Baltar evita aclarar se recoñece a súa voz nas gravacións da denuncia de traballo por sexo

Baltar, nun intre da comparecencia © Parlamento de Galicia

"Xa dixen o que tiña que dicir". José Manuel Baltar estaba citado este xoves no Parlamento  para, como cada ano, presentar os orzamentos da Deputación de Ourense. Pero, como era previsible, a cuestión orzamentaria ficou nun absoluto segundo plano por mor da denuncia dunha muller que, como revelou eldiario.es, lle atribúe ao barón do PP ourensán o ofrecemento dun posto de traballo a cambio de sexo. Malia ás duras intervencións da oposición e ás recorrentes preguntas da prensa, Baltar obviou o caso e, en ton altivo, desbotou calquera tipo de explicación a respecto diso, incluíndo se recoñece ou non a súa voz nas gravacións incluídas na denuncia.

Durante a propia comparecencia Baltar non se desviou do guión marcado e contrarrestou as duras intervencións da oposición cunha exposición sobre a "transparencia como liña estratéxica institucional" ou a súa "aposta pola política". Xa nos corredores da Cámara e ante unha nube de xornalistas o presidente ourensán considerou "moi previsible" que PSdeG, AGE e BNG centrasen as súas intervencións en pedirlle explicacións e esixir a súa dimisión, aínda que "eu vin falar dos orzamentos" e, se os informadores desexan aclaracións, terán que "lerse" o comunicado difundido polo PP o pasado martes no que se glosaba a "maldade" do resto de grupos.

Baltar teima en que se trata "dun tema persoal" e limítase a anunciar "accións legais"

Explicarse, di Baltar, sería tanto como facer deste caso "unha cuestión mediática" e só se trata "dun tema persoal". "Non vou anunciar nada nin cuestión semellante", di. "Escoitou as gravacións?", insistiron os xornalistas mentres Baltar e membros do PP abandonaban o recinto por un corredor. "Accións legais", resolveu, á vez que atribuia a expectación xerada pola súa comparecencia ao folgado triunfo do PP de Ourense nas pasadas eleccións municipais.

"Todas putas"

A airada actitude de Baltar ante a prensa chegaba despois dunha tensa sesión na que toda a oposición reprochou con dureza o contido da denuncia publicada por eldiario.es. Ante unha "denuncia por acoso" Baltar decidiu "enlamar" a institución provincial e "escudarse" tras a filosofía de "todas putas", reprocha Tereixa Paz, do BNG, quen insta o conservador a empezar a aplicación do seu publicitado "código ético" por si mesmo. "Por respecto ás mulleres ás que agride" a denuncia, e non os orzamentos, di, deben ser o centro do debate.

Paz (BNG) salienta que se trata dunha "denuncia por acoso" e Fajardo (AGE) ve "noxento" que Feijóo xustifique o "dereito de pernada"

Nun sentido semellante o deputado de AGE Juan Fajardo ve no caso Baltar unha mostra da "putrefacción" do PP, que agora contempla o "dereito de pernada". Baltar, destaca, tivo "a valentía de comparecer como se non pasase nada" a pesar das "evidencias" de ofrecer un "enchufe" por sexo. Esta, sinala, debería ser "a derradeira comparecencia" de Baltar no seu cargo e, se non accede a dimitir, terán que "tomar cartas no asunto Feijóo e Rajoy", aínda que di non confiar no titular da Xunta tras a "noxenta" defensa que realizou de Baltar, algo "indigno dun presidente".

Bugallo (PSdeG) apercibiu os tres voceiros da oposición por non cinguirse aos orzamentos

A petición de cesamento chegaba tamén dende as filas do PSdeG, representado polo tamén ourensán Raúl Fernández, "triste e indignado" pola "obscenidade" deste caso. Se a Baltar "lle queda algo de demócrata" debería "cumprir os acordos" do pleno provincial do pasado martes que, en ausencia do PP, aprobou a reprobación e petición de dimisión do presidente. "Tivo a oportunidade de ser un presidente democrático e non a aproveitou", di.

Tanto os portavoces de AGE e do BNG -que abandonaron a sesión durante a segunda intervención de Baltar-, como o representante do PSOE foron apercibidos polo presidente da comisión, o socialista, Xosé Sánchez Bugallo, por centrar as súas intervencións na denuncia e non nos orzamentos. Ao considerar que non se cinguían á cuestión, retiroulles a palabra ao tres en diferentes treitos das intervencións.

Baltar, chegando á comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.