O prezo da lealdade: os médicos Antonio Baltar e Pío del Río Hortega morreron en Bos Aires

Asistentes ao curso de Pío del Río-Hortega na Facultade de Medicina de Santiago © Arquivo familia Baltar

O 1 de xullo de 1945 o Comercio literario de Bos Aires publicou un artigo do médico galego Antonio Baltar Domínguez: “Río Hortega y su obra”. Nel lembraba ao sobranceiro científico orixinario de Valladolid quen morrera xusto un mes antes, o 1 de xuño, na capital arxentina. A mesma cidade na que tamén Antón deixaría de existir quince anos despois, o 22 de setembro de 1970. Unha coincidencia que non foi produto do azar senón o resultado dun profundo compromiso. Diso e da relación entre eses dous científicos falarei neste artigo. Mais tamén dunha fotografía que Baltar incluíu no artigo, unha imaxe de gran significado na súa biografía sentimental.

 

O médico Antonio Baltar

Nunha familia onde abondaban os médicos e farmacéuticos non resultou estraño que Antonio Baltar Domínguez decidira cursar a carreira de Medicina, que comezou na Universidade de Santiago, a súa cidade natal, en outono de 1921 e rematou en Madrid. Completou a formación en diversas institucións; especializouse en Xinecoloxía e a fins do ano 1929 realizou unha visita de tres meses a algúns hospitais de París. En Madrid tamén asistira ao laboratorio que Pío del Río-Hortega, o outro protagonista desta historia, tiña na Residencia de Estudiantes. Ese contacto resultou relevante xa desde o inicio da vida profesional de Antón, pois lle engadiu unha segunda especialización, a relativa ao estudo das células humanas. De feito, na Facultade de Medicina santiaguesa exercería como profesor de Histoloxía e Anatomía Patolóxica desde 1931, posto que compatibilizou co traballo no sanatorio da familia.

Retrato de Antonio Baltar © Arquivo familia Baltar

A dimensión científica de Del Río-Hortega

Convertido xa nunha figura internacional, Del Río-Hortega veu a Galicia en 1933 por unha xestión na que o seu discípulo, Antonio Baltar, xogou un papel protagonista. En outono dese ano a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela tivo o privilexio de contar con el para que impartira un curso de especialización en Histopatoloxía que incluía unha parte teórica, seis conferencias, e varias sesións de laboratorio

Pío del Río-Hortega era membro salientable do colectivo científico dedicado ao estudo dos compoñentes microscópicos da vida, a “escola histolóxica española”, probablemente a máis destacada no terreo das ciencias biomédicas. O Premio Nóbel Santiago Ramón y Cajal utilizou unha serie de técnicas pioneiras, as impregnacións arxénticas, Nicolás Achúcarro montou a do tanino arxéntico e Pío del Río-Hortega –un discípulo deste–, creou catro variantes diferentes. Usando esas novidades técnicas realizou importantes avances no coñecemento da neuroglia, as células que coas neuronas forman parte do Sistema Nervioso pero que – a diferencia destas– non producen impulsos nerviosos, mais xogan un transcendente papel (estrutural, nutritivo, etc.).

Existen diversos tipos de células gliais e Del Río-Hortega descubriu e describiu dúas modalidades (microglía e oligodendroglía). Asemade, levou a cabo –entre outras novidades– valiosos estudos sobre os tumores do sistema nervioso. Esas contribucións permitiran ao científico acadar sona internacional, obter distincións como o doutorado honoris causa pola prestixiosa Universidade de Oxford e seren proposto en varias ocasións para o Premio Nóbel, nas que –por certo– non recibiu o apoio da Academia de Medicina española. A Ciencia, obviamente, non está exenta de sectarismos e envexas.

A morte de Achúcarro levouno a traballar no laboratorio de Cajal, con quen mantivo unha relación complicada, de feito en 1920 o laureado científico botouno do mesmo. Diversas publicacións, como o libro autobiográfico de Hortega, El Maestro y yo, ou a testemuña de Gonzalo Rodríguez Lafora, cuestionan o comportamento de Cajal, quen semella que, entre outras cousas, criticou a orientación sexual do expulsado. Nesas circunstancias nomearon a Del Río-Hortega director dun importante laboratorio creado para el pola Junta de Ampliación de Estudios (JAE) na Residencia de Estudiantes, onde o coñeceu Baltar.

