Voltan a casa polo Nadal

CC-BY-SA Daniel Lobo

Nestas datas, milleiros de galegas e galegos que viven no exterior voltan a casa para pasar uns días coa familia. Da mesma forma, outros tantos galegos e galegas non poden voltar a casa polo Nadal, xa que a inmigración non é garantía de ter un traballo digno que permita viaxar cando se quere. Eu fun unha destas persoas que, coma outras tantas, marchou a Londres na busca dun sustento que esta terra non me podía dar nese momento. Voltei para poder estudar a carreira que estou a piques de rematar, pero de non ter esa ambición de convertirme en educador social, seguramente seguiría en Reino Unido.

Alemaña, Holanda, Reino Unido, Suiza ou Austria foron algúns dos destinos que tiveron os meus amigos. Xente brillante, con expedientes académicos salientables

Fun o primeiro do meu grupo de amigos en marchar, e durante un tempo fun o único que quedou no país trala miña volta. Alemaña, Holanda, Reino Unido, Suiza ou Austria foron algúns dos destinos que tiveron os meus amigos. Xente brillante, con expedientes académicos salientables, e que se viu forzada a marchar para poder ter un futuro acorde á súa valencia.

Ningún país digno expulsa sistemáticamente á súa mocidade. Da igual que teña estudos ou non. Estamos a vivir unha situación totalmente insostible. Só no ano pasado, case tres mil mozos e mozas entre 25 e 34 anos marcharon ó estranxeiro, e mais de cinco mil marcharon a outra comunidade autónoma, segundo datos do IGE.

Falemos claro. A maioría da xente non quere marchar da súa casa e deixar a familia e amizades. Ninguén quere deixar a súa vida atrás porque non ten forma de vivir dignamente na súa terra. Galicia leva séculos sendo terra de emigrantes. A nova moda é chamar “expatriados” ás persoas que vense obrigadas a marchar por motivos económicos. E logo os expatriados non son os emigrantes de toda a vida? Este sistema é tan perverso que utiliza a linguaxe para suavizar os termos que reflicten a decadencia dun país en caída libre. Non somos expatriados, somos emigrantes. Somos o que foron as nosas avoas, somos o mellor corpo diplomático que pode ter un país. 

Temos dereito a soñar cun futuro na nosa terra. Non podemos permitir que Galicia exporte o seu mellor producto: a súa xente

Somos a mellor representación desta terra, e sen durmir en embaixadas. Se non temos saída, sairemos. A mocidade ten dereito a marchar porque quere, non por obriga. Temos dereito a soñar cun futuro na nosa terra. Non podemos permitir que Galicia exporte o seu mellor producto: a súa xente. Fagamos destas datas unha reivindicación da inxustiza que supón o desterro de milleiros de persoas cada ano.

Dedicado á Marea Granate. A toda a xente que está fóra e quere voltar. Tamén á xente que non quere voltar. Dedicado á comunidade galega espallada por todo o globo. Porque as que quedamos aquí estamos a loitar para que quen queira volte a casa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.