Refundando o soberanismo

O soberanismo galego está nunha situación de grave crise. Atópase colgado como se fose un ordenador con sistema operativo Windows, necesita resetearse e arrancar de novo. Os resultados das pasadas eleccións son só un síntoma do deterioro dunha parte, a da organización maioritaria, mais o resto do soberanismo, o que se define independentista, é incapaz de articular un discurso que achegue esta idea á sociedade e está permanentemente mirándose o embigo.

O BNG encerrouse nas institucións e aparcou as mobilizacións transformando unha organización de militantes en afiliados. O independentismo aparcou as institucións e encerrouse nos centros sociais gardando a caixa das esencias e nun permanente proceso de reprodución por división. Este pode ser un moi pequeno resume da situación do soberanismo, algo que debemos mudar para non desaparecer. Se hoxe a situación da nosa cultura e do noso idioma non é peor foi grazas ao traballo do soberanismo, se aínda falamos de Galiza como nación é grazas á permanente reivindicación do soberanismo. Acaso alguén pode pensar que de non existir as organizacións políticas, sindicais ou de defensa do idioma non seríamos xa un conxunto de catro provincias sen identidade.

Refundémonos.

Case todos e todas temos asumida a necesidade de mudar esta situación e apostamos por unha Refundación. E como debe ser este proceso? En primeiro lugar temos que saber a onde queremos ir, que queremos propoñerlle ao pobo galego, e para iso temos que apostar por unha superación das ideas. Temos que superar o nacionalismo, como xa fixeron as Irmandades da Fala no século pasado dando un salto ao baleiro para marcar as liñas do soberanismo do século XX, debemos dar nós outro salto e pasar ao Independentismo galego do século XXI. É necesario rachar coa ambigüidade, ter as ideas e os principios claros antes de facer calquera refundación.

A onde imos?

Queremos estar na primeira división das nacións sen estado e tomar o camiño da liberación nacional ou pretendemos continuar co oportunismo electoral e navegar entre as dúas augas da ambigüidade calculada. Non se pode pretender facer unha reconstrución en lugar dunha refundación cos anacos rotos do BNG. Volvendo coser os retallos o que se vai provocar é o nacemento dun mostro condenado ao fracaso, un novo Frankestein cuxo destino é vagar sen rumbo no Polo Norte.

Temos que ter claras as ideas e niso temos que aprender moito das organizacións da mocidade que nos din claramente que España, a Unión Europea, o euro e a Otan non son o camiño nin a opción para acadar a liberdade do pobo galego.

España e a Unión Europea son a nosa ruína. Son o lastre que impide o noso desenvolvemento atacando a nosa forma de vida, a nosa cultura e machacando a nosa economía. Con eses dous corpiños non podemos respirar. Se algúns optan por crer que podemos fiarnos dos partidos españois e dos seus cantos de serea sobre a plurinacionalidade e o dereito a decidir, que se pode cambiar desde o centro á periferia alá eles. Xa escoitamos os laios dos que dicían que xuntándonos con Podemos iamos cambiar as cousas. Repítese a historia dos que quixeron galeguizar o PSOE.

A situación do país obríganos á xenerosidade.

Refundar o soberanismo supón a participación de todos e todas en igualdade de condicións, ten que ser un proceso aberto onde deixemos de lado o pasado de división e aínda que os procesos electorais teñen a súa importancia debemos esquecelos temporalmente para que os seus condicionantes curtopracistas non interfiran.

Precisamos crear un instrumento eficaz, non unha sigla á que adorar, con propostas para solucionar os problemas do pobo galego. Debemos construír un instrumento flexíbel onde as persoas que se integren sexan militantes e non meros afiliados, que aporten o seu traballo e a súa ilusión, onde todos e todas teñamos a capacidade de decidir respectando sempre a pluralidade ideolóxica.

Se fomos capaces de enfrontarnos ao franquismo e criar organizacións sindicais, culturais, de defensa do idioma, até de impedir a construción dunha central nuclear, de organizar manifestacións multitudinarias en defensa do noso país, como non imos ser capaces de reorganizármonos e refundármonos. Seremos capaces de reseteármonos e reinstalar un novo sistema operativo de software libre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.