“Shock” e final dunha era

©

“Houbo no mundo tantas pestes coma guerras e, sen embargo, pestes e guerras collen ás xentes sempre desprevidas”.

A peste, Albert Camus.

Naqueles anos cada un de nós sacaba forzas da prosperidade xeral da época e acrecentaba a súa confianza individual grazas á confianza colectiva. Quizáis, ingratos como somos os seres humanos, non nos demos conta entón do firme e segura que nos levaba a marea. Pero quen viviu aquela época de confianza no mundo sabe que desde entón todo foi retroceso e desolación”

Stefan Zweig

Eu non sei vós, mais nunca contei vivir unha peste nin en réxime de confinamento. Tampouco contaba ninguén vivir a caída das Torres Xemelgas e o ataque ao Pentágono no 2001. Moita xente botou décadas agardando a que se viñera abaixo o Muro en Berlín, e algúns dos nosos avós e avoas viviron guerras civís ou guerras mundiais. Cárcere e exilio. Cada xeración afrontou as súas particulares batallas. E a vida seguiu sempre adiante, con todas as dificultades e esforzos. Non ten nada de romántica nin de heroica esta situación, mais si que é estraña e terá repercusión nas nosas vidas. Mentres dure, e no sucesivo.

Escribía a xornalista, politóloga e activista estadounidense Naomi Klein, no seu best-seller (posteriormente feito documental) A doutrina do shock, que “a recente racha de catástrofes traducíronse en beneficios tan espectaculares que moita xente en todo o mundo chegou á mesma conclusión: os ricos e os poderosos causan deliberadamente as catástrofes co fin de explotalas” así como tamén “en momentos de crise a poboación está disposta a entregar un poder inmenso a calquera que afirme ter a cura máxica, tanto se a crise é unha forte depresión económica como se é un atentado terrorista”. Debera engadir aquí: ou unha moderna pandemia global, neste caso provocada por un virus descoñecido que foi bautizado Covid-19 e que, ao parecer, propagouse desde a República Popular de China a comezos de decembro do 2019 estendéndose xa a practicamente todo o planeta e provocando con iso unha alerta sanitaria internacional que, ademais, desencadeará inevitablemente nos tempos vindeiros mudanzas presentando ameazas e oportunidades múltiples e cruzadas nas sociedades e estados contemporáneos nun, xa de por si, inestable teatro mundial. Os avances da ciencia e a tipoloxía da enfermidade fan pensar que nada terá que ver con outras históricas epidemias, algunhas das cales chegaron a arrasar o 60% da poboación europea. Non será así, seguro. Nin moito menos. Este mundo non é, nin de lonxe, o do século XIV e a capacidade de resposta científico-técnica da humanidade agora é moi superior. O comportamento deste virus non é tan indiscriminado por grupos de idade e todo fai pensar que, de acontecer algún día algo similar, non será este o virus “elixido”.

Meses antes do foco inicial en Wuhan, un comité de expertos da ONU dicía nun alarmante informe que “se un brote novo e agresivo de gripe masiva estourara mañá, o mundo non tería ferramentas pra evitar a devastación. Morrerían entre 50 e 80 millóns de persoas en todo o planeta”. Arestora non pode determinarse se facían referencia específica ao escenario que habitamos neste instante, ou se a resultante será menos agresiva e masiva cá desa terrible estimación, mais todas e todos confiamos en que así sexa. É posible que o virus troque endémico, teñamos que convivir con el por longo tempo e faga máis dano naquelas rexións e países con peores sistemas de saúde, como en Oriente Medio ou nos países de África e latinoamérica. Lembremos que as epidemias máis mortíferas do último século foron a Influenza de 1918, causante da morte de entre 20 e 50 millóns de persoas no mundo e o VIH, que matou desde os anos 80 do século pasado arredor duns 32 millóns de persoas por causas relacionadas.

Non obstante, as reaccións dos gobernos desde China a Italia ou as decretadas no estado español, evidencian que a cousa é seria máis alá de calquera representación. Pero como con calquera peste das acontecidas ao longo da historia, tanto ou máis o é polas implicacións que o acompañan coma polo propio elemento infeccioso. Algunhas delas serán, inda que hoxe non o pareza, positivas: durante algún tempo cando menos activarase tamén en boa parte da sociedade a solidariedade e a conciencia de que así como non hai Planeta B, tampouco hai Sociedade B, nin Vida B. Con esta crise xa recordamos o que nos negaron a diario durante moito tempo: que o público é o que nos protexe, que a clase traballadora move o mundo e que a sociedade existe. O primeiro virus derrotado (ideoloxicamente) é o dogma neoliberal e as súas falacias. O que resulta xa todo un logro, e pode que un cambio de paradigma. As receitas do “estado mínimo” non serven en tempos de excepción.

