Santiago, relato en branco

O que máis me sorprendeu do que aconteceu no Pazo de Raxoi na fresca mañá do 13 de xuño foi que o recén investido alcalde da capital de Galicia non levara escrito o relato máis importante da súa vida política ata o momento. Que improvisara en parte o seu discurso de investidura.

Pode non ser un mal comezo se o que se quere é dar respostas iniciais “en branco” á “confianza cega” que a veciñanza de Compostela depositou na coalición que venceu indiscutiblemente o 24M

Tras unha exitosa campaña na que os xestos foron tan medidos e traballados, non ter escrito un discurso político (polo que o alcalde se escusou ante os presentes no Pleno) ten que ser unha mensaxe en sí mesma. Algo así como “o relato de cidade ao que tanto aludimos na campaña, trouxémolo en branco e querémolo escribir coa cidadanía”. É un supoñer.

En calquera caso, pode non ser un mal comezo se o que se quere é dar respostas iniciais “en branco” á “confianza cega” que a veciñanza de Compostela depositou na coalición que venceu indiscutiblemente o 24M. Os xestos como antesala á xestión que máis pronto que tarde terá que chegar e acaparar o día a día.

A incerteza lóxica que xera un conxunto de partidos que conforman unha candidatura que pasa de cero a dez concelleiros vai ser apaixonante de vivir e analizar. Na oposición, tres forzas políticas que non son incógnitas, con historia xa relatada ás costas, co que elo implica para ben, e para mal.

As artes na oposición do Partido Popular son ben coñecidas pero veremos se son quen de tomar nota do que aconteceu en Santiago nos catro anos máis escuros da súa historia recente

As artes na oposición do Partido Popular son ben coñecidas pero veremos se son quen de tomar nota do que aconteceu en Santiago nos catro anos máis escuros da súa historia recente. Lonxe de ser esquecidos como parecía que confiaban que ocorrera tralo “efecto Agustín”, custáronlles a perda do goberno e o seu peor resultado se descontamos os 3 concelleiros de AP en 1979. A maiores un feito que convén ter en conta: o PP leva varios anos dirixido en Santiago por xestoras. Nin tras acadar a maioría absoluta foron quen de calmar as turbulencias internas. Mais ben ao contrario.

O BNG tamén é vello coñecido en Compostela. Souberon facer oposición ao PP, apoiar dende fóra a gobernos socialistas en minoría e gobernar co PSdeG en coalición. A incógnita dos nacionalistas neste mandato será a de ver se conseguirán saír airosos da dificilísima tarefa que teñen por diante: manter o seu espazo político, evitar que a marea compostelá remate por asolagar a súa casa. Agardemos que o consigan. O BNG é unha forza útil para Galicia, e para mostra a súa historia en Santiago.

E o Partido Socialista? Como parte da candidatura que concorreu ás eleccións non son nin pretendo ser obxectivo. Reflicto impresións.
Chegouse en estado de extenuación á campaña. A primeira en 28 anos dende a oposición e tras un mandato áspero e difícil porque os acontecementos propios e alleos que sobreviron non deixaron tempo á necesaria “aclimatación” ao frío da oposición tras unha derrota, a de 2011, en certo modo sorprendente. O proceso de primarias, as segundas en Compostela tralas que elixiran a finais dos noventa candidato a Bugallo fronte a Ceferino Díaz, non se aproveitou como oportunidade. Converteuse nun atranco máis nun camiño xa de por si ateigado deles.

O desenvolvemento da campaña aclarou que os motivos da indiscutible derrota non foron en sí a xestión das primarias ou as “liortas” internas, senón o tempo e as enerxías que iso roubou para ter chegado moito antes ás portas dos veciños e veciñas

Pero o desenvolvemento da campaña aclarou que os motivos da indiscutible derrota non foron en sí a xestión das primarias ou as “liortas” internas, senón o tempo e as enerxías que iso roubou para ter chegado moito antes ás portas dos veciños e veciñas. O recibimento  ao porta a porta foi desigual aínda que satisfactorio en xeral. Pero a mensaxe era nítida: “benvidos, pero chegades tarde”, “hai que botar fóra ao PP, pero desta volta non será da vosa man”. Nisto, os resultados amosaron que Santiago non foi unha excepción senón a norma das cidades da provincia da Coruña. Este relato levaba probablemente moitos meses escrito. Falóuselle á cidadanía coa cabeza cando se lle tiña que chegar ao corazón. Onde si chegaron outros.

Como en toda recuperación, o doente vai ter que poñer da súa parte. Abandonar vicios, levar unha vida sa. Non volver a deixar as enerxías polo camiño. Tomar o “infarto” do 24M como o derradeiro aviso

A xestora derivada da dimisión da gran maioría dos membros da dirección local asumindo os resultados e que no punto ao que se chegou era irresoluble a situación e imposible a reconstrución, ten o dificilísimo pero nin moito menos imposible reto de coller fío e agulla e suturar. De actuar como auténticas e auténticos “cirurxiáns políticos”. Estabilizado o doente, subilo a planta e iniciar a recuperación. E como en toda recuperación, o doente vai ter que poñer da súa parte. Abandonar vicios, levar unha vida sa. Non volver a deixar as enerxías polo camiño. Tomar o “infarto” do 24M como o derradeiro aviso.

Non renunciemos a escribir un novo relato para esta cidade capital.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.