O curso de Del Río-Hortega en Santiago

Comprometido cos ideais republicanos, e con boas relacións cos sectores galeguistas, Antón interveu na constitución da “Agrupación al Servicio de la República” de Compostela e en diversas iniciativas. Un mes despois do golpe de Estado, o 17 de agosto, foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina pola autoridade militar-gobernativa

Convertido xa nunha figura internacional, Del Río-Hortega veu a Galicia en 1933 por unha xestión na que o seu discípulo, Antonio Baltar, xogou un papel protagonista. En outono dese ano a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela tivo o privilexio de contar con el para que impartira un curso de especialización en Histopatoloxía que incluía unha parte teórica, seis conferencias, e varias sesións de laboratorio. Pouco despois, en decembro, Baltar obtivo unha bolsa para Alemaña da JAE, para traballar seis meses na área de Xinecoloxía, con salientábeis profesionais en Berlín (Instituto Patolóxico da Universitäts Berlin Frauenklinik) e en Breslau (Neurologisches Institut). A pegada do seu mestre apreciase nun dos traballos que realizou na estadía alemá: “Las epitelio-fibrillas y los puentes intercelulares en el cáncer de cuello uterino, según los métodos de Río Hortega”.

 

Marcha de Baltar ao exilio

Comprometido cos ideais republicanos, e con boas relacións cos sectores galeguistas, Antón interveu na constitución da “Agrupación al Servicio de la República” de Compostela e en diversas iniciativas. Un mes despois do golpe de Estado de 1936, o 17 de agosto, foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina pola autoridade militar-gobernativa. A Comisión A (de depuración do profesorado universitario) abriulle expediente sancionador o 20 de xaneiro de 1937 e acordou a separación definitiva do servizo, confirmada o 1 de abril. 

Retrato de Pío del Río-Hortega Dominio Público

Ademais dese expediente administrativo, tamén se lle abriu unha causa por implicación política co réxime republicano en 1941. Porén Antonio Baltar xa estaba fóra de Galicia nesas datas. Despois do 18 de xullo de 1936 sufrira diversas ameazas, nalgún caso de profesores da Facultade. Corría o risco real de ser “paseado” e decidiu marchar ao exilio. En decembro colleu, coa súa compañeira Mireya Dieste, no porto da Coruña, o barco La Reina del Pacífico e chegarían a Bos Aires –vía Montevideo– o 31 de xaneiro de 1937. Validou o título para poder exercer a medicina na Arxentina e fundou un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués e exiliado Gumersindo Sánchez Guisande, catedrático de Anatomía na Facultade de Medicina de Zaragoza. Asemade, organizou o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, sendo Xefe de Servizo entre 1939 e 1947. 

Despois do 18 de xullo de 1936 sufrira diversas ameazas, nalgún caso de profesores da Facultade. Corría o risco real de ser “paseado” e decidiu marchar ao exilio

Tras diversas ocupacións, en 1954 deixou a docencia por atraerlle máis a proxección social do seu labor como Director Xeral de Sanidade de Cuyo. Especializouse en Medicina Social, entre 1961 e 1964 dirixiu un equipo internacional de médicos e outros profesionais que implantarían un Plan Integral de Saúde de San Juan e estudou a organización da medicina social dos Andes Centrais e das serras da Pampa. Entre 1964 e 1967 actuou como médico da Dirección de Planificación y Evaluación de la Salud e acudiu á sede da OMS, en Xenebra, representando a Arxentina (18ª Asemblea Mundial da Saúde). Cando morreu estaba destinado en Córdoba, encargado da coordinación sanitaria rexional da zona Centro-Córdoba.

En Arxentina mantivo a súa preocupación social, como médico e como cidadán, con Galicia como referencia constante. Así, fundou en xuño de 1956, xunto con outros emigrantes e exiliados galegos, a “Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas” (AGUEA). Unha iniciativa relevante que unía a intelectuais e profesionais das áreas científicas e humanísticas. Das propostas dese colectivo e das súas difíciles relacións co galeguismo do interior falaremos outro día.