Deixemos agora á marxe toda hipótese na liña da primeira sentenza de Klein. Abandonemos pois, neste intre, calquera propensión a alimentar o pánico ou a histeria que provoca o medo paralizante, que é máis libre ca nós mesmas. Desbotemos contemplar termos como bioterrorismo ou armas biolóxicas, inda que desde China e Rusia saian portavoces gubernamentais e expertos locais insinuando ou acusando pública e directamente aos Estados Unidos de usalas. Deixemos á marxe a tentación de refuxiarnos na inxente literatura e no cine distópico producido nas últimas décadas, que puideran condicionar o noso imaxinario. Por moitas similitudes que se atopen, isto non é ficción. Renunciemos agora mesmo a botar man daquel ensaio novelado de Susan George, Informe Lugano (ed. Icaria), que siñificaba unha proposta de subversión da orde establecida en occidente precedida da radical denuncia da inviabilidade no longo prazo dos mecanismos institucionais vixentes, acompañada dunha rotunda condena aos dirixentes e elites políticas e económicas do sistema-mundo e no cal consideraban ideas malthusianas de enxeñaría social (tese: o sistema actual non pode soportar sine die o crecemento exponencial da poboación mundial). Arrombémolo nun caixón. Non pensemos agora moito na infernal roda que guía os caprichos da acumulación de capitais pola banda das elites político-económicas ou, por exemplo, deportivas, por procedementos ilegais ou alegais de todo tipo como denunciaron un grupo de valentes xornalistas cando destaparon os Papeis de Panamá ao ver a luz para a opinión pública internacional os mecanismos e técnicas de evasión fiscal masiva a través de redes criminais, configurando así un bloque privilexiado de poder na pirámide social que formaría parte nuclear do selecto clube dos máis beneficiados coas crises recorrentes do “capitalismo do desastre” e senil.

Centrémonos un pouco máis nas posibilidades que abre a segunda sentenza escollida da prolífica escritora estadounidense pra introducir esta análise-terapia feita artigo, en relación ao momento que tocou vivir: a actualidade destes últimos días dispón, coma unha hostia coa man aberta, unha complexa situación a distintos niveis como colectividade humana: desde o local ao global, desde o social en todas as súas formas e vertentes ao económico en toda a súa dimensión, desde o cívico ao institucional e desde o metafísico ao máis material e tanxible. Todas as épocas históricas tiveron eventos que marcaron un antes e un despois, e que representaron a fin dunha etapa e a apertura doutra nova, en tránsitos de maior ou menor envergadura e duración e máis ou menos traumáticos: ascensos e caídas de imperios, pandemias e/ou guerras, revolucións, magnicidios, desmembramentos de estados, atentados terroristas, cracks bursátiles…podemos dicir, coido que sen demasiada marxe de erro, que o que vivimos arestora no mundo é un chanzo máis no xa longo camiñar errático da especie e da historia política dos pobos, os estados e as nacións. 

Se a queda do Muro de Berlín simbolizou a fin da Guerra Fría entre as superpotencias soviética e norteamericana, ou o acontecido o 11-S de 2001 en Nova Iorque inauguraba unha etapa de hexemonía decadente e declive desta última na fantasmagórica batalla contra o “terrorismo xihadista internacional” como escusa perfecta pra, entre outras cousas, invadir países e derrocar gobernos alimentando a voracidade polo gas e o petróleo ou a insaciabilidade do complexo militar-industrial, e que supuxo recortes de liberdades públicas e finalmente o estalido da crise-estafa económica internacional do 2008…a pandemia do coronavirus Covid-19 marcará tamén nesta liña, e nun proceso histórico acumulativo, un antes e un despois no inconsciente colectivo polas consecuencias que veñen da súa man. 

