Os negros (a emigración galega no tango riopratense)

'Desfile de llamadas' no Barrio Sur de Montevideo. Ano 2020 CC-BY-SA Jimmy Baikovicius

A maioría dos escravos negros que chegaron ao Río da Prata viñan dos territorios africanos de Angola, Congo e Guinea e por iso a súa lingua era do grupo bantú. Moitas das palabras que se usan na lingua riopratense son de raíz kimbundu (bantú) como por exemplo: batuque, cachimba, catanga, catinga, dengue, malambo, Mandinga, milonga, mucama ou quilombo. Os escravos e logo os libertos tiveron que organizarse para intentar a conservación da súa identidade e foi así que artellaron a súa vida arredor da súa nación ou comunidade de orixe que tiña as súas propias autoridades para a celebración, encuberta, das festas e rituais relixiosos. Cada nación ou grupo étnico tiña o seu local social no que sempre en coincidencia coas celebracións católicas realizaban as súas danzas. O trasplante forzado a un novo hábitat (urbano) no que os seus costumes están perseguidos fixo que manter a súa cultura propia fose a única forma de sobrevivir nun medio hostil. As tradicionais festas católicas do Nadal e Ano Novo e Reis foron aproveitadas para facer as súas celebracións. O nome destas reunións era o candombe que logo permaneceu soamente para a denominación da danza. 

O musicólogo uruguaio Lauro Ayestarán considera que o candombe-danza é unha rica “pantomima coreográfica” xa que estamos diante dunha danza aculturada pola similitude das figuras en relación coa contradanza europea. O antropólogo uruguaio Danilo Antón afirma que os bailes dos escravos eran moito máis que simples movimentos, eran cerimonias relixiosas que comezaron a desenvolverse a finais do século XVIII en semellanza ao candomblé e umbanda do Brasil e as santerías de Cuba e o vudú de Haití. Nas celebracións dos negros riopratenses participaban grupos de varias nacións xa que os traficantes facían unha moi noxenta desfeita separando a familias e membros dunha mesma etnia. Os lugares de xuntanza foron chamados “os tangos dos negros” e por suposto que a palabra “tango” tiña un claro contido pexorativo.

Lauro Ayestarán © http://www.academiadeletras.gub.uy/

“La expresión que hoy conocemos bajo el nombre de ‘Candombe’, marca la línea divisoria cronológica entre la esclavitud y la libertad. El antiguo ritual africano se ha perdido y el negro pide prestado al blanco su casaca, sus charreteras, su galera y luego ---¿por qué no?--- también algunos de sus pasos de danza; pero le pone su encanto primitivo, su pigmento, en la síncopa melódica y coreográfica”.

 

Lauro Ayestarán

A estructura do candombe-danza está emparellada cos maracatús e reisados do Brasil e tamén cos cabildos e reinados de Cuba. Dos instrumentos que se utilizaban para o acompañamento das danzas, só quedaron os tamborís que agora son de catro tipos, segundo sexa a súa dimensión e o seu son. Levan os nomes de chico, repique, piano e bombo. Os historiadores indican que no século XIX a música dos africanos tiña maior riqueza xa que posuía máis variedade rítmica pero foron desaparecendo instrumentos como o macú que era un tambor moi grande. Tamén se perderon outros instrumentos de carácter idiófono (marimbas e porongos) xa que non é posible manter os caracteres propios dunha cultura dentro doutra que é a dominante. Cando se corta a corrente de escravitude pola prohibición da “trata” pois paseniñamente os negros riopratenses van perdendo as liñas que debuxaban a súa cultura orixinal. 

“El negro criollo rioplatense tiene su especial característica para caminar: visto de atrás recuerda el tranco con flexiones de un felino que va al paso, tranquilo y confiado, tranco que simula cansancio y que fácilmente se transforma en movimientos rápidos; por eso era impetuoso y fantástico cuando bailaba; hormigueaba en su nervios toda danza antes de abordarla, y ya en posesión de ella le aplicaba las características de su escuela instintiva. Era oportuno, incansable, persistente, artista pero no artífice.”

Obdulio Varela Muíños, 'el negro Jefe' Dominio Público

Vicente Rossi

Arredor de 1890 pódese considerar que desaparecen os candombes de tipo clásico ou orixinais e o que queda é unha danza que vencella estreitamente ao entroido. Non debemos de esquecer que os negros chegados as beiras riopratenses non eran moitos se o comparamos coa masiva presencia no Caribe e zonas do Brasil e no sur dos Estados Unidos. Aínda que sendo poucos deixaron a súa pegada na música popular xa que a milonga e o tango son herdeiros dos ritmos africanos. En terras americanas foi sometido a un moi forte proceso de aculturación xa que o trouxeron para traballar nunha sociedade extraña onde non se lle permitía refacer o seu sistema familiar e sen dereito a falar a súa lingua e tampouco a crer nos seus deuses ou espíritos. Hai diferencias neste triste proceso de desfeita humana xa que nas plantacións de Cuba ou Estados Unidos eran moitos os que facían unha vida en común xa fose nos campos polo día ou de noite nos barracóns. 

Así puideron conservar mellor os elementos orixinarios da súa cultura pero na Arxentina e no Uruguai onde a principal actividade económica era a gandeiría, os escravos estaban máis incomunicados e tiñan que adoptar, obrigados, a cultura dos seus amos. Quero lembrar que os apelidos Varela Muíños, identificativos do grandísimo xogador de fútbol que en 1950 fixo calar as máis de 100.000 persoas que berraban no estadio carioca de Maracaná eran da familia galega de Montevideo que tivo escravos ao seu servizo dos que descende don Obdulio. Un ético deportista que merece a gloria eterna e que será lembrado na República Oriental do Uruguai polo seu fermoso alcume de “El Negro Jefe”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.