0 Gardados para despois

Medio Rural alimenta o incendio do leite: "Póñenme unha pistola no peito"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Os representantes do sector gandeiro galego saíron da xuntanza co Ministerio de Agricultura cunha relativa decepción, toda vez que o Goberno de España se negou a promover o establecemento dun prezo mínimo do leite, aínda que recoñeceron a posibilidade de dar pasos adiante. Menos de vinte e catro horas despois dese encontro e mentres industria e produtores rebaixaban, en xeral, o ton das súas declaracións públicas, a conselleira do Medio Rural avivou o lume do conflito leiteiro. A esixencia dun prezo mínimo é tanto como poñerlle "unha pistola no peito".

Despois de que a propia ministra Isabel García Tejerina lle enviase un 'recado' á Xunta, instandoa á aplicar máis medidas para "protexer" mellor o sector, Quintana concentra os seus ataques nos gandeiros. "Estamos dispostos a asumir todas as peticións do sector lácteo que legalmente poidamos aceptar", pero "non se lle pode mentir á xente". Ao "esixir que se fixe un prezo mínimo" o que fan os produtores, acusa, é "poñerme unha pistola no peito, pídenme que faga algo ilegal".

Rosa Quintana: "Póñenme unha pistola no feito e pídenme que faga algo ilegal"

A poucas horas da tractorada organizada para este xoves na contorna de Vilalba a titular de Medio Rural saca, ademais, peito a respecto da súa propia xestión. "Nós dende a Xunta sempre demos os primeiros pasos", asegura, e por iso "xa no ano 2009 fomos os primeiros en publicar un decreto que potenciaba as organizacións de produtores", di, obviando por exemplo fiascos como o de Alimentos Lácteos, a fracasada factoría leiteira dirixida por cargos do PP e substanciosamente financiada pola Xunta. Nesta liña, mantén, a Xunta vai seguir "defendendo o máis fable, pero en xeral a todos os axentes do sector para conseguir maior valor engadido para o produto".

Esvaen os límites entre Xunta e PP

As declaracións de Quintana producíronse nun contexto no que, como noutras ocasións, as lindes entre Xunta e PP tenderon a esvaer. A convocatoria foi formulada dende o PP, que citou a prensa en Curtis para dar conta dun encontro da conselleira na súa calidade de membro do partido con "representantes de cooperativas e sociedades agrarias de transformación do Concello de Curtis". "Alí -agregaban os conservadores- estará acompañada polo alcalde popular deste Concello", Javier Francisco Caínzos.

O encontro foi convocado polo PP, pero quen informou del foi a Xunta e o Concello de Curtis indicou que o "impulsou" o alcalde

Unha vez celebrado o encontro non foi o PP, senón a Xunta, quen ofreceu información ao respecto. Tamén o fixo o consistorio de Curtis, que nun comunicado presentou a xuntanza como un encontro de Rosa Quintana na súa condición de conselleira co sector lácteo do municipio. A reunión, detallaba este comunicado, celebrouse en instalacións municipais e foi "impulsada" polo alcalde para que "os representantes das cooperativas puidesen explicar as súas preocupacións directamente á conselleira", toda vez que "o 50% da economía local" se apoia no sector gandeiro.

Segundo o Concello a conselleira empregou a xuntanza para anunciar que o seu departamento "axudará no financiamento das explotacións lácteas que estean vendendo o litro de leite por baixo do prezo medio en Galicia" e "pretende impulsar a creación dunha gran organización de produtores". "Ante as preguntas das cooperativas pola paralización da recollida do leite por parte dalgunhas empresas como Leite Río" Rosa Quintana "asegurou que se abriran expedientes", aínda que "non citou o nome das industrias afectadas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.