Tamén hai xuventude verde

Aproxímase o fin deste ano 2014: luciñas de Nadal, un ambiente diferente, o frío típico do inverno recén chegado... Aqueles partidos que propoñemos alternativas traballadas e sólidas para sacar a Europa, España e as diversas autonomías e municipios do seu letargo debemos estar, por tanto, moi orgullosos, pois os cidadáns deron ao longo deste ano un golpe sobre a mesa. Conseguiremos estar á altura, traballar seria e xustamente estas novas responsabilidades e facer en consecuencia que os cidadáns confíen cada vez máis en nós? Capacidade temos, dende logo.

O medio ambiente non é unha cuestión a tratar de forma separada, senón no seo da educación, sanidade, actividade industrial, construción…

Dende EQUO Galicia e a Rede EQUO Xove cremos que si. Por iso, e como principal partido verde da comunidade, está nas nosas mans traballar por unha Galicia onde a ecoloxía política se alce como modelo a ter en conta neste futuro 2015. A ecoloxía política defínese como unha corrente política ecoloxista que cuestiona o constante crecemento e produtivismo, difícil de encaixar e identificar cos conceptos clásicos de esquerda ou dereita e que se fundamenta na defensa dos Dereitos Humanos e na democracia participativa en lugar de representativa. Así, postúlase como unha alternativa política que reúne a meirande parte das demandas da sociedade actual (polo menos da maioría) e que non é só medio ambiente, senón que o integra de maneira transversal nos demais campos nos que a política debe tomar partido. É dicir, o medio ambiente non é unha cuestión a tratar de forma separada, senón no seo da educación, sanidade, actividade industrial, construción…

A ecoloxía política faise alternativa real e necesaria pois, como afirmou en numerosas ocasións Florent Marcellesi, voceiro de EQUO no Parlamento Europeo, a crise actual non é só política e social, senón tamén ecolóxica, e temos que atallala. Non hai planeta B ao que recorrer, e a situación é alarmante. Diversos diarios de grande alcance publican novas semanalmente acerca da enorme incidencia de problemas de índole ambiental como o cambio climático, de consecuencias do mesmo que xa non poderemos evitar e de que é necesario cambiar a tendencia. Dende a Rede EQUO Xove engadimos que é necesario, tanto por nós como polo planeta en si mesmo.

A crise actual non é só política e social, senón tamén ecolóxica, e temos que atallala. Non hai planeta B ao que recorrer, e a situación é alarmante

Por tanto, parece sinxelo deducir que nós sempre defenderemos a loita efectiva fronte a esas tres crises interrelacionadas (política, social e ecolóxica) en Galicia. Neste eido, podemos poñer o exemplo de Corcoesto, que aínda que parece cousa do pasado non aconteceu hai tanto. Esta “iniciativa”, por chamala dalgún xeito, comportaba crear uns poucos postos de traballo que acabarían desaparecendo a cambio de esnaquizar o noso entorno e contaminalo, poñendo en perigo á xente, e con intereses políticos de por medio. Aquí a cidadanía dixo “non” de maneira contundente, houbo mobilizacións, participación masiva… e conseguiuse moito. Debido á repercusión mediática deste feito, pouco a pouco comezaron a saír máis e máis datos das diversas irregularidades dun proxecto abominable, onde destacaba unha relación máis que curiosa de intereses privados e certos cargos… (crise política), desprezando os intereses expresados pola cidadanía de cara ao coidado e mantemento do entorno natural (crise ecolóxica). Desafortunadamente, como este exemplo aquí moi brevemente desenvolvido hai outros moitos.

Maniféstase a necesidade dunha alternativa verde forte en Galicia (actuando a todos os niveis)

En consecuencia, maniféstase a necesidade dunha alternativa verde forte en Galicia (actuando a todos os niveis). Nós, dende a nosa capacidade de actuación, trataremos de defender este espazo no terreo político e xunto aos cidadáns (algo nada incompatible, senón todo o contrario), e dunha maneira sempre aberta para que calquera que así o desexe nos bote unha man. Somos unha alternativa real neste panorama político e agardamos por vós para perfilar unha simbiose na que ambos aprendamos e coa cal melloremos. Galicia merece un futuro sostible, e a xuventude pode e debe formar parte del.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.