Soberanía fiscal

Feijóo e a presidenta e presidentes autonómicos que acudiron ao encontro sobre financiamento autonómico, na compostelá Praza do Obradoiro o 23 de novembro de 2021 en Santiago CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A Xunta de Galicia ten aprobado para o exercicio do 2022 un gasto orzamentario de 13.118 millóns de euros. Para cubrir ese gasto estima uns ingresos tributarios de 6.112 millóns (46,6%) e uns ingresos por débeda de 1.763 millóns (13,4%). Velaí a real soberanía de Galicia.

Parecera que o goberno español de quenda (PSOE/UP) quixera poñer fin definitivamente as limitacións e incoherencias nas que, como se puxo en evidencia todos estes anos, se apoia o actual sistema de financiamento autonómico

Aínda que en puro rigor habería que darlle tempo ao tempo e ver como se van desenrolando os acontecementos hai sinais interesantes que compre destacar como por caso algunhas afirmacións da Ministra de Facenda, señora Montero, poñendo en valor as intencións do seu ministerio de aumentar a participación das Comunidades Autónomas na xestión e recadación dos impostos. Afirmacións que, de concretarse, marcarían o inicio dun camiño distinto no financiamento autonómico moi especialmente si ademais de aumentar a autonomía e a corresponsabilidade fiscal das CCAA se incrementan a equidade e suficiencia do propio sistema fiscal. Cambios imprescindibles si por caso se quere asegurar a cobertura dos servizos de carácter básico, algo a que gobernos como o galego están obrigados por lei. Necesarios tamén para fixarse obxectivos como o pleno emprego e a garantía de un estado de benestar a altura dos estados europeos de similar nivel de riqueza. Cambios obrigados, finalmente, si se quere ir sacando a Galiza da súa condición de comunidade periférica e, xa que logo, menos desenvolvida.

Dado que en España os recursos fiscais con que conta unha comunidade autónoma se reparten entre impostos, transferencias niveladoras e subvencións, o financiamento autonómico aparece intimamente vencellado a política fiscal. Moita maior é a ligazón si temos en conta que dentro dos recursos citados son os dous primeiros, impostos e transferencias, quen deben cubrilo financiamento dos servizos de carácter básico. Recursos que ao longo dos anos tiveron, por caso, en Galicia unha dispar evolución xa que mentres houbo un incremento relevante dos ingresos por tributos (entre un 35% e un 45%) deuse unha caída non menos importante dos ingresos por transferencias (entre un 32% e un 50%). Cambios que, a pesar diso, si ben supuxeron unha maior autonomía fiscal non foron quen de evitar unha caída nos ingresos públicos do 12,5%, en términos reais. 

Inicio do encontro organizado pola Xunta con outras autonomías para abordar o financiamento autonómico, o 23 de novembro de 2021 en Santiago CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Neste marco aumentar a participación das CCAA na recadación dos impostos permitiría incrementar notablemente a autonomía e a corresponsabilidade fiscais xa que estas, como é sabido, dependen hoxe tanto da xestión dos impostos propios como da participación nos impostos cedidos. Un grande avance que sería maior si ademais vai acompañado da posta en marcha dunha auténtica Axencia Tributaria Autonómica que sexa quen tanto de asumir responsabilidades na xestión tributaria como de coordinarse eficazmente coa Axencia Tributaria española. Estariamos así diante dun importante avance na descentralización dun sistema tributario moi centralizado, como é o español. Avance que abriría a porta a unha ampliación mais que notable do espazo fiscal propio.

Trátase, xa que logo, tanto de aumentar a participación das CCAA na recadación de impostos, para así depender menos das transferencias e das subvencións, como de avanzar decididamente na descentralización do sistema cara unha maior capacidade soberana das comunidades na xestión tributaria. Unha maior soberanía fiscal para que sería preciso tamén contar con maiores competencias fiscais tal que permitan, por caso, unha meirande capacidade de seguimento e control dos suxeitos declarantes. Maior capacidade de seguimento e control tal que sirva para, por caso, ter unha maior eficacia na loita contra a fraude fiscal. Algo para o que as administracións autonómicas gozan de mais vantaxes que a administración central pola súa maior proximidade e mellor coñecemento dos suxeitos pasivos.

Dadas as actuais características do sistema tributario español para que esta ampliación do espazo fiscal autonómico se acompañe cunha maior equidade e suficiencia do sistema resultaría necesario tamén proceder a unha profunda reforma fiscal a nivel de estado. Reforma que sexa quen tanto de axudar a reducir a elevadísima fraude fiscal canto de eliminar o actual desequilibrio no tratamento fiscal entre as rendas do traballo e as de capital. 

Medidas fiscais desta natureza permitiríanlle as CCAA aumentalos recursos propios e reducir así o moi elevado grado de dependencia fiscal que, hoxe por hoxe, teñen autonomías como, por caso, a galega. Unha dependencia -reflectida no elevado peso das transferencias directas quen dependen dos orzamentos do Estado- que limita enormemente a capacidade autonómica para, por caso, poñer en practica políticas públicas soberanas que tanto procuren o pleno emprego como o desenrolo do estado de benestar ou a loita por un mellor medio ambiente. Unha dependencia fiscal que pon hoxe en cuestión a real soberanía de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.