Syriza gaña con claridade as eleccións

Tsipras intervén ante seguidores de Syriza tras coñecer o resultado CC-BY-NC-SA Syriza

Os gregos e gregas renovaron a súa confianza en Syriza e en Alexis Tsipras, outorgándolles unha clara vitoria electoral e unha ampla maioría, con porcentaxes moi semellantes ás dos comicios celebrados en xaneiro. A pesar de que as sondaxes previas indicaran unha vantaxe moito máis axustada, os primeiros resultados deixaron clara moi pronto a vitoria da coalición esquerdista. Antes das oito da tarde, con só un 25% escrutado, o líder de Nova Democracia, Vangelis Meimarakis, xa recoñecera a vitoria de Tsipras.

Syriza impúxose cun 35,47% dos votos e 145 deputados (fronte ao 36,3% e 149 escanos de xaneiro). Nova Democracia, nun deputado, o PASOK creceu 4 e o KKE mantivo os seus escanos. Os centristas de To Potami perderon seis deputados, e os nacionalistas de ANEL caeron 3. A Unión de Centristas entrou na cámara por vez primeira. A coalición de esquerdas liderada por Tsipras queda moi preto da maioría absoluta, fixada en 151 escanos. Pouco despois das nove da noite Tsipras confirmaba a intención de repetir o pacto ao que xa chegara en xaneiro con ANEL, iniciando os contactos con esta forza de corte nacionalista para formar goberno.

Unha das incógnitas da xornada estaba centrada en constatar o apoio dos e das votantes a Unidade Popular, a escisión de Syriza pola súa esquerda, formada por algúns destacados dirixentes que abandonaron a coalición rexeitando o acordo acadado co Eurogrupo. Finalmente, Unidade Popular ficou fóra do Parlamento, cun 2,86% dos apoios, por debaixo do 3% esixido, que supoñen algo máis de 154.000 votos.

Reaccións en España

Pouco despois de que se coñecesen os resultados, tanto o líder de Podemos, Pablo Iglesias, coma o de Izquierda Unida, Alberto Garzón, felicitaron a Alexis Tsipras a través de twitter. "Os gregos están dicindo ben claro a quen queren de primiero ministro. Felicidades, @tsipras_eu Forza, amigo", escribiu Iglesias, que o venres participou no mitin de peche de campaña de Syriza. "Gaña Syriza amplamente en Grecia. Felicidades @atsipras  @KaragkounisSt Traballaremos para que en España axudemos a cambiar a nosa Europa", escribiu Garzón.

Entre o cansancio e a presión da troika

A cidadanía grega votou por terceira vez en oito meses. En xaneiro deulle unha clara maioría a Syiriza, que quedou ao borde da maioría absoluta. En xullo Alexis Tsipras botoulle (e gañoulle) un pulso á troika e ao BCE cun referendo no que o 61% dos e das votantes rexeitaron as esixencias de austeridade e o memorando proposto polo Eurogrupo. Porén, finalmente o Goberno grego acabou aceptando unha dura axenda de recortes, a pesar de que o propio Tsipras a cualificou de "chantaxe".

O paso atrás dado por Tsipras provocou, por unha banda, unha forte crítica interna en Syriza que cristalizou na marcha dun bo número de deputados e algúns ministros, conformando unha nova formación -Unidade Popular- apoiada pola expresidenta do parlamento Zoe Konstantopoulou e o propio Yanis Varoufakis. Pola outra, a xestión da vitoria acadada no referendo contribuíu a incrementar a sensación de cansancio e reforzou a idea de que non hai opcións reais de reducir a presión imposta polas institucións da UE. A pesar da clara vitoria de Tsipras, este cansancio deixouse ver nos resultados, a través dun forte aumento da absención, que creceu nove puntos con respecto a xaneiro e acadou o 45% do total. Iso, a pesar de que o voto en Grecia é obrigatorio. 

A pesar da clara vitoria de Tsipras, este cansancio deixouse ver nos resultados, a través dun forte aumento da absención, que creceu nove puntos con respecto a xaneiro e acadou o 45% do total

Alexis Tsipras asegurara esta mañá, no momento de exercer o seu voto en Atenas, que confía en que os cidadáns lle dean "un goberno forte" e un "mandato de continuidade" para poder "romper co antigo réxime". "Os gregos non permitirán que outros decidan por eles", engadiu. Syriza deberá xestionar unha crise moi profunda e aplicar as esixencias do novo rescate, recortes e privatizacións a cambio dunha achega de 86.000 millóns de euros destinados en boa medida a pagar a débeda do país.

Manifestación na Praza Syntagma CC-BY-NC-ND Jan Wellmann
Tsipras, celebrando o resultado CC-BY-NC-SA Syriza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.