Unidade Popular e ruptura: Máis Alá

Galicia vén intentando reactivarse politicamente desde hai algún tempo. Iso quere dicir que probablemente hai mudanzas estruturais de certa magnitude, unha Galicia que foi dando lugar a outras. Nese complexo proceso de recomposición material, económica e social, cultural tamén, os vellos equilibrios políticos, fórmulas que non hai moito parecían eternas, quedaron rotos. Aquel dolce far niente tan característico do bipartidismo con prótese xa non existe. Agora todo anda a paso máis convulso, todo é, por sorte, máis inabarcable conforme aos vellos esquemas. A partir de outubro de 2012, coa irrupción de AGE, nada volverá ser xa como antes fora.

AGE quedou xa superada por desbordamento, e esa é, precisamente, a proba do seu éxito

Afortunadamente, AGE quedou xa superada por desbordamento, e esa é, precisamente, a proba do seu éxito. AGE era o inicio, unha fórmula embrionaria destinada a non sobrevivirse pero si a saberse arrastrada por unha marea que, sen ser produto seu, si estivo dunha maneira ou doutra no seu imaxinario desde o principio. Engánase quen pensa AGE en termos de fracaso igual que quen a pensa en forma de marca fosilizada. Mais pensar AGE en forma de éxito esixe, precisamente, conciencia de que ese territorio conquistado, que non se abandona nunca, xa non é suficiente. Nin o explica todo, por suposto.

Un novo espazo de ruptura está conformándose como expresión dunha necesidade colectiva, de resposta e creativa, ou sexa, en absoluto resistencialista. Ten dificultades para se articular, por suposto, pero parece determinado a seguir desenvolvéndose

As eleccións municipais do pasado 24 de maio dan fe desta transformación en progreso na que vivimos. Querer deter o proceso de convulsión e recomposición volvendo á estabilidade do pasado, ademais de inútil é, parafraseando a Marx, reaccionario. Mesmo que esa volta atrás tiver o nome do innecesario. Ou sexa, reunificación do nacionalismo. E para que?

As razóns da transformación política han de ser múltiples, como é obvio; terán conexión co que ocorre noutros espazos, pero en ningún caso serán miméticas. As súas formas albíscanse con certa facilidade. O marco político tradicional está en crise porque o réxime de representación xa non é capaz de absorber e modular os antagonismos sociais exaltados por unha extrema e xeneralizada violencia do capital contra o traballo. Daquela, un novo espazo de ruptura está conformándose como expresión dunha necesidade colectiva, de resposta e creativa, ou sexa, en absoluto resistencialista. Ten dificultades para se articular, por suposto, pero parece determinado a seguir desenvolvéndose. Nese sentido, é revelador observar a evolución do proceso. No outono de 2012, a razón da converxencia e da busca de áreas de encontro máis alá dos ríxidos espazos políticos e ideolóxicos tradicionais era o momento de emerxencia social que viviamos. Ante situación de excepcionalidade, respostas de excepcionalidade, dicíase dalgunha maneira. Hoxe, porén, cando a emerxencia pasou a ser norma estable, non se trata xa só de dar resposta de excepción a unha situación excepcional de agresión senón de empezar a construír algo novo. Porque isto non ten salvación. Nin a merece.

O último paso desa recomposición política son as Mareas. Non será o derradeiro. A necesidade dunha Marea Galega parece facer parte xa do imaxinario colectivo desa especie de vangarda multitudinaria que entende imprescindible baleirar as institucións dos seus ocupantes e convertelas en Pazos do Pobo, o cal non deixa de ser unha forma de concibir unha institucionalidade alternativa e, por tanto, xerme de novo poder constituínte. É a cidadanía republicana constituínte da que falabamos en tempos de Nunca Máis, que probablemente nunca se deu por vencida, que volve estar protagonizando o proceso sen renunciar a nada.

Se o proceso ten máis ou menos estas características, cumprirá entón non identificar de ningunha maneira unha candidatura de unidade popular cunha coalición nacional, máis ou menos plural, que teña como obxectivo un determinado número de escanos no Congreso dos Deputados. Esa sería unha confusión perversa e inconveniente. Entre outras cousas porque o importante non está na composición partidaria desa candidatura senón na súa condición de espazo de unidade popular e configuración dun novo suxeito. Non importan os factores nin a súa orde, senón o produto.

O proceso de unidade popular ten que ser un Máis Alá que esixe recomposición, abandono do vello e configuración dun espazo novo

O proceso de unidade popular ten que ser un Máis Alá que esixe recomposición, abandono do vello e configuración dun espazo novo. Nada do que xa foi debe volver ser; tampouco o vello mapa político galego, que, como sabemos, non era senón un reflexo do sentido común sistémico no plano institucional. É xustamente ese sentido común o que precisamos substituír por outro alternativo no que a política empece a ser a actividade común da xente común en beneficio do interese común. E segue a familia léxica do común facéndose protagonista.

