xa uns anos, cando rematei a carreira, un rapaz non especialmente brillante e sen formación posterior á licenciatura entrou a traballar como “adxunto” ao “mandamáis” dos RRHH dunha das grandes empresas de España. Para calquera de nós (aínda que soamente sexa levar cafés nese mesmo departamento) os requisitos serán ter nivel advanced de varios idiomas, máster de RRHH e experiencia laboral de varios anos no campo, xunto coa condición de ter rematada a carreira recentemente. Outro caso rechamante foi que unha das empresas máis importantes de informática do mundo tenen España nun posto de alto executivo unha persoa nova (e sen experiencia previa) coa carreira de antropoloxía social, pero aí está. Imaxinamos os requisitos que solicitarían para este posto se non somos “fillos de alguén”?

A formación complementaria de pagamento é na actualidade  un novo mecanismo de –utilizando os termos de Martín Criado– “peche social. Os máster millonarios ou dun par de centos de millares de euros que derriban barreiras de entrada (para a maioría dos mortais, infranqueables) e que fan que os “nenos ben”  por medio dunha cantidade elevada de cartos teñan o pasaporte a un posto de traballo cómodo e case sempre de por vida –as grandes empresas de España, os grandes bufetes de avogados, así como consultoras utilizan este método de selección– asegurando así que quen entre na súa empresa sexa “de estirpe”.

Pero deixando os casos concretos á parte, este sistema de elites é o que está a perpetuar, xunto coas políticas de Mariano Rajoy, non só son as desigualdades sociais, senón que non sexa factible acceder ao  ascensor da  mobilidade social, cunha especie de “teito de cristal” para garantir que as clases sociais se queden onde é pertinente. Teño que dicir que seguramente Mariano Rajoy, de ler este artigo, diría que teño “envexa igualitaria”, tal como afirmaba el mesmo no xornal Faro de Vigo no ano 1984. 

Isto non é máis que outra volta de porca ao “darwinismo social”, no que non sobrevive sempre o máis capacitado, formado ou apto, senón o que ten máis cartos

E falando de políticos, sen dúbida algunha se a meritocracia está a debate nalgún lugar é no ámbito da política. A ministra de traballo, dona Fátima Bañéz, non tivo carreira algunha fóra do PP, como o querido e recentemente imputado alcalde de Ferrol, don Xosé Manuel Rey Varela. Por non falar deses mozos de NNGG que en comunidades como Valencia están a ocupar postos de relevancia en cargos públicos, sen outro requisito que ser un “neno ben”. Ese ámbito, que din eles que é pouco competitivo, o sector público, onde apousan os seus sagrados traseiros mentres falan de “competitividade”, “emprendemento” e “formación” a toda persoa que desexe ser enganada. Isto non é máis que outra volta de porca ao “darwinismo social”, no que non sobrevive sempre o máis capacitado, formado ou apto, senón o que ten máis cartos.

“Todos os homes nacen iguais, pero é a última vez que o son” (Abraham Lincoln)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.