A interventora de Santiago certifica que o PP incumpriu as regras de gasto do Concello

Hernández, con Feijóo nun acto público © Xoán Crespo

Sorpresas financeiras na Coruña, sorpresas financeiras en Ferrol e agora, tamén, sorpresas financeiras en Santiago. O novo goberno de Compostela vén de recibir o informe que lle encargou á interventora municipal nada máis tomar posesión para coñecer o estado das arcas do Concello. Nun amplo informe, a habilitada  -que fora destituída por Conde Roa e cuxa reincorporación forzou o Tribunal Superior de Xustiza- retrata o estado do erario municipal e lanza dúas advertencias: os alcaldes do PP gastaron máis do debido en 2014 e 'incharon' a previsión de gasto para 2015.

Segundo ese informe, a cuxo contido tivo acceso este diario, a orixe do desfase cómpre buscala no ano 2013, un dos politicamente máis treboentos na historia da capital galega. Nese ano o gabinete daquela dirixido por Ángel Currás acadou un "nivel de execución máis baixo do previsto", e isto "incidiu de maneira relevante" nos límites do ano seguinte.

A interventora sitúa a orixe do desfase na baixa execución de 2013

Con estas condicións de partida, explica a interventora, "na execución do orzamento de 2014 o Concello incumpriu a regra do gasto", cun "exceso" de 2,4 millóns de euros que supón unha "desviación do gasto non financeiro do 3,3%". Ese incumprimento, sinala o informe, xa o "deixou claro" o interventor que exercía no consistorio neses anos, o chegado ao Pazo de Raxoi con Conde Roa como alcalde.

O Concello superou o teito de gasto de 2014 en 2,3 millóns e 'inchou' as contas de 2015 en case 10, segundo o informe

No entanto, os desvíos non remataron en 2014, senón que continuaron nos orzamentos de 2015, aprobados xa con Agustín Hernández á fronte. Sempre segundo o informe da Intervención municipal, "o orzamento de 2015 aprobouse cunha contía de gasto non financeiro [o que non se dedica a pagar débeda e outros compromisos bancarios] que excede da que actualmente corresponde ao Concello de Santiago aplicando a regra legal do gasto". Ese "exceso na base de cálculo do gasto non financeiro" acadou neste caso os 9,7 millóns, di a interventora, o que supón un desfase do 13%.

As consecuencias

O mesmo informe indícalle ao goberno de Compostela Aberta as consecuencias destas cifras. Por mor do "incumprimento" de 2014 cómpre aprobar "con carácter urxente" un Plan Económico e Financeiro, isto é, un plan de recorte do gasto público, que "permita entre o ano 2015 e, máximo, o ano 2016, reducir o gasto que excede de dito límite". Ese plan, incide, debe "ter en conta a actual situación da marxe de gasto autorizado para o actual exercicio e no 2016" para "axustarse ás marxes legais". 

A lei obriga o consistorio a aplicar un plan económico para "axustarse ás marxes legais" entre este ano e o vindeiro

Para a concelleira de Facenda e tenente da Alcaldía, María Rozas, o informe "demostra que o anterior goberno local gastou por riba das posibilidades desta Administración". A "superación do teito de gasto" obriga "por lei" a unha "contención" que "fai imposible acometer a totalidade do gasto comprometido nos orzamentos de 2015 e condiciona futuros exercicios".

No que atinxe ao orzamento vixente a edil atribúe o desequilibrio a "unha previsión de ingresos inflada e nada realista" que se "vinculou, nunha gran parte de case o 47% do orzamento inicial de investimentos, a unha venda de terreos e outros ingresos sobre os que non se iniciou ningún expediente". Nesta conxuntura, di, o  novo goberno "priorizará investimentos e buscaráfondos na medida das nosas posibilidades", aínda tendo en conta de que a lexislación estatal forza que a redución sexa "en gasto non financeiro".

A edil de Facenda de Santiago, María Rozas, en rolda de prensa © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.