Xa non se trata nunca máis de competir pola posición de mercado dunha marca electoral senón de articular o suxeito de ruptura que nos leve colectivamente a outro escenario

No proceso, a participación das organizacións políticas, e tamén de organizacións sociais e sectoriais que operan na sociedade civil, é imprescindible, mais non suficiente. Estas múltiples formas de organización colectiva, de reivindicación e autoorganización de proxectos sectoriais, terán que se incorporar ao corpo en movemento e, máis aló diso, favorecer que o corpo se mova. Nin máis nin menos. Porque xa non se trata nunca máis de competir pola posición de mercado dunha marca electoral senón de articular o suxeito de ruptura que nos leve colectivamente a outro escenario. A unha ruptura sen complexos co réxime -e non só co español-, a unha impugnación completa e sen retorno de toda a estrutura material e da armazón ideolóxica da sociedade que habitamos. De Galicia a Europa, nese sentido, non encontramos solución de continuidade, e esa perspectiva, ese recoñecemento de condicións, será a que nos permita, non é un paradoxo, construír un necesario discurso novo sobre a nación deste e para este tempo. A nación que nos acolle, que construímos, pero que non é a medida única de todas as nosas dimensións políticas. A nación como resultado, sobre todo, pois non poderá en ningún caso suplantar á multitude como suxeito político de transformación. A Nación como República da Multitude. A República como espazo común.

A Marea Galega, como chegue a chamarse, é a proxección política do espazo de ruptura, agudo como un coiazo nun cristal. É un suxeito político aínda en construción, certo, pero xa cun capital simbólico e cunha lexitimidade democrática e de ruptura en moitos sentidos superior a calquera das organizacións políticas e mesmo á súa suma. Desde logo, o suxeito desborda por superación as marxes do nacionalismo político, e iso indica que eses lindes ideolóxicos non poden ocupar o centro do espazo. Non o van ocupar. O suxeito pode ser de orixe municipal, alicerzado nas diferentes candidaturas populares, de ruptura e de converxencia que triunfaron en Ferrol, A Coruña e Compostela, e penetraron como agullas en manteiga en escenarios de extraordinaria dificultade, por diferentes razóns, como Pontevedra, Vigo, Ourense ou Lugo. Canda elas, arredor de setenta experiencias diferentes de hibridación, mestura e creación de espazos compartidos e posta en común de idénticas necesidades materiais máis aló das lexítimas e irrenunciables diferenzas e matices ideolóxicos. E non só. Tamén candidaturas que, baixo outras siglas, dunha ou doutra maneira representaron no seu ámbito particular de actuación esa necesidade de ruptura.

As organizacións políticas acompañarán o proceso, terán que renunciar explicitamente a toda tentación de tutela ou de dirección e facer ostensible e explícito abandono de interese particular de marca

Ese é o suxeito de transformación non só para as eleccións xerais senón para máis alá. Porque, como din os clásicos, a loita continúa. Será un suxeito autónomo, merecente do respecto absoluto das organizacións da esquerda. Precisará o seu espazo para desenvolverse, para construír as súas propias normas, que por forza serán diferentes, como xa o foron nas candidaturas municipais. Non nos preocupe que o réxime nin as entenda nin as comparta. Iso fai parte do proceso de ruptura. As organizacións políticas acompañarán o proceso, terán que renunciar explicitamente a toda tentación de tutela ou de dirección e facer ostensible e explícito abandono de interese particular de marca e de liderados inversos, ou sexa, de liderados non xurdidos dos propios procesos de unidade popular. Ese é o espazo de ruptura que albiscamos.

Asumo a certeza de que o que se escribe e se comunica neste momento preciso pode xa non servir a pouco que pasen tres voltas do camiño que se pretende percorrer. Non descartemos ver de aquí a pouco tempo como o proceso se matiza a si mesmo, como se corrixe e se reorienta por onde cumpra. Ese será o mellor sinal, pois indicará que o suxeito que está a construír esa modalidade de partido orgánico é un ser extraordinariamente vivo e aleuto e posúe unha gran finura para captar as características de cada momento histórico e dos seus acontecementos. Se así é, a noite das eleccións xerais haberá que pensar xa en como poden ser os seguintes traxectos. Porque a historia non terminou.

A noite das eleccións xerais haberá que pensar xa en como poden ser os seguintes traxectos

Cando haxa que poñerlle un nome e darlle unha identificación ao proceso e ás formulas políticas resultantes, talvez poidamos acudir á mellor das nosas referencias. Será, entón, o momento nuclear dun Proceso Máis Alá.

E si, somos pobo e goberno de Grecia, e estamos con eles

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.