O medo que agora inocularon nas grandes masas fai deste un momento propicio pra entregarse a solucións máxicas e totalizantes, nas que emerxe o Leviatán hobbesiano. Daí vén, principalmente, o seu maior perigo. Son días nos que moitas certezas e aprendizaxes caen de vez: cando tes a percepción, máis ou menos fundada, de que a túa vida e/ou a dos teus semellantes está exposta, ameazada ou depende dun axente patóxeno invisible, hai cousas que cambian para sempre. A nivel individual, e no plano colectivo. Inda que obxectivamente afecte máis ás capas de poboación máis avellentadas elas non son outras persoas ca os nosos propios pais e nais, avós e avoas, tíos e tías, amigas e amigos…o risco de que colapsen os sistemas de saúde produciría unha catástrofe humanitaria da cal seríamos non só testemuñas, se non, protagonistas.

Os libros de historia falarán deste 2020 como o ano da pandemia global do “coronavirus”. Non sabemos aínda ben se a pandemia merece a atención e dimensión que os medios lle prestan polo seu potencial mortífero ou primordialmente se instrumentaliza coma un activador e catalizador doutros movementos e dispositivos que se están forxando nesta época de recomposición que apunta a gradual (ou abrupta?) desmontaxe dalgúns dos elementos e aspectos máis visíbeis da “globalización” que coñecemos nas últimas décadas: ¿O regreso ao estado-nación? (con todo o que iso podería implicar para nós e a garantía das nosas liberdades e institucións de autogoberno), ¿o relevo no liderado mundial de China aos USA?, etc etc. Seguramente por ámbalas dúas cousas merece atención. Fará falta a perspectiva temporal e o traballo dos historiadores pra aseverar en firme. 

No inmediato, si que existe un virus novo que si provoca mortes e a posibilidade dun colapso sanitario, que é unha das bases fundamentais para a convivencia e a orde social. O cal fai revisar as prioridades á forza. Si que existe un virus descoñecido e si que existe tamén a posibilidade dunha grave crise económica e social produto dos esforzos extraordinarios e conxuntos que farán falta para facerlle fronte no local, sumados aos efectos perniciosos dunha crise internacional incipiente. Posiblemente farán falta intervencións estatais radicais nas economías pra rescatar empresas, autónomos e familias dunha inminente ruína económica así como tamén pra facer fronte á situación creada no plano da saúde pública. Farán falta recursos, e dalgún lado terán que saír.

Polas reaccións dos gobernos mundiais é xa evidente que estamos diante dun evento inédito e da apertura dun tempo que vai ter un impacto, e unhas consecuencias xeoestratéxicas, económico-financieiras, psicosociais, ideolóxico-culturais e políticas duradeiras. Mesmo puidera redefinir a lóxica das alianzas internacionais consideradas estables ata o de agora nun proceso que será longo no tempo. Supón, na práctica, un “test de estrés” de primeira magnitude á fortaleza, resistencia e cohesión das sociedades, dos estados e dos modelos económicos nun contexto de “segunda Guerra Fría” entre potencias relevantes como o son China, a Federación Rusa ou Irán e os Estados Unidos de Norteamérica mailos seus aliados actuais, en plena multi-crise climática, migratoria e de refuxiados e con indicios que apuntaban xa na liña dunha recesión económica global, acentuada agora polos efectos económicos que terán os sacrificios pra conter e erradicar a pandemia, como é paralizar durante semanas ou meses países e rexións económicas enteiras. 

É un reto de altura e compromiso civilizatorio por todo o antedito e porque engade altas doses de incerteza e inestabilidade no mesmo seo dunha carreira armamentística declarada entre potencias e pola cal se están a producir nestes días os maiores exercicios militares e “xogos de guerra” en décadas; todo iso no remuíño dunha notoria guerra comercial e arancelaria con reminiscencias proteccionistas. En pleno auxe neofascista e de movementos ultradereitistas nalgúns dos principais países de occidente, que van desde Francia a España, pasando por Brasil, Polonia, Austria, Italia, Suíza ou o Reino Unido do Brexit. Coas sospeitas de írmonos achegando á emerxencia de novas problemáticas relacionadas coa obtención, provisión e acaparamento de fontes de enerxía. Co horizonte mediato dun peak oil do que tanto se leva falado. Cos efectos cada vez máis preocupantes de mudanzas climáticas de calado e doutras urxencias medioambientais.

