PSdeG e BNG acordan na Deputación de Lugo un goberno de oito áreas sen Martínez

Campos e Veiga, presentando a nova estrutura da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Oito áreas e ningunha para Manuel Martínez, alcalde de Becerreá cuxo voto propiciou que o PP gobernase durante catro meses. É a estrutura do goberno que PSdeG e BNG pactaron para a Deputación de Lugo e que, se non hai novidades, será definitivamente aprobada en pleno a vindeira semana. Tal e como transcendera nos últimos días, a negativa do Bloque a que Martínez sentase na Xunta de Goberno por pesar sobre el unha imputación xudicial déixao sen ese posto e tamén sen a xestión da área de Vías e Obras, que el mesmo rexeitou ao serlle negada a entrada no devandito órgano de goberno.

O presidente da institución, Darío Campos, e o vicepresidente, Antonio Veiga, presentaron este luns o novo goberno como mostra da definitiva "recuperación da normalidade democrática" e tamén, indica Veiga, da aplicación do acordo entre PSdeG e BNG que "xa está a funcionar, con éxito, noutras dúas deputacións galegas". "Para cumprir coa vontade dos lucenses reestruturamos a deputación en oito áreas provinciais", indica Campos, das que seis estarán xestionadas polos socialistas e as dúas restantes, polo Bloque.

A área de Obras e Parque Móbil fica definitivamente ligada a Xestión Territorial

O departamento que inicialmente ía estar xestionado por Martínez, Vías e Obras e Parque Móbil, estará definitivamente integrado na Área de Xestión Territorial, dirixida polo alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, quen segundo Campos é un "gran coñecedor das necesidades en materia de infraestruturas, pois a Montaña lucense foi a gran esquecida durante 24 anos de goberno do PP". Do PSdeG dependerá tamén a área de Promoción Económica e Social, encabezada polo deputado Álvaro Santos e da que dependerán dúas delegacións: Innovación, Tics, Participación Cidadá e Transparencia, ao cargo de Pablo Rivera, e Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, dirixida por María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, de quen o PP destacou nas últimas horas que está tamén pendente dunha imputación.

O BNG muda parcialmente as súas responsabilidades e xestionará, Deportes, Cooperación e Asistencia aos Concellos, Cultura, Patrimonio e Normalización

Os socialistas responsabilízanse tamén doutra das grandes áreas da nova estrutura da Deputación: Medio Rural, Mar e Medio Ambiente, dirixida por Lino Rodríguez, alcalde de Pol, e encargada da delegación de Medio Ambiente, responsabilidade da deputada Sonsoles López Izquierdo. Completan as áreas con deputados do PSdeG o departamento de Goberno Interior, Asuntos Xerais e Formación, con Miguel Ángel Sotuela, Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, con Pilar García Porto, que recunca no cargo, e Promoción do Territorio e Turismo, con Eduardo Vidal á fronte.

O BNG, pola súa banda, muda parcialmente de responsabilidades a respecto do anterior mandato. Así, o que agora é vicepresidente único da institución, Antonio Veiga, ocuparase ademais de Deportes e de Cooperación e Asistencia aos Concellos. O novo deputado do Bloque, Xosé Ferreiro, xestionará Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística, Artesanía e Deseño.

Campos e Veiga, presentando a nova estrutura da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.