Os contratos zombie

A semana pasada escoitando como os medios de comunicación aplaudían coas orellas os datos do paro rexistrado non puiden máis que me anoxar pola inmensa mentira na que vivimos. Rajoy di que “xa ninguén fala do desemprego”, pero a realidade é que hoxe vivimos nunha sociedade na que da igual se o traballo é un medio ou non para ter unha vida digna, senón que o obxectivo é ter “traballo”. Os discursos escravos de “polo menos fago algo” “así gaño experiencia” “menos é nada”, etc… son discursos institucionalizados e instaurados no imaxinario colectivo, asumidos pola maioría da clase traballadora. Apoiados estes discursos por medios de comunicación que tanto gustan de falar da falacia do “emprendemento” ou de que unha actitude positiva aumenta as túas posibilidades de atopar un emprego.

Rajoy di que “xa ninguén fala do desemprego”, pero a realidade é que hoxe vivimos nunha sociedade na que da igual se o traballo é un medio ou non para ter unha vida digna, senón que o obxectivo é ter “traballo”

Mentres os medios de comunicación venden a recuperación do emprego,  a realidade é ben distintas, xente que traballa por 100 euros/ mes, xente con contratos precarios de 12 horas por 400 euros/mes, contratos en prácticas ou bolsas con persoas de 35 anos, cando ademais estás ocupando un posto dun traballador, … recuperación falsa a todas luces. En primeiro lugar porque agora estamos na mesma situación de emprego que no último ano de ZP pero cunha diferenza moi salientable xa que o mercado laboral é máis precario e segue empeorando. A precariedade e a temporalidade do traballo é a norma, coa perda de máis de 500.000 persoas de poboación activa. Se a poboación activa baixa pero non no mesmo nivel que o desemprego é que tal recuperación é unha farsa. Baixada poboación activa + subemprego masivo + falsos autónomos como novos emprendedores = unha baixada do 0,41 puntos no desemprego.

Esa baixada tan “espectacular” está favorecida por novas formas de contrato en situación de semiescravituade moitos deles, e que son  efectivos para borrar a xente do desemprego, pero para nada máis. Está é a explicación de que a pesares de estar a traballar a maioría destes traballadores (36% segundo as últimas cifras) non saían da situación de exclusión social ou de pobreza relativa. E dato máis grave, que a base de cotización destes contratos non permite unha pensión digna, xa que a temporalidade e a precariedade inciden directamente no período cotizado. Falamos pois dunha nova realidade que podemos chamar “mercado laboral zombie”. A existencia de traballadores pobres neste novo mercado laboral rompe coa idea de que a integración laboral é a condición básica para evitar a pobreza, a exclusión social ou  a privación material. Esta “zombificación do traballo” ten tres piares fundamentais:

A existencia de traballadores pobres neste novo mercado laboral rompe coa idea de que a integración laboral é a condición básica para evitar a pobreza, a exclusión social ou a privación material

Contratos Happy Hour: esta modalidade de contrato é o exemplo máximo de precariedade laboral. Non figuras coma desempregado, non podes acceder a cursos de formación nin tampouco aos contratos de cooperación dos concellos; pero traballas 1 ou 2 horas á semanas ( cando estes contratos non esconden máis horas de traballo) e aínda que leves 6 meses ou un ano contratado en total levarás de cotización 5 ou 10 días. Por non falar do salario ínfimo, por debaixo de calquera consideración de cubrir necesidade vitais.

Contratos bolseiros de por vida: en principio esta modalidade de contrato estaba pensada para aquelas persoas que rematan a carreira que queren aprender algún tipo de profesión. Pero agora esta modalidade non só require que sexas un superhome ou supermuller, tras superar un proceso de selección de dous o tres entrevistas, senón que a idade xa non é un impedimento. Logo está a modalidade estilo FUAC ou Feuga, ou calquera bolsa que oferten máster diversos, nas que as empresas empregan estas bolsas para facer substitucións de traballadores (sobre todo en verán) cando nas bases destas bolsas está terminantemente prohibido empregar ao bolseiros como substituto dun traballador.

Agora algunhas empresas (no caso de conglomerados) o que fan é renovar o contrato aos seus traballadores de 6 meses en 6 meses, empregando distintos nomes dentro dese conglomerado

Contratos rotativos: o contrato indefinido morreu. Agora algunhas empresas (no caso de conglomerados) o que fan é renovar o contrato aos seus traballadores de 6 meses en 6 meses, empregando distintos nomes dentro dese conglomerado, co cal o ciclo rotativo pode seguir durante + tempo. Non só conseguen explotar e dominar máis ao traballador, senón que conseguen ter traballadores máis baratos e precarios, baixo a ameaza da non renovación da relación laboral.

Contrato indefinido: morreu o ano do noso señor.

Benvidos a economía Zombie e lembrade “España non é Grecia, nin tampouco Uganda”, pero a semiescravitude laboral xa está aquí

Este é o  panorama que Rajoy afirma que é o da recuperación, e os medios palmeiros aproban e aplauden. Benvidos a economía Zombie e lembrade “España non é Grecia, nin tampouco Uganda”, pero a semiescravitude laboral xa está aquí.

“Un escravo é aquel que espera que alguén veña a liberalo”. (Ezra Pound)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.