Ocupar as fábricas

É desacougante o escenario que abre na Coruña e Avilés o proceso de despedimento colectivo que Alcoa vén de notificar aos seus empregados. De novo a subvención pública ao capital privado é utilizada como chantaxe, neste caso por parte dunha compañía transnacional que en 1998 se fixo coa estatal Inespal no nome da eficiencia e do libre mercado. Malia este procedemento non afectar á planta de San Cibrao, que si recibirá un xeneroso subsidio ao seu consumo eléctrico, as inminentes vendas das factorías de Bilbao e Alacante suxiren unha estratexia de retirada por parte da corporación estadounidense na procura de traballadores máis baratos e estados máis xenerosos.

Este proceso de desindustrialización por deslocalización inscríbese no modelo hexemónico neoliberal que situou o libre mercado como única opción económica e o beneficio como dereito supremo

Este proceso de desindustrialización por deslocalización inscríbese no modelo hexemónico neoliberal que situou o libre mercado como única opción económica e o beneficio como dereito supremo. A desregulación, a liberalización, a privatización e a posta do Estado ao servizo das corporacións impulsaron a globalización e deron ao gran capital vía libre para fluír na procura de maiores e inmediatos beneficios e para extorsionar a gobernos e traballadores. Como escribiu Eduardo Galeano, “os cartos e a xente crúzanse no camiño”; os primeiros son recibidos no sur con alfombras vermellas e lexións de escravos mentres os segundos intentan chegar aos países do norte. Cidades, estados e rexións compiten por atraer ás multinacionais, ofrecendo xenerosas subvencións, escandalosos privilexios e réximes laborais abusivos que fan as delicias do capital e enchen os petos corporativos de cartos públicos.

As grandes corporacións, co soporte necesario dos medios hexemónicos de comunicación, presentan despedimentos e deslocalizacións como resultado inevitable da rixidez do mercado laboral -é dicir, das conquistas sindicais-, forzando unha precarización que se materializa realmente na transferencia ascendente de ingresos; os beneficios non deixan de aumentar e os salarios non paran de caer. O feito é que deslocalizan porque poden colocar aquí os seus produtos igualmente, o cal non ocorrería se as súas importacións estivesen suxeitas a aranceis axeitados. Isto suxire a necesidade dunha resposta contundente á tiranía do capital e dunha transformación nas condicións que nos deixaron á súa mercé. O sociólogo Charles Tilly escribiu que unha nova era comeza “cando a xente común comeza a utilizar novos xeitos para reclamar os seus intereses”. Cales poderían ser estes xeitos?

Toda multinacional que deslocalice debería ter prohibida aquí a venda dos seus produtos. E quen produciría logo eses bens e servizos para o noso consumo? Os propios traballadores da fábrica abandonada

Por unha banda, considero que toda multinacional que deslocalice debería ter prohibida aquí a venda dos seus produtos. E quen produciría logo eses bens e servizos para o noso consumo? Os propios traballadores da fábrica abandonada. Sen desbotar o recurso da renacionalización das fábricas privatizadas -como podería ser o caso das plantas de Alcoa-, merece atención o cooperativismo e a xestión obreira como alternativa posible ao corporativismo capitalista. Se unha multinacional pecha unha fábrica e bota aos seus empregados, estes poderían ocupala para evitar o seu desmantelamento e protexer a maquinaria, e a continuación poñela de novo a producir como cooperativa de traballadores. Non se trataría dunha usurpación, pois o artigo 33 da Constitución española proclama a función social da propiedade e recoñece o recurso de expropiación por utilidade pública ou interese social. Non sería tampouco unha temeridade, pois a xestión obreira pode ser eficiente e sustentable económica e socialmente, máxime cando reduce significativamente o custo engadido que implican os obscenos beneficios dos accionistas. Trataríase simplemente da lexítima defensa do dereito ao traballo e da dignidade do traballador, e contribuiría á preservación do noso patrimonio industrial e do noso tecido produtivo.

A experiencia das fábricas recuperadas na Arxentina a finais dos noventa, durante a crise terminal do neoliberalismo naquel país, é un bo precedente. Como amosan Naomi Klein e Avi Lewis no documental The Take, a mobilización e o empoderamento dos traballadores ameazados polo desemprego nunha situación de crise similar á nosa abriu o camiño a alternativas viables. Baixo o lema “ocupar, resistir, producir”, os traballadores de máis de 200 fábricas e empresas que pecharan as portas -dende obradoiros gráficos ou téxtiles até estaleiros e metalúrxicas- pasaron dunha estratexia inicial de procura de acordos co propietario e de ocupación da fábrica ou do seu entorno para evitaren a retirada da maquinaria, a outra baseada na recuperación activa e a posta en funcionamento cooperativo da fábrica como única alternativa ao desemprego.

Máis dunha década despois, Brukman e tantas outras fábricas e empresas recuperadas polos traballadores continúan a producir bens e servizos como cooperativas, demostrando que a xestión e a propiedade obreiras non só son posibles, senón preferibles

As traballadoras da téxtil Brukman de Buenos Aires resistiron desaloxos, foron detidas e reprimidas, recibiron mostras multitudinarias de solidariedade veciñal e asesoramento universitario, e finalmente estableceron a cooperativa que en 2003 conseguiría a expropiación das instalacións. Máis dunha década despois, Brukman e tantas outras fábricas e empresas recuperadas polos traballadores continúan a producir bens e servizos como cooperativas, demostrando que a xestión e a propiedade obreiras non só son posibles, senón preferibles. Na man dos propios traballadores está o seu futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.