Porá a proba pois, sen dúbida algunha, os modelos de democracia liberal representativa en crise e os estados de benestar saídos dos consensos da fin da segunda guerra mundial que foron atacados nas súas bases máis sólidas pola ofensiva neoliberal das últimas décadas. Os sistemas de saúde pública afrontarán o reto de superar a pandemia con sobre-esforzos debido ás políticas austeritarias. E diso vai depender, nun primeiro termo, a estabilidade e a paz social. Unha conxuntura atípica, que liberará enerxías críticas latentes nas loitas de resistencia global e nos enfrontamentos políticos máis importantes nos ineficientes sistemas políticos vixentes, que foron dando demasiados síntomas de esgotamento (Algo vai Mal, Tony Judt. Ed Taurus). Entidades supranacionais coma a UE, moi cuestionada xa, someteranse a novas tensións e contradicións. Nesta liña de argumentación este recomendable artigo de Nazanín Armanian en Publico.es avánzanos máis do contexto ao que nos enfrontamos. Recomendo moito a súa lectura “O Covid-19 poderá ser presentado polos xestores do capitalismo, non como resultado do sistema, se non o causante da grave crise que se aveciña”  . Por dicilo así: inda que o Covid-19 existe e é real, estaría funcionando coma chibo expiatorio ou espantallo dunha crise que pode ser máis forte e contundente que a vivida no 2008 e da cal, aparentemente, nos viñamos recuperando.

Sostiña Emmanuel Todd alá polo 2002, en Despois do Imperio. Ensaio sobre a descomposición do sistema norteamericano (ed. Foca) que “os USA intentan enmascarar o seu retroceso mediante unha actividade militar teatral dirixida contra países insignificantes. A loita contra o terrorismo, Iraq e o eixo do mal non son máis que pretextos. Ao carecer das forzas necesarias para controlar aos principais actores económicos e estratéxicos que son Europa e Rusia, China e Xapón, os USA perderán esta última partida polo dominio do mundo converténdose nunha potencia máis”, nun premonitorio avance da renuncia das “ambicións imperiais” ás que aludía insistentemente sempre e tamén naqueles anos Noam Chomsky. Case 20 anos despois aquela diagnose adquire virtualidade pois os feitos demostraron xa que baixo o liderado de Putin rexurdiu o oso durmido ruso e tamén emerxeu de vez con paciencia asiática e disciplina férrea a superpotencia económica e militar chinesa, contestando a hexemonía norteamericana. Disciplina que asombrou ao mundo nestes meses polo seu combate case vitorioso contra o axente patóxeno. Agora presta axuda internacional a países europeos para combater a pandemia, entre eles España. E isto último terá tamén importancia. Estreitaranse nalgúns países europeos lazos comerciais, diplomáticos, económicos e políticos máis fortes coa potencia asiática? Como reaccionarán os USA diante desa posibilidade? Mentres Trump establece aranceis aos produtos españois, China bota unha man no combate contra a ameaza da pandemia. Que consecuencias políticas se derivarán disto?

Do mundo unipolar que nos deixara a fin da guerra fría transitamos cara un mundo formalmente multipolar, mais no que inmensas corporacións transnacionais tiveron cada vez maior influenza e poder real. Os “novos déspotas” aos que aludía o relator da ONU Jean Ziegler no seu O Imperio da vergoña (ed. Taurus). Son eses déspotas os que agora se atopan tamén nunha difícil encrucillada, pois semella que algúns estados veranse obrigados a esixir esforzos extraordinarios pra afrontar momentos de excepción económica e social. Puideran facer falta intervencións estatais na economía e, cando menos no máis inmediato, unha viraxe en sentido neokeynesiano ou socializante, con políticas contra-cíclicas que vaian atallando os estragos económicos que se aveciñan para centos de miles de persoas.

Un dos cometidos do imprevisible e inclasificable multimillonario Donald Trump, a través dunha virada reaccionaria e nacionalista, foi o de afrontar o reto de acomodarse (ou non facelo, e competir) á posibilidade real de que a República Popular de China lidere en adiante este século SXXI como nova potencia hexemónica, redefinindo o equilibrio de poder mundial. Case mil catrocentos millóns de habitantes chineses que representan beira do 20% da poboación total do planeta experimentaron un desenvolvemento social, económico e tecnolóxico extraordinario e sen precedentes en termos absolutos. China desfruta hoxe dunha influenza determinante nos cinco continentes, onde unha cantidade moi importante de países contraeron débeda externa co xigante asiático. É, por exemplo, a “banqueira de latinoamérica” e por esta vía “controla” boa parte dos países de África e moitos asiáticos, usando os seus préstamos pra incrementar esa influenza comercial, cultural e política como elemento estratéxico irrenunciable. Os riscos de que os Estados Unidos de Norteamérica non saiban asumilo serían innumerables nesta fase histórica como advertira hai xa anos o recoñecido especialista en relacións internacionais Parag Khanna, no seu volume de referencia O Segundo Mundo (ed. Paidós). E nesas andamos. Ese é o contexto no que nos movemos e no cal aparece esta peste

