Feijóo pide o voto para Albiol e declara a Mas "inimigo" de Catalunya

Feijóo e outros cargos do PP, no acto de apoio a Albiol © PP Catalunya

En novembro de 2010, en vésperas das eleccións catalás, Alberto Núñez Feijóo acudiu a Barcelona como o barón autonómico máis á alza dentro do PP. Coa daquela candidata do seu partido á Generalitat, Alicia Sánchez-Camacho, e mais con Antonio Basagoiti, que dirixía o PP vasco, asinou o que deron en chamar "el pacto de la pluralidad, de la libertad, de la unión y del orgullo de sentirnos catalanes, gallegos, vascos y españoles". Fixérono no Saló del Tinell, o lugar no que, en 2003, PSC, ERC e ICV asinaran a súa coalición de goberno e acordaran non pactar cos populares. Cinco anos despois de proclamar que Catalunya ía "á deriva" por mor do soberanismo, o presidente da Xunta volveu este sábado ao mesmo escenario para facer campaña, agora a prol do controvertido Xavier García Albiol.

Xunto a outros dirixentes territoriais do PP o presidente da Xunta proclamou a súa adhesión a García Albiol, "que demostrou que sabe xestionar e xestiona", e cargou con dureza contra a candidatura de Junts pel Si na figura do actual titular da Generalitat e número 4 da candidatura unitaria, Artur Mas. Menos de vinte e catro horas despois de que milleiros de persoas ateigasen a Meridiana de Barcelona para reclamar a independencia o líder da dereita en Galicia teima en identificar o movemento soberanista unicamente con Mas, a quen dá en situar como "inimigo" de Catalunya porque "confundiu as súas ambicións persoais coas prioridades do seu pobo", afirma.

Feijóo advirte a Mas de que "ten as mesmas posibilidades ca min de declarar a independencia, ningunha"

A xuízo de Feijóo a aposta por declarar a independenica é sinónimo de que Mas considera "que está por riba da lei". Iso, asegura, supón oviar que "os momentos máis escuros de Catalunya" producíronse cando "se situou na ilegalidade e no incumprimento da lei". Neste sentido, o líder do PPdeG asegura que apostar polo independentismo supón querer "enfrontar" o pobo catalán, se ben esa aspiración, augura, nunca chegará a cumprirse. Artur Mas, proclama, "ten as mismas posibilidades de proclamar a independencia ca min" en Galicia, isto é, "ningunha".

Así as cousas, minutos despois de que a presidenta da Comunidad de Madrid, Cristina Cifuentes, proclamase que o actual goberno catalán é "corrupto e sectario", Feijóo aconsella ao electorado de Catalunya que "non permita" ter "un presidente que lles diga aos seus cidadáns que son menos ca el, porque non é certo". "Cremos en Catalunya, sentímola parte de nós, cremos na súa autonomía e nese Estado autonómico obtido entre todos por riba de calquera mal goberno puntual", afonda o xefe do Executivo galego. Todo isto, conclúe, ficará garantido se goberna García Albiol, cuxa candidatura, asegura, "sabe que por riba do interese partidista está o xeral".

Intervención de Feijóo en Barcelona © PP Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.