Térmica de Meirama, punto final

© Greenpeace

Ante o peche anunciado por Naturgy da central térmica de Meirama débense esixir medidas alternativas para dar unha saída económica ás familias dos traballadores e traballadoras que poden quedar na rúa pola decisión da empresa e polo desleixo da Xunta de Galicia e do goberno do Estado que, nos últimos anos sabendo que isto era unha posibilidade máis que probable, non elaboraron un plan alternativo. As Administracións non poden, en ningún caso, deixar na estacada aos traballadores e traballadoras.

É a mellor nova ambiental desde hai moitos anos. Co peche de Meirama deixaranse de emitir entre 2 e 3 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera 

Pero isto tamén é a mellor nova ambiental desde hai moitos anos. Co peche de Meirama deixaranse de emitir entre 2 e 3 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera o que representa a metade dos GEI producidos polo sector do transporte en toda Galiza. Meirama e As Pontes emitiron nos últimos anos entre o 30 e o 40% dos gases de efecto invernadoiro de toda Galiza, o que nos dá unha idea da magnitude do seu impacto ambiental negativo ao que hai que sumar ademais as emisións de partículas de SO2 e NO2.

As térmicas foron, e son, parte do modelo do espolio do país, esquilmando os seus recursos -neste caso esgotando os lignitos en Cerceda e As Pontes en 30 anos-, xerando graves impactos ambientais de gran persistencia, ao tempo que crean pouco emprego e riqueza.

As térmicas foron, e son, parte do modelo do espolio do país,

Só a externalización case total dos pasivos ambientais fixo posible que durante décadas este proceder industrial e enerxético fose un rentabilísimo negocio para empresas que sempre gozaron do favor dos gobernos e, lamentablemente, dunha permisiva tolerancia por parte de amplos sectores da esquerda política.

A resposta do Goberno galego non por esperada deixa de ser decepcionante. É a resposta dun non goberno. Feijóo prefire non afrontar a situación, elude responsabilidades e moi cinicamente culpa ao goberno socialista en vez de traballar en alternativas. 

Porque a fin das térmicas non debería de ser un drama para Galiza, senón unha boa nova. O drama son as políticas do goberno do Partido Popular que non ten política industrial nin económica para favorecer a creación e consolidación de iniciativas que xeren emprego. Os gobernos deben mudar de estratexia para facer fronte á transición enerxética e procurar novas alternativas laborais e un novo modelo de produción e consumo enerxético.

Débense esixir medidas alternativas para dar unha saída económica ás familias dos traballadores e traballadoras

Meirama pechará. Endesa, nas Pontes, pechará máis cedo que tarde. É unha mágoa que o peche se produza por unha decisión empresarial e non como consecuencia do empuxe da nosa sociedade civil e de decisións políticas comprometidas na loita contra o cambio climático. Hai moito tempo que se debeu investir noutro futuro, nun futuro ambiental que ha de ser renovable e, o que é tan importante, democrático. As alternativas enerxéticas deben ser renovables e ten que impoñerse un control democrático da produción da enerxía para poñela ao servizo da maioría social e non dos beneficios das grandes corporacións da economía do espolio.

Son decisións lucrativas de empresas que recibiron miles de millóns de euros de diñeiro público e que deixan no desemprego a centos de persoas

A perda de soberanía que supuxo entregarlle, a prezo de saldo, o sector enerxético ás grandes corporacións representa unha das maiores agresións ao noso dereito a unha vida digna. Unha perda de soberanía que se manifesta con toda crueza cando decisións de poderosas empresas con centros de decisión afastados, tanto no xeográfico coma no social, determinan peches de empresas como Meirama e Alcoa atendendo a súa conta de resultados con absoluto desprezo das dramáticas consecuencias coas que terán que apandar os seus traballadores e familias. 

Son decisións lucrativas de empresas que recibiron miles de millóns de euros de diñeiro público e que deixan no desemprego a centos de persoas ante o silencio cómplice de Gobernos e Administracións que, agora, se declaran impotentes ou se resisten a facerse cargo do deserto laboral e dos danos ambientais que deitan as empresas de depredación enerxética en Galiza.

Chegamos tarde, pero a inevitable fin das térmicas en Galiza obriga a construír futuros laborais e enerxéticos máis sostibles e democráticos e isto só será posible cunha política comprometida coa defensa dos bens comúns e a erradicación das empresas de depredación da cerna da economía galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.