O primeiro ministro portugués, António Costa (PS) ven de presentar a alta velocidade ferroviaria que unirá Lisboa co Porto, Braga e Valença do Miño, proxecto que se vai desenvolver entre 2026 e 2030. Deste xeito Portugal prioriza a súa conexión atlántica co noso País por riba da súa conexión con Madrid, que é o proxecto polo que optou o Goberno do Estado de Pedro Sánchez no cumio luso-español de outubro de 2020.
Portugal xa decidiu elixir a complementariedade econömica e cultural coa Galicia para potenciar ese grande eixo Ferrol-Sétubal
Portugal xa decidiu elixir a complementariedade econömica e cultural coa Galicia para potenciar ese grande eixo Ferrol-Sétubal, que calquera observador dende a altura pode albiscar como unha das principais concentracións humanas non só da península ibérica, senón do propio oeste europeo. Ten moi claro que iso é o que lle cómpre e non potenciar a radialidade española a prol do hipertrofiado Madrid, porque non quere que Portugal se convirta no burato negro no que se convertiu a Meseta castelá nin outros territorios da periferia española.
Semella que nesta andaina tanto o goberno como todas as forzas políticas e axentes sociais, sindicais e empresariais do noso País concordamos co proxecto dos nosos irmáns portugueses. Mais temos de ser conscientes da frialdade e mesmo oposición do Madrid político, empresarial, mediático, profesional e vencellado ao deep state que inclúe aos grandes corpos funcionariais do Estado.
Galicia terá de desenvolver unha grande campaña de información, unha ampla operación de lobby e unha potente, teimuda e sostida mobilización cidadá que esixa a programación e execución da saída sur de Vigo
Galicia terá de desenvolver unha grande campaña de información, unha ampla operación de lobby (tamén perante unha Comisión Europea que aposta por e financia aqueladamente esta caste de proxectos de integración interestatal) e unha potente, teimuda e sostida mobilización cidadá que esixa a programación e execución da saída sur de Vigo e dos menos de 30 kms que o Estado ha garantir para a conexión galego-portuguesa da alta velocidade ferroviaria.
Unha simple rolda de chamadas entre persoas con responsabilidades empresariais e políticas en Madrid e o enxergamento dos comentarios nas redes sociais nos achega a idea de que este proxecto non gosta ao centralismo madrileño, a esa España uninacional e radial que defenden, si, Abascal, Aznar e Díaz Ayuso, mais tamén Villar Mir ou Florentino Pérez. Velaí a importancia de amosar proactividade e unidade de País. Porque os proxectos comúns á Galicia toda (como adoita dicir Anxo Quintana) son case sempre imparábeis.