Punto e Seguido. Un escrache dixital antifascista

Primeiro permítanme un conto real, unha fábula dun dentista galego do que son familia. Non en balde nin só polas facturas, A. Reixa cantaba (nos seus bos tempos): "vós, dentistas sodes os terroristas". Ao meu primo P. (mataríame se dou o seu nome), en plena crise de madurez (van entendendo o porqué do anonimato), deulle pola caza maior do cacique (como a outros lles dá polos deportes de risco). P. é dentista en Lugo e propúxose colgar no despacho da súa consulta, a carón dos diplomas e certificados, a cabeza disecada do cacique da nosa vila. Unha metáfora, está claro.

A proposta consistía en algo ao que nos deberiamos expor todos: converter as nosas profesións en panca de transparencia. Liberar os datos inxentes que manexamos. Practicar a transparencia en lugar de reclamarlla a outros (por certo, sempre aos políticos, nunca aos nosos xefes)

A peza que P. quería cobrar era unha portada de La Voz de Galicia ou Interviú que dixese: "O alcalde de V. encarcerado por prevaricación e suborno". Sen pegar un só tiro. Deixándolle a disección e a taxidermia do cadáver aos xornalistas.

Convidou os seus clientes á confidencia. Converteu a cadeira de brazos de dentista en confesionario. A súa consulta transformouse en mentideiro de escándalos e filtracións. A proposta, nin máis nin menos, consistía en algo ao que nos deberiamos expor todos: converter as nosas profesións en panca de transparencia. Liberar os datos inxentes que manexamos. Practicar a transparencia en lugar de reclamarlla a outros (por certo, sempre aos políticos, nunca aos nosos xefes e patróns).

No seu caso, P. quería transformar as limpezas de boca dos seus pacientes en purgas anticorrupción. O meu primo foi un Assange adiantado á súa época. Os seus clientes, soldados Manning dispostos a xogala polos seus concidadáns. Porque esa e non outra (recordémolo agora que comeza o xuízo a Manning), é a proposta de fondo de Wikileaks. Polas bocas de todos nós, formando bancos de peces antes inofensivos, morrerán as quenllas que nos desgobernan. Depurados polos segredos que podemos filtrar.

O meu primo foi un Assange adiantado á súa época. Os seus clientes, soldados Manning dispostos a xogala polos seus concidadáns. Porque esa e non outra (recordémolo agora que comeza o xuízo a Manning), é a proposta de fondo de Wikileaks

Sobra dicir que noso ex-alcalde levouno mal. P. contribuíu moito a colgarlle a "ex-", pois perdeu as eleccións seguintes. E iso permitiulle ao meu primo gozar dunha segunda mocidade. Pasouno en grande facendo agit-prop no xornal local, publicando as denuncias e os papeis cos que o obsequiaban os seus pacientes, en lugar de aceptarlles o marisco. Así baixou o seu ácido úrico e rebaixou a súa acidez en xeral.

O meu primo P. e Assange deron a man sen coñecerse. Os seus émulos de agora abrázanse con Ada Colau e demais amantes do escrache, inventado polos arxentinos que denunciaban a lei de punto final e lograron convertela en lei de putos finais para xenocidas como Videla.

España remestura todas estas iniciativas nun novo artefacto de transparencia. Hackers e desobedientes das hipotecas e das historias oficiais únense como promotores da iniciativa Punto e Seguido. Convócannos a tod*s: contra toda lei de Punto Final.

Hackers e desobedientes das hipotecas e das historias oficiais únense como promotores da iniciativa Punto e Seguido. Convócannos a tod*s: contra toda lei de Punto Final

Súa sexa a palabra e que as nosas lles dean forza:

Punto Seguido é unha iniciativa que a través da colaboración cidadá e de forma anónima, recompila información de calquera tipo sobre represores, torturadores e criminais contra os Dereitos Humanos. O obxectivo é localizar estas persoas, con nomes e apelidos, para facilitar o seu enxuizamento por tribunais internacionais en accións como a coñecida Querela arxentina contra os crimes do franquismo ou a Querela polos bombardeos italianos de Barcelona durante a Guerra Civil, ou poder sinalar e avergoñar publicamente esas persoas, mentres os procesos xudiciais non prosperan

Aínda que a iniciativa nace en España e coa mirada en Latinoamérica, ten vocación internacional, xa que desafortunadamente, os crimes contra os dereitos das persoas repetíronse e repítense en todo o mundo. Trátase de repetir e compartir tamén as loitas. Por iso esperamos que a nosa iniciativa inspire outras similares noutros países de fala non hispana.

Compartimos información contra a impunidade, para que esa historia non se repita.
Sirva esta ferramenta de arquivo e documentación desa historia.

Hackeando a Lei de Memoria Histórica cun crowdsourcing multitudinario, expoñen un escrache antifascista a ambos os dous lados do Atlántico. Empecen a escribir a historia que nos arrebataron

Hai un ano preguntabámonos que sairía da maridaxe de Assange (a loita pola Transparencia Global) co (ex)xuíz Garzón (e o seu combate pola Xustiza Universal). Ben, aquí está o seu primeiro fillo. Hackeando a Lei de Memoria Histórica cun crowdsourcing multitudinario, expoñen un escrache antifascista a ambos os dous lados do Atlántico. Empecen a escribir a historia que nos arrebataron. Non permitan que lles impoñan ningún punto final. Fagan das derrotas do seu álbum familiar unha vitoria colectiva. Colguen o seu fascista do muro da vergoña que imos construír. Empecen por AQUÍ.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.