Polos que marchamos

Hai tres meses emigrei ao mesmo país ao que hai sesenta anos emigraran os meus avós. E hoxe, nunha anodina oficina de correos, votei. Votei coa decepción dun mozo que se esforzou por facer ben todo aquilo que “había que facer” e recibiu como premio o convite a coller o seu título e liscar do país.

Votei coa decepción dun mozo que se esforzou por facer ben todo aquilo que “había que facer” e recibiu como premio o convite a coller o seu título e liscar do país

Votei coa rabia dun rapaz que ve a un feixe de vacas sagradas manexar con impunidade os destinos de millóns de persoas a beneficio dos seus escuros e corrosivos negocios. Votei coa indignación dun emigrante que non pode traballar na súa terra porque o abafante bipartidismo compartiu durante décadas unha axenda común de destrución do noso tecido produtivo e de patética postración ante os poderosos olimpos financeiros. Votei coa dor dun arquitecto que viu aos empresarios xogar a única carta da depredación inmobiliaria máis cutre e esnaquizadora do noso territorio e da nosa paisaxe coa complicidade obscena e ben untada dos caciques locais.

Votei co noxo dun galego que ve como o sistema cruel e sen escrúpulos que nos domina premia aos que estafan e castiga aos que loitan. Votei coa insumisión dun cidadán que non quere ser súbdito e berra que onde hai unha necesidade debe haber un dereito e non un negocio. Votei coa convicción dun inconformista que cre noutro modelo de país, que confía nun proxecto de equidade e xustiza social, que defende unha nova economía produtiva ao servizo do pobo que xere postos de traballo de calidade e mude radicalmente o xeito de manexarmos os recursos naturais de todos e para todos.

Votei, coa rebeldía coa que nunca antes votara, aos que dende hai trinta anos loitan contra vento e marea polo soño colectivo dun país máis xusto

Votei con Galiza no corazón e o corazón á esquerda. Votei, coa rebeldía coa que nunca antes votara, aos que dende hai trinta anos loitan contra vento e marea polo soño colectivo dun país máis xusto. Hoxe votei ao BNG. Polos que marchamos. Para que voltemos á casa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.