Teorías conspiranoicas

CC-BY-SA Praza Pública

Para entender este neoloxismo, utilizado profusamente nos medios de comunicación e redes sociais nestes últimos catro anos (e acentuado desde a aparición da pandemia), analicemos os términos que o compoñen: conspiración e paranoia. 

Conspiración 

Entendemos por conspiración a unión dun grupo de persoas e/ou organizacións que aspiran, avidamente, a algo acorde cos seus intereses e, por iso, planean, na sombra, unha acción dentro do sistema establecido. 

Paranoia 

A paranoia é unha enfermidade mental. A única na que o paciente móstrasenos como unha persoa aparentemente normal. É coñecida xa desde a época clásica, e foi estudada en profundidade polos psicanalistas, especialmente Freud e Lacan. 

A paranoia, xeralmente, é consecuencia dunha homosexualidade non aceptada e que se autorreprime. A persoa paranoica, como non asume o que el considera un pecado social, busca protexerse do rexeitamento que sufriría si a sociedade o descubrise. 

Na procura dunha saída para tratar de superar esta angustiosa situación persoal, o subconsciente da persoa paranoica impúlsalle a valerse de calquera tipo de crise interna ao sistema social imperante, dada a súa sensibilidade especial para detectar este tipo de situacións. 

Posto que el tamén está en crise, necesita desta para presentarse como salvador dunha sociedade tamén angustiada. Este imperioso desexo de salvar aos demais, non é máis que a urxente necesidade de salvarse a si mesmo. E, á vez, sérvenos como síntoma para desvelar a súa enfermidade. 

Non se trata de formulacións pretendidamente altruístas, senón profundamente egoístas. A persoa paranoica utiliza aos demais, que a necesitan como salvador, para quitarse a carga de culpabilidade que leva enriba. Cre que así, con esa proeza, a sociedade perdoaríalle. 

Que efectos producen na sociedade estas teorías conspiranoicas? Dado que a maioría das persoas conspiranoicas non poden chegar a ser grandes salvadores, teñen que conformarse con crear na sociedade, que non é paranoica, un estado subxectivo de profunda angustia que, no fondo, busca que se acepte como imprescindible, e reclámese como única saída, unha alternativa fascista de salvación, mediante a figura dun salvador (Hitler, Musolini, Franco, Trump, Bolsonaro, etc.).  

No canto de buscar unha sociedade máis xusta (transformando a angustia en coraxe para cambiar unha realidade social inxusta a través dun movemento político), o salvador que necesitan é o super-ego, o home da lei brutal imposta polas armas. É o que logo vai a masacrar ao pobo para poñelo aos pés dos explotadores, coas políticas represivas, económicas e sociais máis reaccionarias. 

En resumo, toda teoría conspiranoica créase e desenvólvese cando as persoas paranoicas atribúen, sen base nin fundamento real algún -pero con convicción obsesiva- unha crise nacional ou internacional (social, política, epidemiolóxica, de identidade, etc.) a grupos de poder ocultos. 
 

O síntoma Trump

Todo síntoma é unha interpelación á nosa subxectividade que demanda ser interpretado. Por iso afirmamos que Trump, como síntoma, non é casual. Cal é a verdade que se esconde tras este fenómeno?  

A situación especial en EE.UU pola que Trump séntese reclamado a presentarse como salvador, consiste no inicio do declive da ata agora primeira potencia económica mundial, ante a emerxencia da nova superpotencia capitalista Chinesa. É dicir, da crise profunda e irreversible do sistema capitalista USA e occidental.  Esta crise maniféstase, de xeito concreto, na perda de poder económico e simbólico dos supremacistas brancos USA. A combinación destes dous factores, crises/necesidade dun Salvador, foi o que lle levou, contra todo prognóstico, á presidencia dos Estados Unidos. 

Quen lle votou? A América reaccionaria e supremacista branca (coa inestimable axuda, como creadores de angustia, dos movementos QAnon e outros), á cal veuse a engadir unha nova clientela: o proletariado dos estados desindustrializados pola deslocalización. 

Cal foi a mensaxe de Trump para que esta xente lle vote? Este foi o seu eixe central: debemos restablecer a grandeza e supremacía económica e cultural dos EE.UU. (América First, lema histórico dos nazis en USA), que foi abandonada polas propias elites americanas a favor dos afastados chineses. Estes esixen o traspaso de tecnoloxía ás empresas da deslocalización americana que acudiron ao país asiático. 

Trump, como bo paranoico, ve conspiradores inimigos por todas partes; de aí os seus ataques constantes a China (coronavirus chinés, imposición de aranceis, acusala de espionaxe, etc.); saída da OMS, críticas á OTAN, taxas á UE, control da emigración para protexer o emprego en USA, etc.  

Non quere ao seu lado a ninguén que cuestione as súas actuacións (múltiples destitucions sen a menor contemplación). Así mesmo, a súa obsesión por controlalo todo, lévalle a acaparar a produción e difusión da información, vía redes sociais (Twiter...). 

Aínda que ninguén se atreveu a sinalar a súa paranoia, foi a non aceptación dos resultados electorais manipulados, segundo el, polos seus inimigos e o negacionismo ante o coronavirus, o que levou ao Congreso e á opinión pública a cuestionar a súa saúde mental.  

En fin, Trump buscaba curarse da súa enfermidade, propagando a salvación do seu país en crise, e así conseguir a aceptación social dos USA. 

A crise que fixo aflorar a todos os paranoicos americanos persiste e, proba diso son as políticas continuistas contra China de Biden. No entanto, fronte a unha pretendida liña de salvación centrada no isolacionismo USA, Biden pretende refrotar a EE.UU., contando co apoio dos seus aliados históricos, cos que rompera Trump. Ben é certo que este proceder podería atrasar o proceso de decadencia, pero non poderá detelo. É unha lei histórica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.