Solucións efectivas en Siria

Nos últimos tempos, non deixan de agromar iniciativas políticas (especialmente tras a polémica dos ataques químicos, cuxa autoría a día de hoxe é descoñecida) que esixen "o remate definitivo das intervencións bélicas e a apertura de vías de diálogo e de entendemento entre as partes en conflito co obxecto de atopar unha solución negociada, xusta e duradeira para toda a nación" en Siria.

Non é que eu, personalmente, dubide das boas intencións ou do compromiso dos grupos progresistas que presentan estas iniciativas en sedes parlamentarias como Deputacións, cuxas competencias -xa cuestionables de por si- se limitan ao apoio aos Concellos das provincias, pero a nivel político, o que contan son os feitos máis que as intencións. E aínda que tanto as intencións como as palabras que acompañan estas iniciativas sexan boas, e que realmente a paz ten que ser o obxectivo final, solicitar "o remate definitivo das intervencións bélicas e a apertura de vías de diálogo…" agocha unha serie de efectos secundarios que moitas veces o solicitante esquece: Terá en conta na súa solicitude a profundidade e as implicacións desa “paz”? Que significaría, por exemplo, o remate das intervencións bélicas, no caso do Goberno Sirio?

EEUU e Europa levan máis dos seis anos que xa dura o conflito presionando para que Al Asad deixe o poder e, de feito, de non ser polas relacións deste último con Rusia, EEUU xa tería posto un títere en Siria a base de bombazos, como fixo en Iraq, para ter acceso libre aos gaseoductos e oleoductos de entrada ao Mediterráneo desde o Golfo Pérsico que pasan polo territorio que ocupan tanto Iraq como Siria. É de xustiza dicir que, se non fora pola axuda económica aos grupos insurrectos de Siria por parte dos Estados Unidos e polos ataques de Turquía, socio da OTAN, na fronteira con Siria aos combatentes kurdos que se enfrontan ao Estado Islámico, a realidade hoxe sería ben distinta.

De facto, os que se enfrontan a cara descuberta, en primeira liña da fronte e impiden o avance do Daesh, son tanto os peshmergas kurdos coma o Exército sirio, que aínda hai menos de 24 horas liberou os pobos de Massasneh, Zor Hissah e Zor Tibeh das mans de Al Nusra, na fronte da gobernación de Hama, actualmente xa controlada ao 80 % polo Goberno. Que suporía pois, desarmar a esta xente? Unha caída inevitable de Al Asad que lle entregaría as chaves de Siria ao ISIS. Hai que lembrar que o diálogo entre o Goberno e os chamados “rebeldes” xa existe: Tal e como comunicou o ministro de Exteriores de Kazajstán, a próxima reunión entre as partes implicadas no conflito celébrarase na capital do seu país, Astaná, nos días 3 e 4 de maio. Pero, como manter ese diálogo con atentados diarios e inxerencias continuas de superpotencias militares sobre un Estado soberano como é Siria?

Por todo o expresado, parecería máis eficaz e axustado á realidade, ademáis de obviamente condenar o uso de armamento químico en calquera circunstancia, esixir ao Goberno de España en sede parlamentaria a adopción dunha postura na ONU na cal se esixa a fin inmediata das relacións comerciais e de financiamento entre os Estados membros e os países que financian directamente aos grupos ISIS e Al Nusra -véxase Arabia Saudita-, que o único que fan é prolongar tanto o conflito como a lista de civís asasinados. En 2012, a empresa estatal Defex multiplicou por 3 os seus beneficios, realizando vendas por valor de 95 millóns de euros e, en 2013, o principal cliente de España (a través de Defex) en material militar, foi precisamente Arabia Saudita, un país que a pesar das súas últimas manobras de marketing, alimenta directamente o conflicto en Siria.

En definitiva, pedir a paz no mundo é moi sinxelo e está ao alcance de practicamente calquera persoa. Pero os partidos que teñen responsabilidades na vida política, sexa cal sexa a súa escala, son os que deben ir un paso máis aló e tomar decisións que realmente poidan cambiar o mundo a mellor. Se non financiamos aos amigos do yihadismo, os yihadistas non terán infraestrutura, non terán loxística, non terán armamento, non terán propaganda..., ergo non seguirán crecendo.

Non podemos, como fai Estados Unidos, bombardear por un lado e financiar infraestrutura e arsenal militar por outro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.