Detido o alcalde de Dozón, do PP, pola fraude dos cursos de formación

Adolfo Campos, alcalde de Dozón, nunha captura de imaxe de La Sexta © La Sexta

O alcalde de Dozón, Adolfo Campos (PP), foi detido na mañá deste venres xunto a un dos seus fillos e a dúas persoas máis -crese que os seus sobriños- como presuntos autores de delitos de estafa, falsificación de documento público e fraude de subvencións. As detencións enmárcanse dentro das investigacións que a policía xudicial da Garda Civil de Lalín está a realción dentro da operación Qatedra, en colaboración coa Axencia Tributaria pola suposta fraude relacionada con cursos de formación. 

O alcalde de Dozón foi detido como presunto autor dos delitos de estafa, falsificación de documento público e fraude de subvencións

Todos os detido quedaron xa en liberdade por decisión do xuíz instrutor, aínda que terán que presentarse no xulgado de instrución número 1 de Lalín cando sexan requiridos pola xustiza. A operación Qatedra investiga acargos públicos e empresarios, entre outras persoas, por estaren implicados nunha trama consistente na solicitude de subvencións para cursos de formación que nunca chegaron a realizarse tras ter recibido axudas, tanto da Xunta como da UE. 

Con estas detencións, son xa quince as persoas detidas, entre as que se atopa Antonio Manuel Landeira Gallardo, ex alcalde de Santa Comba, tamén polo PP, e o seu irmán Jorge José. O ex rexedor dimitira do cargo hai un ano tras dar positivo nun control de alcolemia. Antes tamén foran detidos catro administradores doutras empresas, unha de Lalín e outra de Rodeiro. 

No caso do alcalde de Dozón, a investigación céntrase en dúas das súas empresas. Unha delas é Nutramsa, dedicada á prodcuión de penso, cunha facturación de preto dos 50 millóns de euros anuais. A outra, unha estación de servizo (Campos) ubicada en Lalín, aínda que tamén se vincularí á trama Avícola Tratante, relacionada tamén co rexedor a través dun testaferro, así como Constructora Obras Públicas del Deza.

Adolfo Campos fora condenado por prevaricación en febreiro de 2008 a nove anos de inhabilitación por adoptar unha serie de resolucións contrarias aos dereitos da funcionaria municipal Ana Lois Navaza, que o denunciou por acoso laboral. Logo da apelación de Campos, a Audiencia Provincial declarou en xullo de 2008 a nulidade parcial da sentenza e o reenvío da causa ao Xulgado do Penal para que ditsea unha nova resolución. Ademais, o alcalde, de 81 anos, saltou tamén ás portadas cando hai ano e medio decidiu subir o seu soldo e pasar de 2.500 euros brutos ao mes a 3.273 euros.

Adolfo Campos, alcalde de Dozón, nunha captura de imaxe de La Sexta © La Sexta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.