O sector lácteo volve á rúa e xa prepara mobilizacións "máis drásticas"

Reparto de leite na Alameda de Santiago © OPL

A Organización de Produtores de Leite (OPL) repartiu este xoves 1.000 litros de leite á cidadanía en Compostela. Dous meses despois das tratoradas que ateigaron a capital de Galicia e varias comarcas, os gandeiros volven á rúa ao non haber melloras nos prezos que se lles paga polo produto. As principais industrias que operan no país manteñen baixos importes e, nomeadamente Lactalis e Danone, que segundo denuncia o colectivo están a incumprir o acordo lácteo que prometía ser o principio da fin da grave crise do sector. 

A OPL advirte de mobilizacións máis curtas no tempo "pero máis drásticas" e centradas nas industrias que incumpren o acordo

O coordiador da OPL, Anxo Escariz, advertiu que as mobilizacións serán máis curtas no tempo "pero máis drásticas" e centraranse nun inicio nesas dúas industrias francesas. Ademais, poñerase en contacto coas organizacións agrarias para levar a cabo as protestas, que prevén centrarse en buscar a complicidade da cidadanía e informala para que saiba "quen son estas industrias e que tipo de prácticas están a levar a cabo no país". 

O acto levado a cabo en Santiago este xoves encádrase na xornada de protesta europea organizada pola European Milk Board e con un tanque de 1.000 litros repartiu botellas deleite a toda persoa que pasaba pola Alameda. Segundo Escariz, a mobilización pretende "concienciar os cidadáns" e infromalos tamén de que, aínda que a distribución si incrementou polo xeral entre 3 e 5 céntimos o prezo do leite, este incremento "non repercutiu na industria e non chegou ao gandeiro"

Os gandeiros denuncian que as subas de prezo na distribución non repercutiron nos produtores

Ademais, o voceira da OPL lembrou que Galicia segue a sufrir "un grave problema" ao "abandonarse todos os días" explotacións. Unha situación que ameaza coa "perda dun dos motores da economía galega e que vertebra" a súa xeografía e poboación. Por iso, os produtores organízanse xa para "coordinar" os actos a levar a cabo nos vindeiros días, que se basearán en presionar a aquelas empresas que incumpran o acordo lácteo -como Lactalis e Danone- e que "están a presentar contratos á baixa e pagando por baixo dos custos de produción". Tamén moitos primeiros compradores. 

Así, a Plataforma Galega en Defensa do Sector Lácteo reunirase este vindeiro venres ás 11 en Santiago para determinar as futuras protestas ante un problema do que xa advertiran sindicatos como UUAA e SLG e a propia pltaforma. Os gandeiros quéixanse de que o Goberno central non fai que o acordo lácteo sexa "de obrigado cumprimento" e os prezos seguen sen subir, agás nalgún minoritario e ridículo caso. 

A Xunta asegura que o acordo lácteo dará os seus froitos "aos poucos"

Mentres, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou este xoves que o acordo lácteo asinado polas industrias, distribuidores e produtores lácteos "irá dando os seus froitos aos poucos" do mesmo xeito que está a ocorrer en Francia, onde se asinou un acordo similar meses antes. En resposta a unha pregunta oral do BNG no pleno do Parlamento, Vázquez dixo que é "plenamente consciente" da situación que atravesan os gandeiros, unha conxuntura difícil, ante a que desde a Xunta "puxemos todos os medios" para solucionala.

Reparto de leite na Alameda de Santiago © OPL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.