Requiem polo sono europeo

CC-BY-SA Praza Pública

As políticas que, dende fai algunhas décadas, veñen aplicando as elites europeas están provocando que calquera parecido entre a realidade actual da Unión Europea e a maioría, por non dicir todos, os principios comunitarios recollidos na Constitución europea (Art. 2) sexa “pura coincidencia”. Que hoxe, por caso, a Unión Europea ten un enorme déficit democrático e elevados niveis de desigualdade social e territorial tales que desmenten o mito da Europa do benestar. Unha Europa que non é un espazo político no que prime a solidariedade e a cooperación entre estados nin tampouco un lugar de refuxio e acollida para os que foxen das guerras, da fame e da miseria. 

Políticas que converteron a Unión Europea nunha zona con un moi baixo perfil democrático. Practicamente dende que se creou a UEM (Unión Económica e Monetaria), o 7 de febreiro de 1992 (Maastricht. Países Baixos), os estados europeos veñen cedendo a súa soberanía a prol de instancias europeas (Consello Europeo, Comisión Europea e Banco Central Europeo) que, carentes de lexitimidade e responsabilidade xenuinamente democráticas, teñen uns comportamentos escurantistas e despóticos tal que impiden o control dos cidadáns europeos pero que lles permiten aparecer sempre aliñadas co pensamento neoliberal – o social nunca aparece na súa axenda-. Unha cesión de soberanía que leva a que as decisións tomadas por estas instancias estean por riba das decisións tanto do Parlamento Europeo como dos propios Parlamentos e gobernos dos estados membros no que non deixa de ser un funcionamento institucional profundamente antidemocrático. 

A Unión Europea tampouco é un espazo que medre dun xeito harmonioso e cohesionado. Hoxe as desigualdades sociais e territoriais ao interior da Unión Europea son as mais elevadas de sempre. Empezando por estas últimas sinalar que os propios informes da Unión Europa sinalan que aparecen ben identificadas dúas zonas diverxentes economicamente: unha que podemos considerar o centro (cuxo PIB per capitá multiplica case por 6 a media na UE) e outra a periferia (cuxo PIB per capitá non chega nalgúns casos ao 30% da media). Dúas zonas de fácil localización: mentres o centro rico movese dende o norte de Italia deica Alemaña con diverxencia ata os Países Baixos e Escandinavia, a periferia estaría formada polo resto dos estados europeos. Unha desigualdade que adquiren asemade perfís rexionais: mentres un terzo das rexións teñen un PIB per capitá por baixo do 75% da media europea so o 16% superan o 125% desa media. 

Desigualdades territoriais que agochan crecentes desigualdades sociais que moitos autores consideran extremas: aínda si ben é certo que hai grandes diferenzas ao interior da Unión Europea, por caso entre Suecia (o estado mais igualitario) e España (o mais desigual), o nivel de pobreza global medrou de forma considerable ata chegar ao 17,3% -50% nos Balcáns- sendo os desempregados o mais afectados pola mesma -47,5%- seguidos dos pensionistas -13,2%-. Un desemprego que afecta ao 7,1% dos traballadores da UE e o 8,2 da Eurozona (Grecia: 20,2%, España: 15,2%). Uns traballadores europeos que nun 9,6% son traballadores pobres (13,1% en España) por mor da forte caída das rendas do traballo: 47,5% do PIB (58% no 2008, 70% no 1975). Unha rendas do traballo que, practicamente en toda a UE, medran por baixo das produtividades.

Por si isto non fora suficiente as políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización do público están provocando un enorme deterioro nun estado de benestar antano orgullo de Europa (“O modelo social europeo morreu”, sentencia M. Draghi, presidente do BCE). 

Pola súa parte a débeda pública, cuxo control xustifica as políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial, tense desbocado en toda a UE converténdose nunha auténtica bomba de reloxería (81,6% do PIB na UE: 12,5 billóns de euros, 86,7% no zona euro: 9,7 billóns de euros). Realmente pódese dicir que se volveu impagable e ameaza novas crises: por caso, que pasa si se dispara a inflación, algo perfectamente posible?.

Asemade a Unión Europa, carente dunha política migratoria común, non aparece de ningures como un lugar de acollida para os que escapan das guerras, a fame e a miseria. Algo que, por caso, ponse en evidencia na falta dunha resposta europea ao enorme drama humano que se está a vivir nas augas do Mediterráneo con miles de cidadáns africanos (14.000 nos derradeiros tres anos, preto de 500 eran nenos/as) que morren afogados tentando chegar a Europa (OIM). “A Unión Europea fracasou na súa política de emigración, deixándoa trinta anos nas mans das mafias. Non é un problema de individuos senón un problema estrutural ….. a crise dos refuxiados demostrou a ausencia dunha política común … Europa ten pisoteado os seus valores …. Poden por os muros que queiran xa que as migracións seguirán… hoxe en día a Unión Europea non existe… os seus dirixentes non representan as sociedades europeas” (SAMI NAIR. Director do Foro Mediterráneo da Universidade Internacional de Andalucía).

Finalmente está o chamado “brexit” cuxo desenrolo contradí o principio comunitario de que a Unión Europea sexa un espazo no que prime a solidariedade e a cooperación entre estados. O brexit, dígase o que se diga, é unha indiscutible mostra do descontento entre as clases populares británicas coas políticas que tanto o seu goberno como as anteriormente citadas instancias da Unión Europea están impoñendo. Que o brexit tivera o seu maior apoio nos estados e rexións británicos con grande peso das clases traballadoras (Gales, Inglaterra) é un claro indicador dun descontento que ten moito que ver co sentir das clases populares británicas (como o resto das europeas) de que son as políticas impostas polas instancias europeas a principal causa do enorme deterioro do seu nivel de vida e benestar. Dada a relevancia europea e internacional da Gran Bretaña o brexit non é mais que un réquiem polo sono europeo

Virán mais de non cambiar as políticas económicas e sociais. Cambios que non se albiscan no horizonte europeo inmediato pois a actual unión europea é coma a arrogante e incompetente serpe que está incubando o seu ovo. Así estase creando en toda a Unión Europea un caldo de cultivo favorable a eclosión de partidos e movementos de extrema dereita. Eclosión que non deixa de ser unha evidencia mais do fracaso da Unión Europea, moi especialmente das súas elites.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.