Pro universitate: pola autonomía e a necesaria discordancia na ágora pública da universidade

O 12 de setembro de 2019, a Universidade da Coruña anunciaba a decisión de suspender unhas xornadas dedicadas á prostitución apelando a motivos de seguridade, de organización e mesmo de calidade.

Nada teríamos que obxectar se a decisión viñese dada despois dun prolongado proceso de reflexión interno. Non obstante, as evidencias apuntan a que se cedeu á corrente de opinión contraria manifestada por parte da sociedade civil organizada en partidos políticos, asociacións e colectivos que manifestaron a súa oposición á celebración de ditas xornadas porque suporían unha expresión de apoio á prostitución por ofrecerlle voz e visibilización, lexitimándoa e por defender a súa regularización e normalización como traballo. 

Non somos partidarios da prostitución e moito menos da súa exaltación, pero non é iso, ao noso entender, o que está en xogo, xa que, moito nos tememos que calquera tema sería susceptible de non se poder tratar na Universidade pública. Consideramos que a sociedade civil é moi libre de expresar a súa opinión e de argumentala e mesmo pode solicitar que non teñan lugar determinados eventos..., pero a Universidade debe ter a fortaleza suficiente para defender a súa autonomía como ágora e manter vivo o debate.

Non hai moito, noutro texto, escribíamos que, “na actualidade, nada semella librarse das gadoupas do pensamento politicamente correcto que, non obstante, e de forma nada paradoxal, representa unha perversión dos valores morais e da ética. Cando menos supón unha imposición dogmática, que foxe da reflexión, do debate e do diálogo. E quen ouse discutir os seus fundamentos será vilipendiado e exposto á turba dixital das redes sociais.” Algo disto houbo na decisión da UDC, xa que as redes sociais actuaron como turba e como lanzamento de insultos. Algo moi lonxe da argumentación e da dialéctica e que describe unha actitude democrática pobre.

Asistimos a unha perigosa confusión de escenarios, de principios e de valores. Resulta evidente que a decisión da UDC de anular as xornadas non respondeu a un desexo de reformulalas e de incorporar, se cabe, voces disonantes ou discordantes –que puideran ser obxecto doutra xornada para recoller a pluralidade de perspectivas ante o feito da existencia da prostitución-, senón que cedeu á presión social e mediática, á turba dixital, e con iso renuncia a ser un espazo de controversia, debate e exposición de ideas. Demouca a autonomía que debe impregnar a ágora universitaria e limita o exercicio e o dereito á liberdade de expresión e de pensamento. 

Case un mes despois de iniciarse esta notiña, soubemos da reacción de apoio por parte de até 20 universidades do Estado que adoptaron a decisión de levar a cabo xornadas de debate sobre a prostitución. Que haxa un debate público é unha boa noticia. Que haxa 20 é aínda mellor, quizais a única maneira de responder ao que se puido considerar imposición de silencio e recorte de libertades e dereitos. Ademais, cómpre non esquecer que na realidade española, ao igual que noutros países do noso entorno, como Italia, a prostitución se desenvolve normativamente como unha actividade alegal. Ese status fai fundamental o establecemento de foros de debate e análise que contribúan á boa toma de decisións que leven ao establecemento dunha lexislación, que podería ser tanto abolicionista como liberalizadora, por falar só dos extremos. 

En realidade, a decisión da UDC obedece a unha autoimposición por medo. Mal exemplo para o futuro, xa que estamos ante armas arreboladizas. A renuncia da UDC pode alegrar hoxe a determinados colectivos, pero o día de mañá pode que eses mesmos colectivos necesiten dunha Universidade libre, plural e dialéctica...e quizais xa non exista. Unha terrible onda determina a dirección que debe adoptar o pensamento ante certas cuestións. O sistema capitalista impón esa dinámica...e todos caen nela! Insistimos, o triunfo dun día podería ser considerado mañá ‘censura’, ‘violación do dereito da liberdade de expresión’, ‘imposición’, etc. 

O preocupante en todo este asunto é ver que, na actualidade, ante calquera tema social, a argumentación desaparece baixo o peso abafante do emocional. A Universidade ten que ser un ágora, o espazo público privilexiado onde se coñece a controversia, a disparidade, o debate argumentado e a contraposición de ideas. Sen dialéctica non hai avance nin progreso no discurso científico. 

En toda controversia ten que existir cando menos un binomio antonímico (A <-> B) e ambos contendentes dialécticos teñen que e deben ofrecer as súas teses e hipóteses a través da argumentación. Se renunciamos a que na Universidade se presenten temas que preocupan na sociedade e que estes se discutan e se proxecten cientificamente, será imposible que na sociedade poda prender ou asentar unha postura adoptada cientificamente. Sen coñecemento e unha descrición axeitada da realidade e dos contextos sociais, estes non poden ser debidamente estudados. 

Escoitar e debatir non supón, en modo algún, aceptar ou lexitimar opinións determinadas. Isto que semella máis que evidente, no entanto, é o motor da protesta: unha opinión determinada non se lexitima por aparecer exposta nun foro público. Lexitímase -e deslexitímase- por si mesma, e polos mecanismos de refutación das opinións contrarias á ela. Escoitar e debatir non significa aceptar as posturas dos contrarios, ou as posturas que nos poden parecer mesmo aberrantes; só supón aceptar que se expoñan para reflexionar e traballar o propio debate. No proceso contra Sócrates, a pesar de que este era acusado de utilizar a palabra contra a xuventude ateniense, a propia cidadanía que o xulgaba non entendería que se lle vulnerase ao filósofo o dereito a expoñer as súas opinións. En rigor, mesmo era necesario escoitalo para poder condealo, como de feito ocorreu.

A realidade non é simple, nin podemos sometela a actuacións simplistas, amosa contextos moi complexos. O noso deber é coñecela o mellor posible. E o paso previo é non só aceptar a súa complexidade, senón non lle ter medo. Ningún colectivo ou persoa individual, por acertadas e éticas que sexan as opinións que defende, pode restrinxir a liberdade de existencia de espazos de debate, de discusión e de análise. Ese colectivo ou persoa non debería, sequera, estar dacordo coa clausura de espazos de pluralidade e de discusión; do contrario, apoia, por acción ou por omisión, explícita ou implicitamente, a existencia dun pensamento único que censura calquera opinión contraria ao considerado correcto. Iso é inconcebible nunha sociedade democrática.

A Universidade é o espazo onde se tende a ponte que permite transitar dunha posición á outra. Se se destrúe esa ponte, só permanece a imposición do dogma (de fe ou ideoloxía)...e algúns poden ser beneficiosos...pero outros son perigosos e mesmo mortais. Sen esa ponte, na sociedade só quedará unha postura dominante e unha latexante, que agardará a ‘ventos’ mellores para emerxer e impoñer a súa perspectiva no escenario. Así, morre toda aprendizaxe democrática e queda o caldo de cultivo das intransixencias, das fobias de toda pelaxe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.