0 Gardados para despois

En Marea apela ao 24M incluíndo nas súas listas varios membros de candidaturas cidadás

Redacción | @prazapublica

Case 4.000 persoas -3.922 concretamente- inscribíronse no censo aberto por En Marea para participar nas primarias para a validación das candidaturas da plataforma de confluencia de cara ás eleccións do 20D e que se veñen de facer públicas. Os apuntados poderán "referendar"  ata ás 20 horas deste domingo unhas listas acordadas polas diferentes forzas políticas e axentes que participan neste espazo.

Podemos terá o número 1 na Coruña, onde Yolanda Díaz (EU) ocupará o segundo posto

Tal e como se pactara nas negociacións entre os distintos partidos, Podemos terá o número 1 da lista ao Congreso pola Coruña, mentres que Anova liderará a de Pontevedra. Ao tempo, Esquerda Unida ocupará o segundo lugar da candidatura pola provincia coruñesa, onde En Marea ten postas as maiores esperanzas de cara aos comicios. Será finalmente Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU e vicevoceira de AGE, quen ocupe ese segundo posto por tras de Antón Gómez-Reino, da formación que dirixe Pablo Iglesias. O número catro será para Rubén Pérez Sueiras, coordinador de Libera-Galicia e de Galicia Mellor sen Touradas. 

Díaz, nun comunicado nas redes sociais, asegura que decidiu presentarse nas listas ao Congreso por "unha única razón: a forza da oportunidade histórica". Ademais, insiste en que "non hai outra política que a unitaria" e di que se "equivoca radicalmente" quen pense que marcha de Galicia. "Non me vou, ao revés, vou para defender máis que nunca o noso país e as nosas xentes. Non me vou, quedo!", di.

No caso de Pontevedra, será Alexandra Fernández, de Anova, quen lidere a lista de En Marea, logo de que fose a opción máis votada para esta provincia nas primarias que levou a cabo a formación nacionalista. De número 2 nesta circunscrición partirá Angela Rodríguez Martínez, que fora a opción elixida polas bases de Podemos no seu proceso interno. 

Ademais, destaca en Lugo a presenza como número 1 da lista do escritor Miguel Anxo Fernán Vello -membro do Encontro Cidadán  por unha Marea Galega, onde formara parte da coordinadora que abandonara por razóns persoais- seguido no segundo posto de Rocío Somoza López, de EU e candidata tamén nas últimas eleccións municipais na capital lucense por Alternativa Cidadá de Esquerdas (ACE), e no número 3 de José Manuel Pérez, de Podemos.

No caso da lista ao Congreso por Ourense, será liderada por David Bruzos, membro de Ourense en Común, seguido de María Sofía Díaz Gómez, de EU, e de Carmela Docampo, elixida tamén nas primarias de Podemos. 

Membros de Compostela Aberta, ACE, Ames Novo, Vilalba Aberta ou Ourense en Comun forman parte das candidaturas de En Marea

Destaca a achega que ás listas fan candidaturas cidadás e unitarias que agromaron o pasado 24M, ademais de Ourense en Común e ACE, o número 3 da candidatura ao Congreso pola Coruña será para Flora Miranda Pena, que formou parte da lista de Compostela Aberta nos comicios locais. Xaime Subiela, concelleiro de Ames Novo, ocupará o número 5 nunha listaxe na que tamén está Loreto Taibo, da Asemblea Cidadá de Cambre. Na candidatura por Pontevedra tamén atopamos a Lara Rodríguez Peña, edil en Lalín pola Plataforma Aberta Cidadá (PAC).

En canto ao Senado, En Marea aposta para o número 1 pola Coruña por José García Buitrón, histórico socialista que hai xas meses se incorporou a Podemos, que estará seguido de Iria Otero Romero, de Anova. No caso de Pontevedra, o primeiro posto será para María Vanesa Angustia, de EU e membro de Marea de Pontevedra, mentres que o terceiro posto será para o escritor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín. A listaxe por Ourense lidéraa Pilar Barros, de Anova, e a de Lugo, Luís Daporta. Nesta última atopamos tamén a Modesto Renda, de Stop Desafiuzamentos e concelleiro de Vilalba Aberta na vila chairega.

Podemos tan só liderará as listas da Coruña ao Congreso e ao Senado

Podemos, finalmente, tan só liderará as listas da Coruña ao Congreso e ao Senado. O proceso de validación das candidaturas de En Marea será telemático e está xa aberto ata este domingo ás 20 horas. A coalición colgou xa na súa web as instrucións para levar a cabo o referendo das listas, que son finalmente as acordadas entre todos os axentes ao non presentarse ningunha alternativa. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.