Un siloxismo devastador

Aqueles que xa imos tendo anos acordámonos de cando se produciu a implosión non da URSS, senón, moito antes, dos partidos comunistas do sur de Europa. A principios do setenta, na España franquista e o Portugal salazarista, eses dous partidos eran, con moito, os máis poderosos no campo da esquerda. Non foi, con todo, a caída das ditaduras respectivas o que fixo desfondar eses dous partidos. Demóstrao o feito de que o PCI e o PCF eran tamén a forza dominante na esquerda italiana e francesa. Berlinguer ou Marchais eran os prohomes. Eran mesmo máis: lendas viventes para as súas bases militantes.

O que se produciu a mediados do setenta en todo o mundo foi un cambio de ciclo. Os dourados sesenta, aquela amálgama de Beatles e Beach Boys, a contracultura e o LDS, os Black Panthers e o FLN alxerino, por algunha estraña razón deixaron tras de si as bases dunha revolución conservadora. Por dicilo como un lema: é coma se, despois de Maio do 68, o capital lle perdeu o medo ao traballo. Ou talvez, simplemente, naqueles anos fincou os seus pés a terra o desexo de desquite dunha dereita que sentía que as cousas escapaban das súas mans. O medo á revolución desapareceu e as máximas de Reagan "o Estado é o problema, non a solución" e Margaret Thatcher "non existe a sociedade, só os individuos" comezaron a estenderse como un virus para o que non existía antídoto.

Foi un cambio de ciclo. Talvez acababa nese momento un período histórico que proviña de mediados do XIX, da era de Marx, Bakunin e o movemento obreiro. A implosión da URSS demorou uns lustros aínda, así coma a conversión dos comunistas chineses ao capitalismo máis ou menos salvaxe -coma se China imitase os USA do século XIX-, pero as bases sociais, políticas e culturais do gran cambio xa estaban asentadas nese momento. As culturas políticas da clase obreira -moi fortes en rexións como a Toscana ou o Alentejo- fóronse diluíndo progresivamente. Unha nova relación de forzas foise fraguando lentamente.

Despois de infrinxirlle unha grave derrota aos seus opoñentes o liberalismo vestíase coas roupas de Friedman, Hayek, Ayn Rand ou Leo Strauss

Talvez o corte máis explícito produciuse no oitenta. O Estado do Benestar, ese produto do pacto entre empresarios e traballadores, vencera os seus opoñentes. A finais desa década, e sen que ninguén previse tal final, a Guerra Fría rematou coa implosión da URSS. Francis Fukuyama certificou a vitoria escribindo o seu celebrado A fin da Historia. O futuro era liberal e democrático.

E certamente érao, pero non co significado que adquirira nas décadas anteriores, nas que o liberalismo puidera asociarse aos ideais da esquerda. Nada había, por exemplo, nos escritos de Isaiah Berlin que proscribise esa Nova Alianza, ben entendido que previa deconstrución do esquema hegeliano que tanta forza mística lle dera ao movemento obreiro nos seus anos álxidos. Pero despois de infrinxirlle unha grave derrota aos seus opoñentes o liberalismo vestíase coas roupas de Friedman, Hayek, Ayn Rand ou Leo Strauss. Xurdía unha nova relixión do mercado que desexaba baterse en todas as frontes. E que, dada a súa recente vitoria, non quería compromisos.

Os anos da crise viron o cambio sucesivo de leis para favorecer a concentración bancaria e eliminar o 50% do negocio que as caixas de aforro tiñan nas súas mans

O resto é historia coñecida. Desde entón, a riqueza foise concentrando máis e máis en poucas mans. É un proceso mundial que pode rexistrarse en case todos os países, incluíndo os excomunistas. Calcúlase que hoxe o 20% máis rico controla o 74% dos ingresos. O que chaman austeridade non é máis que unha volta de porca nesa dirección. A crise económica, que naceu da desregulación e podía atallarse de moitas maneiras, foi aproveitada para acometer un cambio drástico no modelo social. E, en Europa, para fortalecer a Alemaña. Boa parte das medidas que se tomaron teñen por lóxica a de que os bancos dese país cobren as súas débedas. Non doutra cousa tratan os rescates.

En España, o cambio do artigo 135 da Constitución foi un escándalo. A nova redacción, escrita para contentar a Angela Merkel, vén practicamente a proscribir o keynesiasmo e, por tanto, boa parte da historia europea do século pasado. Os anos da crise viron o cambio sucesivo de leis para favorecer a concentración bancaria e eliminar o 50% do negocio que as caixas de aforro tiñan nas súas mans. É, como escribiu o profesor Josep María Vallés, unha inmensa e nova desamortización: "No XIX, a terra. No último terzo do XX a empresa pública. No XXI, entréganse as caixas ao capital privado".

O capitalismo funcionaba mellor cando había algo que o moderaba, fose a existencia da URSS ou os movementos obreiros. Algúns vimos a eclipse dos partidos comunistas, agora contemplamos o dos partidos socialistas

Entre tanto, a estrutura da Renda é un roubo. Atribúeselle a Aznar a frase "en España os ricos non pagan impostos". E así é. Se os españois coñecesen como funciona o fisco talvez habería unha revolución. Pagarlle impostos a Facenda é cousa de pobres e de clase media. E entre tanto, a OCDE, ese grupo de pezas, recomenda seguir subindo o IVE e baixar as cotizacións sociais!. Como estaba programado de antemán, o peso dos salarios baixa na renda de España, pero o das rendas do capital sobe: a desigualdade dispárase. O Estado do Benestar, aquel modelo social que foi froito dunha certa conxuntura histórica, dunha certa relación de forzas e, por tanto, duns certos medos e esperanzas, vaise disolvendo no tempo.

Esa é a cuestión: o capitalismo funcionaba mellor cando había algo que o moderaba, fose a existencia da URSS ou os movementos obreiros. Algúns vimos a eclipse dos partidos comunistas, agora contemplamos o dos partidos socialistas. O motivo: que o capital non quere pactar a pervivencia do modelo social europeo. E os partidos socialistas tiñan a súa razón de ser, precisamente, en ser os signatarios, polo outro lado, dese pacto.

Merkel sempre repite, con afán misioneiro, que Europa representa o 7% da poboación mundial, o 25% do PIB e o 50% do gasto social. Está a suxerir que, para competir no mundo global, a última cifra é insustentable

O capital, ao contrario, está empeñado en facer reformas estruturais, é dicir, proceder á destrución pausada do Benestar tal e como o coñecemos. Merkel sempre repite, con afán misioneiro, que Europa representa o 7% da poboación mundial, o 25% do PIB e o 50% do gasto social. Está a suxerir que, para competir no mundo global, a última cifra é insustentable. É un "siloxismo devastador" como o denominou Martin Kettle en The Guardian. Empobrecer a poboación europea é o proxecto en curso, o que se busca, e non unha consecuencia inesperada da austeridade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.