0 Gardados para despois

A Xunta aprobará o seu 'cheque bebé' horas antes do inicio da campaña electoral

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Foi un dos anuncios máis pirotécnicos do derradeiro debate de política xeral da lexislatura e dos Orzamentos de 2016, cuxa tramitación está a rematar no Parlamento. E vaino ser tamén no inicio da campaña electoral das xerais. O 'cheque bebé' de 100 euros por nacemento que o Goberno galego vén bosquexando dende hai mes e medio pasará polo Consello da Xunta o vindeiro xoves. Polo tanto, apenas doce horas antes de que comece formalmente a carreira do 20-D Alberto Núñez Feijóo debullará ante a sociedade unha medida que, segundo o Executivo, beneficiaría a algo máis do 80% das nenas e nenos que nazan durante 2016, ano electoral galego.

O propio presidente da Xunta avanzou este domingo na Radio Galega que será "no próximo Consello" cando se "adiante o contido e alcance" desta denominada "tarxeta familiar", orientada a abordar parte do custo de produtos como, por exemplo, os de hixiene para bebés. Así as cousas, existen dúas posibilidades: que o Executivo aprobe xa a medida -que entraría en vigor, en todo caso, o 1 de xaneiro-, ou que a aborde a través dun informe, isto é, a través dun documento sen validez legal ningunha pero que lle permitiría ao presidente explicalo ante a prensa un chisco antes da pegada de carteis e mesmo facelo xunto co conselleiro de Política Social e xefe de campaña do PPdeG, José Manuel Rey.

O cheque será abordado no Consello da Xunta do vindeiro xoves e a campaña comeza ás cero horas do venres

Na mesma intervención radiofónica o presidente ofreceu algún detalle máis da poboación destinaria dun cheque no que a oposición en pleno ve "electoralismo". Poderán recibir eses 100 euros mensuais as familias que declaren ingresos de ata 45.000 euros ao ano ou, en rendas superiores, de ata 13.500 euros per cápita. Este sería o caso, por exemplo, dunha parella que teña o seu primeiro fillo ou filla e na que ambas persoas declaren uns ingresos medios de ata a contorna dos 1.850 euros mensuais.

A "tarxeta familiar" finánciase cos Orzamentos de 2016 pero tamén cos de 2017, os primeiros do goberno que saia das urnas o ano que vén

Segundo Feijóo, "o 85% dos nenos e nenas que nazan terán a tarxeta". Tendo en conta as cifras de nacementos dos anos precedentes e os cálculos adiantados pola, trataríase de algo máis de 15.000 axudas de cadanseus 1.200 euros. En total, serían uns 18 millóns de euros con cargo aos Orzamentos de 2016 -nos que se inclúe unha partida de 10 millóns para esta finalidade- e tamén dos de 2017, que serían os primeiros do Goberno que saia das eleccións do ano que vén.

Na liña do manifestado por Rey Varela, que nunha recente entrevista en La Voz de Galicia enmarcou este cheque nunha "aposta social seria" que "nada ten que ver co cheque bebé de Zapatero", Feijóo rexeita que esta sexa unha medida electoralista e enmárcaa na súa aposta por "afrontar o problema" demográfico. "Puxemos diñeiro enriba da mesa" con este e outros plans como as "desgravacións fiscais" por nacemento, di. "Xa sabemos que con iso non se vai ter máis fillos", admite. Pero do que se trata é de "dar unha mensaxe á sociedade: que Galicia é un bo lugar para ter fillos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.