Operación Patos: campos de fútbol, humanizacións e xestión de zonas verdes, baixo sospeita

Parque da Bouza, en Vigo © Turgalicia

As investigacións que a Fiscalía de Delitos Económicos de Vigo e a UDEF levaron a cabo nos últimos dous anos revelaron unha trama de adxudicación irregulares de contratos públicos e de favores e agasallos a políticos e técnicos, moitos deles -ao redor medio cento- imputados. Púxose ao descuberto o modus operandi de Enrique Alonso Pais e as súas empresas, con relacións estreitas con representantes de distintas administracións da área de Vigo e toda a provincia de Pontevedra.

Os contratos que neste momento se están investigando suman un total de 17 millóns de euros

Os contratos que neste momento se están investigando suman un total de 17 millóns de euros, 44 adxudicacións de bens e servizos outorgadas pola Xunta, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vigo, Nigrán, Santiago, Pontevedra e Ponteareas. As actuacións abranguen todo tipo de actuacións levadas a cabo pola construtora Eiriña, ademais de por Cespa, especializada en xardinería e xestión de espazos verdes. Aparecen obras de saneamento (en Nigrán ou Ponteareas), apertura de camiños ou construción de pontes, entre outras.

Entre todas elas, algúns encargos son recorrentes, coma os contratos para executar numerosos labores de humanización na cidade de Vigo (rúa Nicaragua, Ferreirós, Hispanidade...) e noutros concellos. Colectivos coma Xentrificación Vigo cuestionaron estas políticas de "embelecemento urbano" que levaron nos últimos anos "unha parte elevada dos orzamentos municipais, ao mesmo tempo que os servizo sociais da cidades diminuíron notabelmente". En entrevista con Praza, Xentrificación Vigo denunciaba que "O espazo urbano estase a converter nun produto máis do que obter beneficio sen importar o ben común".

Investíganse as obras en varios campos de fútbol da provincia de Pontevedra, concedidos pola Deputación

Así mesmo, investíganse as obras en varios campos de fútbol da provincia de Pontevedra, concedidos pola Deputación; son os de Coia (cun importe de 1,2 millóns de euros), Moraña (848.327 euros) e Coruxo (235.000 euros). Tamén a multiplicación de campos de fútbol en Pontevedra, sobre todo os de herba artificial, foi denunciado en numerosas ocasións nos últimos anos, non en relación coas irregularidades descubertas agora, aínda que si polo despilfarro de cartos que estas actuacións supoñían.

Outro dos ambitos que reúne un maior número de contratos investigados é o da xestión de xardíns e espazos verdes, neste caso a través das accións de Cespa, empresa na que traballara Enrique Alonso Pais e que se fixo en 2005 co contrato de mantemento de parques e xardíns de Vigo, beneficiándose posteriormente de sucesivas ampliacións que en 2013 incrementaron o beneficio para a compañía en 5.5 millóns de euros. Segundo a investigación, Cespa presionou a políticos doutros Concellos, coma Ourense ou Santiago, buscando facerse -sen éxito- con contratos de conservación de xardíns e de urbanización da Finca do Espiño, respectivamente.

Outro dos ambitos que reúne un maior número de contratos investigados é o da xestión de xardíns e espazos verdes

Ao igual que sucede coma nos casos das humanizacións ou da proliferación de instalacións deportivas, entidades sociais e activistas levan anos denunciando que a xestión de zonas verde se están a converter nun espazo máis para o lucro privado. Un informe de Ergosfera denunciou en 2014 que nos últimos anos, a pesar da crise, o gasto público en conservación de parques e xardíns non deixou de crecer e alertaba de que o conxunto dos servizos urbanos (limpeza, xestión de residuos, tratamento de augas, mantemento de zonas verdes...) se convertera "nun dos refuxios das grandes construtoras españolas" trala crise do ladrillo.

Campo de fútbol en Coia © Concello de Vigo
A rúa Nicaragua, tralos traballos de 'humanización' © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.