As tímidas subas en Cultura apenas maquillan o recortado nos últimos seis anos

A Fundación Cidade da Cultura incrementa os seus fondos un 30% © Xunta

O proxecto de Orzamentos para 2016 presentado pola Xunta preséntase con incrementos en case todas as partidas. E así foi vendido polo Goberno galego, que destaca o crecemento dos investimentos, do gasto social e de que estamos ante "as primeiras contas expansivas da Administración galega dende 2008". Efectivamente, as contas para o vindeiro ano, que aínda deben pasar polo Parlamento, rachan unha tendencia de seis anos de recortes continuados en moitas áreas, coma Cultura, Cooperación e Normalización Lingüística.

Porén, precisamente nestas partidas, que están entre as que viron máis reducidos os seus fondos dende a chegada de Núñez Feijoo á Presidencia da Xunta en 2009, o leve incremento para 2016 non compensa máis que unha pequena parte do recortado. Outras importantes políticas, coma as de investigación e innovación, que xa recuperaron en 2014 unha tendencia ascendente, seguirán crecendo o vindeiro ano, pero estarán aínda moi lonxe dos fondos que recibían en 2009.

Cultura, máis para o Gaiás, menos para compra de libros

No proxecto de Orzamentos, Cultura recibe un total de 61,9 millóns de euros, fronte aos 57,7 millóns do pasado ano, un incremento do 7%. A pesar do ascenso, a cifra segue sendo menos da metade do orzamentado en 2009 (141,06 millóns), cunha caída acumulada do 56%.

En 2016 algo máis de 9 millóns de euros irán destinados á Fundación Cidade da Cultura, fronte aos 6,7 do ano anterior, un terzo máis (en 2009 a Cidade da Cultura, aínda en obras, recibía 41 millóns de euros). O Gaiás absorbe polo tanto o 14,5% de todo o orzamento. Case tanto coma o que xestionará a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), uns 10,4 millóns, sen apenas variacións con respecto ao pasado ano. O CGAC é un dos grandes prexudicados no proxecto de contas, perdendo un 25% dos seus fondos, que pasan do millón de euros ao 750 mil. A Fundación Camilo José Cela, pola súa banda, mantén a súa dotación (257.294 euros). O mesmo que o Museo do Pobo Galego (298 mil).

O orzamento para o Gaiás crece un 30% e absorbe o 14,5% de todos os fondos de Cultura

Un dos capítulos que máis sufriu nos últimos anos o peso dos recortes foi o do libro e bibliotecas. No proxecto de contas públicas para 2016 hai mellores novas, pero con matices. Os programas ligados a bibliotecas, arquivos, museos e outros equipamentos culturais reciben un total de 13,4 millóns, fronte aos 10,6 millóns do pasado ano. E mellora algunha partida, coma a animación á lectura, que pasa dos 200 mil aos 240 mil euros. Porén, capítulos coma a promoción da edición de libro en galego (348.460), promoción do libro e a lectura (200 mil euros) ou as feiras do libro (150 mil euros) permanecen estancadas. E outros, coma a partida para a adquisición de fondos bibliográficos (560 mil euros) mesmo descenden 40 mil euros dende o pasado ano. En 2009, a promoción da edición de libro en galego recibía 1,1 millóns de euros e para a adquisición de fondos bibliográficos había 2,4 millóns, máis de catro veces máis que agora. Si mellora a dotación para Feiras internacionais do libro (pasa de 150 mil a 400 mil euros).

Leve ascenso para a normalización lingüística

O fomento da lingua galega recibe nos orzamentos de 2016 un total de 6.756.815 euros, 16 mil euros máis que o pasado ano (6.740.182), manténdose a dotación para case todos os programas e actividades, o mesmo que para o financiamento da Real Academia.

Os fondos para a I+D galega, por debaixo do 2008

A pesar de cinco anos de ascenso, os fondos pa I+D están 11 millóns por debaixo dos de 2009

O capítulo de Investigación, desenvolvemento e innovación crece en máis de dez millóns de euros, dende os 120 millóns de euros do pasado ano, ata os 130,7. Porén, a cifra total, segue por debaixo do nivel acadado en 2009 (142,9 millóns). As contas públicas de 2010 e 2011 significaron un recorte de máis trinta millóns para o orzamento dedicado a I+D. A pesar de que dende entón asistimos a cinco anos consecutivos de ascensos, a cifra total segue lonxe das cantidades previas á crise. A investigación nas universidades recibirá 50.034.780 euros, algo por riba do orzamentado o pasado ano (49 millóns) e crecendo levemente dente o 2009 (48,9 millóns).

Os fondos para cooperación seguen baixo mínimos

Cooperación exterior recibirá en 2016 un terzo dos fondos cos que contaba en 2009

Quen non notará apenas a recuperación son os programas ligados a Cooperación exterior e ao desenvolvemento, que en 2016 recibirán algo menos de 4,2 millóns de euros, cun crecemento de só 48 mil euros dende o pasado ano (4.143.715 euros). Esta partida recibía 11,6 millóns de euros en 2009 e dende entón viuse reducida a pouco máis dun terzo.

A Fundación Cidade da Cultura incrementa os seus fondos un 30% © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.