O exilio de Pío del Río-Hortega

En Arxentina mantivo a súa preocupación social, como médico e como cidadán, con Galicia como referencia constante. Así, fundou en xuño de 1956, xunto con outros emigrantes e exiliados galegos, a “Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas”

Identificado coa República, a súa derrota levou a Hortega ao exilio. Estando en Londres recibiu un convite de Alberto Houssay para impartir un curso de Anatomía Patolóxica en Bos Aires, onde finalmente se instalou. Traballaba no Hospital de Santa Lucía, no Laboratorio de Histoloxía Patolóxica, e no Centro de Investigacións Histolóxicas creado pola Institución Cultural Española. En pouco tempo xerou unha importante escola e continuou a súa produción investigadora. Fundou en 1940 a revista Archivos de Histología Normal y Patológica, referencia da súa especialidade en Hispanoamérica, publicando nela, entre os anos 1942 e 1943, ata quince traballos.

 

No faladoiro de “La Casa de la Troya”

Nos primeiros anos corenta do pasado século Elpidio Villaverde Rey abriu un restaurante na magna Avenida de Mayo de Bós Aires. “La Casa de la Troya” situouse na arteria central da capital, unha rúa de 1350 metros de lonxitude e 17 metros de ancho, que ten no seus extremos o edificio do Congreso e a casa Rosada, as sedes dos poder lexislativo e executivo da República Arxentina. Elpidio nacera en Vilagarcía de Arousa en 1887 e residía na cidade platense porque alí se exiliara para fuxir da represión franquista. Este empresario era militante de Izquierda republicana e ocupara a Alcaldía da súa vila natal. 

Coido que a presenza de Río-Hortega nos encontros de “La Casa de la Troya” obedecía –fundamentalmente– á relación profesional e amizade que mantiña con Antón Baltar desde había máis de dez anos

“La Casa de la Troya” converteuse nun lugar de encontro de numerosos galegos que compartían con Elpidio a súa condición de exiliado e antifascista. As paredes do restaurante estaban decoradas por Alfonso Castelao e Manuel Colmeiro e ao faladoiro asistían –entre outros– eses dous, Luis Seoane, Lorenzo Varela e o noso Antonio Baltar. Ás reunións tamén acudían, de cando en vez, outros exiliados de diferente procedencia. Era o caso do asturiano de Vegadeo Augusto Barcia Trelles, ex-ministro da II República, os madrileños, Luis e Felipe Jiménez de Asúa e o vallisoletano Pío del Río-Hortega. Compartían mesa e mantel e conversas, pero, máis que nada, partillaban esperanza. Eran tempos nos que se supuña que a derrota dos fascistas alemáns e italianos faría caer aos seus aliados españois e permitiría a volta da democracia a España, polo que as maletas estaban aínda “sen abrir”. Mais esa esperanza tamén sería vencida.

Coido que a presenza de Río-Hortega nos encontros de “La Casa de la Troya” obedecía –fundamentalmente– á relación profesional e amizade que mantiña con Antón Baltar desde había máis de dez anos. Por outra banda, Felipe Jiménez de Asúa, que ocupara a cátedra de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Universidade de Zaragoza, tamén fora discípulo de Río-Hortega. A súa conexión cos exiliados galegos, ponse de manifesto no feito de que dirixiu o Centro de Hematoloxía do Centro Gallego, no que Baltar era responsable do Laboratorio de Anatomía Patolóxica. O seu irmán Luis, quen fora profesor de Dereito Penal en Madrid e ocupara a vicepresidencia do Congreso chegaría a ser Presidente da República no exilio (1962-1970). 

Os asistentes ao curso de Pío del Río-Hortega visitando Tanxil © Arquivo familia Baltar

A lealdade democrática, unha construción de longo percorrido

Baltar, no artigo sobre Hortega, explicou as moi importantes contribucións científicas do mestre e fixo un xustificado eloxio do seu destacado labor. Mais tamén reflexionou sobre as dúas actitudes fronte a natureza, a contemplativa e a investigadora, que cualificou como o verdadeiro factor do progreso científico. Nese punto indicou que o labor investigador era compatible coa preocupación polo perfeccionamento do ser humano. Coidaba que era “difícil encontrar aliento para investigar en quienes no creen en la dignidad del hombre” e na súa liberdade. Hortega encarnaba iso para Baltar: o científico preocupado pola dignidade e a liberdade. O que se reflectía, basicamente, en dous comportamentos. O primeiro, na atención do mestre aos colaboradores, unha cordialidade no traballo en común. En segundo lugar, na posición de Hortega como cidadán responsable, que –sen filiación política– “Creía que la República significaba para su país la libertad y la dignidad de los individuos; un aumento en las posibilidades de trabajo y en la elevación cultural del pueblo”. Baltar relatou que cando veu a guerra Hortega amosou a súa adhesión ao Goberno (“que significaba la legalidad”) e fixo referencia ao seu camiño no exilio. Tamén contou que o Goberno franquista mandara un emisario a Arxentina para ofrecerlle ao sobranceiro científico unha volta honorífica, mais el a rexeitou “con igual dignidad, firmeza y naturalidad con que toda su vida estuvo entregado a la búsqueda de las verdades histológicas”.

