Feijóo volve amparar a Baltar no día contra a violencia machista

Feijóo, con Rueda nun intre do pleno © Conchi Paz

As regras parlamentarias impediron que hai dúas semanas o BNG puidese preguntarlle a Alberto Núñez Feijóo sobre a denuncia de emprego por sexo formulada por unha muller contra o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. Esas mesmas normas provocaron que o Bloque non puidese cuestionar a Alberto Núñez Feijóo respecto diso ata este 25 de novembro, día no que se reivindica a loita contra a violencia machista e no que o líder dos populares galegos evitou de novo esixirlle responsabilidades ao seu barón ourensán.

"O primeiro que hai que facer para combater a violencia machista é acabar coa hipocrisía; menos minutos de silencio e máis acción", reclamoulle ao presidente o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, quen lamenta que, un mes despois do estourido do escándalo, Feijóo siga "preferindo ollar cara a outro lado, cando un señor feudal 2.0 se cre aínda con dereito de pernada". "Para vostede -reprocha- que un cargo público reclame favores sexuais a cambio de promesas de colocación non é importante. En que mundo vive?", pregúntase Jorquera.

Na súa resposta Feijóo apenas se moveu do declarado nas últimas semanas, tendo en conta que non aprecia "ningunha novidade". El, afirma, seguirá sendo "prudente" porque os feitos "acaban de empezar a ser investigados no ámbito xudicial" e só cando a xustiza se pronuncie actuará, se procede, "con firmeza". A oposición, reprocha o popular, "xa xulgou" a Baltar pero el non vai entrar "nese xogo".

O presidente da Xunta volve amparar a Baltar no día contra a violencia machista: "Menos minutos de silencio e máis acción", esixiulle Jorquera

No entanto, a continuación o presidente galego lanza unha nova comparación: dúas semanas despois de equiparar o caso Baltar cunha denuncia urbanística, nesta ocasión fai o propio coa Operación Pokémon e, máis concretamente, coa investigación da xuíza Pilar de Lara sobre a adxudicación do servizo de augas do Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG. "Hai 15 días entraban policías na sede do Goberno de Pontevedra, eses policías pediron documentación, fixeron rexistros e están a investigar patrimonio de membros do goberno" e el, gábase, actuou "co mesmo respecto e a mesma presunción" que no caso Baltar.

Feijóo asegura que actuará con "firmeza" cando se pronuncei a xustiza e o BNG ínstao a "diferenciar" entre "inocencia penal e responsabilidades políticas"

"Vostede retrátase ao considerar que ambos os feitos son equiparables", lamenta Jorquera. "Segue sen comprender a diferenza entre presunción de inocencia penal" e as "responsabilidades políticas" que, afirma, Baltar debería asumir nada máis facerse públicas as gravacións "que demostran o nepotismo na Deputación de Ourense", ademais do "acoso sexual". "Aplícalle ao señor Baltar a presunción e inocencia, pero non á denunciante", censura o deputado do BNG, xa que, lembra, "vostede acusouna de cometer un delito" ao afirmar que "instigou" o político ourensán "a cometer un delito" de enchufismo.

Desde o que era o seu escano na oposición por un fallo na megafonía, Feijóo culminou a intervención defendendo os "criterios éticos" que, di, caracterizan o PP. "A vostede preocúpalle a denuncia, non o que se denuncia", conclúe Jorquera, para quen Feijóo quedará como "responsable de amparar a un acosador" se non "esixe a dimisión do señor Baltar" e, como presidente do PPdeG, "inicia os trámites para expulsalo" do partido.

Feijóo, respondendo dende o seu antigo escano da oposición polo fallo na megafonía CC-BY-SA D.R.
Cartaces da Marcha Mundial das Mulleres contra o acoso sexual, nos escanos durante a sesión CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.