Chegados aquí, vemos como o seu histórico aliado Reino Unido aposta por unha estratexia contraria ás directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS). O protestantismo británico apostará por preservar o mantemento da orde neoliberal interna e seu modelo económico nunha primeira fase renunciando a facer fronte ao virus por todos os medios inda que isto supoña sacrificar milleiros de vidas para, din, prepararse mellor e con máis tempo máis adiante. Polo camiño asumen os custes dunha traxedia e dun sacrificio que afectará ás clases máis desfavorecidas. Soa a darwinismo social. Ese mesmo Reino Unido de Boris Jonhson que, alentado por Trump, asestou recentemente un duro golpe ao proxecto de integración europea. Pasará á historia a frase do Premier conservador, como pasara no seu día á historia aquela xa mítica de Winston Churchill nos albores da resistencia contra os nazis: “Sangue, suor e lágrimas” hoxe é “moitos imos perder nas próximas semanas e meses aos nosos seres queridos”. A inhumanidade dos que provocan guerras fóra e, ao tempo, decláranse impotentes baixando os brazos de antemán pra protexer aos seus concidadáns soa a un ¡sálvese quen poida! O Capitalismo por riba de todo, e de todos. Ningunha medida excepcional que perturbe as altas esferas económicas ou os intereses e a propiedade do capital privado. Sempre e cando a epidemia non se dispare e moita xente reclame unha resposta contundente, claro. O virus tampouco entende de clases. É unha aposta política arriscada que avanza a fanatización fascio-liberal e tamén agoira drama social, sendo material de primeira categoría para o brillante Ken Loach.

Nunha liña oposta gobernos coma o italiano, o danés ou o español decretan medidas nunca contempladas en tempos de paz. No caso español e como elemento simbólico, hai xa días que quedaron suspendidas a Liga de Fútbol Profesional ou a Semana Santa, cousa que non acontecía desde a Guerra Civil. E moitas máis actividades e eventos sociais, culturais, comerciais ou de ocio. Ademais de todas as medidas xa adoptadas de intervención na economía e de reparto na estrutura da cadea de mando e distribución do poder, adóptanse restritivas medidas de corentena e confinamento ao amparo e abeiro legal do estado de alarma, que poderán ir revisándose e endurecéndose ou flexibilizándose a medida que se comprobe o éxito da resposta colectiva contra a epidemia. 

Tempo haberá no futuro pra avaliar a experiencia, oportunidade e acerto na xestión pública do goberno central e os distintos entes autonómicos e locais. Tempo haberá pra facer revisión do papel infame, unha vez máis, da maioría de medios de comunicación sensacionalistas e irresponsables que agora terán semanas por diante pra seguir bombardeando as cabezas de millóns de persoas confinadas. Tempo haberá pra avaliar a reacción dos distintos líderes da oposición parlamentaria ao goberno de coalición PSOE-UP, e as insinuacións e deslealdades en tempos de excepción e alarma sanitaria internacional. Responsabilizar ao goberno da extensión da enfermidade polas manifestacións do 8-M, cando non estaba aínda declarada a emerxencia sanitaria, ten un gran fondo e cheiro a oportunismo político que introduce tensións innecesarias: segundo sosteñen que “o virus é chino” (coma se os virus tiveran e distinguiran de nacionalidade) acabarán dicindo que o virus é muller. De paso, estigmatizas as mobilizacións e aglomeracións masivas nas rúas.

Tempo haberá tamén pra calibrar se todo isto vai aproveitarse desde o goberno central español pra levar a cabo unha recentralización ou unha suspensión de facto do Estado das Autonomías, precisamente nesta fase de diálogo político con Catalunya e onde se abría o debate de dar encaixe e solución ao conflito dos últimos anos. Tempo haberá, porque agora mesmo farán falta recursos e esforzos extraordinarios pra afrontar as consecuencias sociais dramáticas que tantas perdas económicas en tantos sectores produtivos van a producirse. De tantos despidos. De tanta caída de pequenas e medianas empresas. Tempo haberá, porque disque o monarca español Felipe VI tamén é beneficiario das comisións da ditadura saudí a través de contas opacas suízas e, curiosamente, mentres se redactan estas liñas a Casa Real acaba de formalizar a “renuncia á herdanza” económica que lle correspondería do emérito Juan Carlos I (que non morreu, que se saiba), así como o retiro da súa asignación económica dos orzamentos xerais do estado, nunha operación de márketing e lavado de imaxe dunha Monarquía e Familia Real española que é xa sinónimo de corrupción. Foron precisamente a corrupción estrutural masiva e as políticas privatizadoras as que precarizaron, ademais doutras moitas facetas da vida das clases populares, o sistema público de saúde nos últimos anos.

