Pobres paises ricos (sobre a mina de Corcoesto)

Os países ricos en recursos naturais son presas moi codiciadas polos depredadores da auga, dos minerais, da madeira, do agro ou das fontes de enerxía. No Perú e en Bolivia, no Tíbet e no Kurdistán, no Irán e no Iraq, no Congo e en Namibia, a inmensa apetencia transnacional polos seus bens naturais significou e significa miseria, desigualdade, explotación, segregación e represión para os seus pobos. O proxecto da mineira con sede no Canadá Edgewater Exploration para extraer ouro en Corcoesto, na comarca de Bergantiños, que conta co aval da Xunta e será declarado pola mesma Proxecto Industrial Estratéxico, é a última dunha longa serie de iniciativas extractivas de capital transnacional que revelan que xs galegxs seguimos a sofrer un modelo de entrega dos nosos recursos naturais que se achega máis ao saqueo colonial e postcolonial do Perú ca á autoxestión sustentábel e responsábel de Noruega.

xs galegxs seguimos a sofrer un modelo de entrega dos nosos recursos naturais que se achega máis ao saqueo colonial e postcolonial do Perú ca á autoxestión sustentábel e responsábel de Noruega

O pobo galego vén entregando, docilmente dende a nosa posición inmóbil de perpetua postración política e social, os recursos propios de toda clase en mans alleas, sen recibirmos compensación algunha. Non obstante, a ambiciosa aventura extractiva de capital privado estranxeiro que explotaría o solo de Corcoesto está a espertar unha crecente oposición social polos evidentes danos ambientais que implicaría, con grave impacto sobre o monte e masivo consumo de recursos hídricos; polo claro risco de contaminación da auga, do aire e do solo con substancias tóxicas de gran perigosidade, incluído o uso diario de tonelada e media de cianuro de sodio; e mais polo inxusto e regresivo reparto dos cuantiosos beneficios que o capital privado foráneo obtería pola explotación dun dos nosos recursos naturais non renovábeis.

As grandes corporacións mineiras adoitan defender as súas perigosas, lesivas, inxustas e invasivas actividades nas periferias mundiais asegurando que un país do centro do sistema coma o Canadá ten na minaría un dos seus piares económicos. Isto é falso, pois no mundo real o país norteamericano podería definirse coma un mero paraíso legal e financeiro para unhas multinacionais da megaminaría que, non obstante, escavan e explosionan en lugares ben afastados do país da folla de arce.

Debemos reflexionar qué país queremos ser e qué economía queremos ter. Pagarémolo moi caro de seguirmos pensando inxenuamente que estes proxectos significan emprego, desenvolvemento ou inversión, pois supoñen realmente para nós expolio, destrución e miseria

No contexto de crise e de esmorecemento do medio rural galego, os escasos 270 postos de traballo contemplados no proxecto poden sonar a maná, mais habería que ver en qué medida eses postos serían cubertos por traballadorxs locais. En calquer caso, o beneficio para a comunidade sería obscenamente mínimo comparado co que metería no peto o capital canadense, que espera obter 1.095.000 onzas de ouro, e nunca xustificaría os efectos ecolóxicos e ambientais irreversíbeis da explotación. Debemos reflexionar qué país queremos ser e qué economía queremos ter. Pagarémolo moi caro de seguirmos pensando inxenuamente que estes proxectos significan emprego, desenvolvemento ou inversión, pois supoñen realmente para nós expolio, destrución e miseria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.