Catro mil persoas votan as listas de Nós-Candidatura Galega

Vence, Callón e Novo, votando en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Un total de 4.022 persoas pasaron este domingo polas 144 mesas electorais instaladas por todo o país para votar as listas ás eleccións xerais de Nós-Candidatura Galega, a plataforma electoral tecida en torno a Iniciativa pola Unión e na que participan o BNG e outras forzas de menor dimensión como o PG, Coalición Galega ou o PCPG. Entre as 11 da mañá e as 3 da tarde as primarias serviron elixir a Carlos Callón como cabeza de lista ao Congreso pola Coruña tras impoñerse a Tereixa Novo, así como para ratificar a Olalla Rodil, Noa Presas e Carme Adán como cabezas de lista en Lugo, Ourense e Pontevedra.

O bo tempo animou a participación nunha xornada na que locais sociais e veciñais, edificios públicos, bares ou prazas serviron como espazos de votación para configurar unhas listas que foron avaladas polo 70% das 5.812 persoas censadas. Onde maior participación se rexistrou foi na provincia da Coruña, con máis do 75%. Seguiuna Pontevedra, co 70%; Ourense, con algo máis do 64%, e Lugo, co 60,71%. do censo.

As votacións na provincia da Coruña tiveron un seguimento do 75,03%. 1.197 persoas apoiaron a Carlos Callón como cabeza de lista e 585, a Tereixa Novo. O expresidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística estará á fronte dunha lista na que tamén estará a propia Novo, que nesta segunda votación foi apoiada por 1.110 persoas. Nesa eleccióndo resto da lista, no entanto, a candidata máis votada foi a actriz Isabel Risco, con 1.355 votos. Tamén figurarán nela o escritor Suso de Toro (1.084) e Elvira Souto (951). Contemplan a candidatura coruñesa ao Congreso Lucía Vecino, Djyby Fall, Manuel Presas e Natalia Tarela. Ao senado concorrerán Xosé Luís Rivas, 'Mini', o máis votado con 1.340 sufraxios, e mais Secundino García, Vanessa Nieves e Miguel Anxo Abraira.

En Lugo a participación nas primarias acadou o 60,71%. A cabeza de lista, Olalla Rodil, foi apoiada por 444 persoas, o 96% do total. Para o resto da lista quen recibiu máis votos foi Xosé Antón Ledo (252), seguido por Montserrat Porteiro e Xosé Paleo. Pola banda lucense optan ao Senado Rosa Ana Prieto (318 votos), Orlando González (277) e Luís López Melle (201).

Nas votacións participaron 4.022 das 5.812 que compuñan o censo das primarias

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, recolleitou 1.238 sufraxios, máis do 90%, nunha votación na que participou o 70% do censo. Entre as persoas que optaron a completar a lista o maior volume de apoios foi para o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, con 923 votos. Os restantes integrantes da lista son Miriam Rodríguez, Alberte Lamazares, Helena Pérez, Teba Conde, María Pousada, David Torres e Segundo González. Na votación ao Senado a candidata con máis apoios foi Alba Cuba (828) e tamén concorreron para a Cámara Alta cinco persoas máis: Xosé Collazo, Valentín García Bóveda, David Torres, Ernesto Vázquez-Rey e Carlos Villar.

Na provincia de Ourense participaron nas votacións 361 das 541 persoas censadas, un 64,69%. 334 persoas, o 94,46%, outorgáronlle o seu voto á cabeza de lista, Noa Presas. No resto da candidatura, quen máis sufraxios recibiu foi Perfecta Losada (217), seguida por Xesús Manuel Suárez (65) e Fernando Alonso (61). Na lista para o Senado, Diego Lourenzo obtivo 254 votos, Carme Bolaño recibiu 223 e Francisco Xabier González, 107.

Vence ve en Nós a única candidatura "100% galega"

Para o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que participou na votación na mesa instalada na Praza do Toural de Santiago, estas primarias foron a mostra de que "as cousas se poden facer doutra maneira, dando voz á xente, construíndo de abaixo a arriba as candidaturas" sen "acordos de cúpulas nin dende Madrid". "Somos -di o líder do Bloque- os galegos e galegas quen decidimos libremente a composición" da que, coida, vai ser a "única candidatura galega decidida neste país" que estea nas urnas o vindeiro 20 de decembro.

Vence afirma que Nós e a candidatura de quen "queremos unha representación xenuína galega" sen "decisión foráneas"

As forzas que apoian esta candidatura, indica Vence, están unidas por "querer ter unha gran representación galega sen supeditación a ningunha consigna, nin decisións foráneas a Galiza de forzas estatais". Nesta liña, subliña, o programa de Nós será o único "netamente galego, centrado integramente na defensa deste país". "Nós-Candidatura Galega -resume- é a candidatura na que imos todos os que queremos unha representación xenuína galega, é a candidatura galega 100%, representa o BNG e moito máis: outras forzas políticas e, sobre todo, a cidadanía que quere unha voz potente en Madrid que defenda Galiza por riba de todo", conclúe.

Un intre das votacións en Santiago CC-BY-NC-SA BNG
Rodil e Rubén Arroxo, votando en Lugo CC-BY-SA BNG Lugo
Noa Presas, cabeza de lista por Ourense, participando na votación CC-BY-NC-SA BNG Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.