Tempo haberá pra auto-avaliarnos como sociedade e revisar os comportamentos de todos estes días e os que veñan, nunha sociedade educada durante demasiado tempo no individualismo extremo e na falta de conciencia de pertenza á colectividade. Tempo haberá, porque o que vén por diante ten forte cheiro a esforzo titánico. Que, necesariamente, terá que realizarse en colectivo. En común. O virus trae tamén consigo ensinanzas que deberan permanecer: os “heroes nacionais” non son Rafael Nadal nin outros polo estilo, se non os sanitarios e traballadores en xeral. A clase obreira. A que aguanta dun país ata nos momentos máis difíciles.

Sería unha boa oportunidade pra pensar seriamente en fortalecer os sistemas de saúde e a educación públicas como prioridades irrenunciables pra un futuro cheo de continxencias e incertezas. Xa se sabe que o liberalismo económico está moi ben para aqueles aos que lles vai ben nel, mais cando o destino se torce ten que saír sempre o colectivo ao rescate de todos. Pasou no seu día coa banca, que inda debe máis de 60.000 millóns de euros ás arcas públicas. Non sabemos se fará falta recuperalos pra o esforzo que vén…

Todo isto pode ser tamén unha oportunidade que revise algúns aspectos dos nosos hábitos e xeitos compulsivos de consumo e de vida, e serva pra deterse a pensar e a desfrutar dela con outros ritmos e perspectivas nunha fase decrecentista, comunitaria e con ollada ecolóxica. Sería unha bendición, e os ecosistemas agradeceríano moitísimo. Pode ser unha oportunidade para recuperar vida lonxe das grandes metrópoles e tecer redes de consumo de proximidade e non-contaminantes. Para que non haxa rapaces e rapazas que nunca viran un animal vivo ou unha paisaxe de mar ou de montaña fóra da súa tablet. Pode ser que todo isto traia cousas boas, e tamén puidera ser que vía británica se impoña e o que nos agarde despois de mañá sexa un futuro, aquel si, de escravitude e moi pouco alentador. Pode ser tamén que se atope ordenadamente unha vía intermedia.

Como dixo algún día o cineasta Ken Loach a conta do seu último filme: “Son optimista, os pobos sempre resistirán”. Non queda outra, unha vez máis. Entrementres, fagamos dos días algo alegre no máis posible, coidémonos uns aos outros e venzamos ao peor dos virus: o medo, que representa o peor xeito de perder a liberdade. Non caiamos no erro de normalizalo nos tempos que han de vir. Sería o que algúns quixeran e, desta volta, non podemos permitilo. 

Abrazarémonos ao saír dos confinamentos. Serán días e semanas especialmente longos e difíciles nas cidades. Moitas e moitos botarán en falta unha casa con horta e con xardín onde se escoiten os paxaros. Combateremos as desmoralizantes malas novas que irán chegando con aqueloutras raiolas de esperanza que adiviñaremos coa descuberta dos días: a explosión creativa, a solidariedade activa e a solidariedade intuída, as chamadas das voces amigas, os berros colectivos desde as fiestras e a música nos balcóns, os coidados naqueles fogares compartidos, os diálogos na distancia e todas aquelas cousas que fan do humano un ser individual si pero, tamén, social e conectado co medio por natureza. Empurraremos desde os confinamentos aos que teñen que ir a traballar por todas nós. E, cando isto remate seremos moito máis fortes e conscientes de todo aquilo que onte non valorabamos tanto como valoraremos mañá. E saberemos ben tamén que comeza, de novo, outra historia e mil combates máis. Cando volvamos sentir o vento continuará outra vez a loita pola vida digna, pola saúde, a igualdade, a felicidade e a liberdade. A loita de sempre. Paciencia, consciencia e resistencia a todas e todos aqueles que cren noutro mundo posible. 

PD: Feijóo, a Sanidade Pública IMPORTA! Con eleccións ou sen elas, estás derrotado.

China coronavirus ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.