Indicou que o labor investigador era compatible coa preocupación polo perfeccionamento do ser humano. Coidaba que era “difícil encontrar aliento para investigar en quienes no creen en la dignidad del hombre” e na súa liberdade. Hortega encarnaba iso para Baltar: o científico preocupado pola dignidade e a liberdade

Como vemos, Antón salientou o exemplo de lealdade de Hortega coa República, rexeitando unha volta indigna, desleal. Ese exemplar compromiso non foi un comportamento illado, atopámolo en numerosos coetáneos do salientable científico. Lémbranos, por exemplo, o caso do físico Manuel Martínez Risco, morto en soidade nun modesto hostal de París. Ou o de moitos dos integrantes do faladoiro de “La Casa de la Troya”, como foi o caso do propio Baltar. Unha coincidencia que nos fala dun compromiso. 

Un compromiso persoal coa República pero tamén, así o entendo, con algo máis, cunha forma de ser cidadán. E se moitas persoas asumiron esa posición naqueles duros tempos non foi por un azar da historia senón –probablemente– como resultado de moitas décadas de construción dun modelo de ética persoal e cívica de perfil progresista en España e Galicia. Un proceso que arrancou co inicial liberalismo revolucionario de principios do XIX, con xente como os nosos, Domingo Fontán, Ramón de la Sagra, José Alonso López ou Xosé Rodríguez, e no que converxeron contribucións moi diversas: escolas laicas, ateneos, masonería, partidos políticos, a extensión da educación pública secundaria e universitaria, o sindicalismo, o xornalismo crítico, grupos anarquistas, o movemento feminista, etc. e institucións como a Institución Libre de Enseñanza, a Junta para Ampliación de Estudios, o Institut d´Estudis Cataláns, as Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos. 

Coido que a selección desa fotografía por Antón incorpora –consciente ou non– unha mensaxe. A imaxe lévanos a Tanxil, o Camelot baltariano, ao lugar onde xeracións da familia pasaron momentos felices. Probablemente Baltar expresaba a súa nostalxia por un mundo perdido que non volvería a ser seu. A lealdade ten un alto prezo pero –supoño– que só así se constrúen mundos mellores

A interacción desas iniciativas xerou unha cultura cívica, unha moral pública e un código de conduta. Unha aposta pola educación, a cultura, polo comportamento exemplar, que non estivo exenta de contradicións, pero que construíu unha ética republicana, realmente democrática, e transversal. Unha ética que permitiu –e dalgunha forma obrigou– a persoas como Hortega e Baltar manter a súa digna posición no exilio. No interior, o fascismo triunfante encargaríase de eliminala, o esforzo de tantas persoas e tanto tempo foise polo sumidoiro da historia. O franquismo foi moi eficaz nese terreo e as consecuencias aínda as estamos a sufrir a día de hoxe.

 

A significativa elección dunha imaxe

Este artigo podería rematar coas palabras anteriores. Pero intúo que o artigo de Baltar incluía unha mensaxe persoal, que desexo comentar, co risco de especular. Na fotografía que acompaña ao texto (ilustración 4) vemos un grupo de persoas e un pé explicativo: “Don Pío del Río Hortega con profesores y alumnos de la Universidad de Compostela en Rianjo”. Baltar tiña a opción de escoller outra que posuía (ilustración 3), mesmo sería máis acaída a dos asistentes ao curso na Facultade de Medicina. Coido que a selección desa fotografía por Antón incorpora –consciente ou non– unha mensaxe. A imaxe lévanos a Tanxil, o Camelot baltariano, ao lugar onde xeracións da familia pasaron momentos felices. Probablemente Baltar expresaba a súa nostalxia por un mundo perdido que non volvería a ser seu. A lealdade ten un alto prezo pero –supoño– que só así se constrúen mundos mellores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.