0 Gardados para despois

As cinco cifras que levan a Pontevedra ao Cumio do Clima en París

Redacción | @prazapublica

O vindeiro día 4 o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinará en París a integración da cidade no Compact of Mayors, a Alianza de Cidades contra o Cambio Climático, no marco do Cumio Mundial do Clima que se está a celebrar na capital francesa. Será a única representante galega nunha rede na que tamén están outros concellos do Estado como Madrid, Barcelona, Zaragoza ou Bilbao, e urbes portuguesas como Lisboa, Braga ou Matosinhos, e que está impulsada polo goberno de París, así como polo exalcalde de Nova York Michael Bloomberg a través da súa fundación.

O convite a Pontevedra foi lanzado o pasado maio a Lores por parte da alcaldesa de París, Anne Hidalgo. Para integrarse na Alianza o gobern pontevedrés debe asumir o compromiso de "introducir periodicamente datos moi precisos sobre a calidade do aire", obxectivo para o que o consistorio galego ten xa un acordo coa Universidade de Vigo. Durante a súa presenza no cumio Fernández Lores exporá, entre outras, cinco cifras que, ao seu xuízo, avalan que Pontevedra esta xa "na vangarda das cidades comprometidas co planeta".

66%

Diminución da emisión de gases provocados polos combustibles dos automóbiles no casco urbano da cidade. Logrouse, indica o goberno local, "grazas ás políticas de diminución do coche privado" e á implantación dun "novo modelo de mobilidade".

72%

É a proporción que, segundo cálculos municipais, acadan os desprazamentos a pé e en bicicleta sobre o conxunto dos que se realizan en Pontevedra.

81%

Porcentaxe de alumnado dos colexios de Pontevedra que vai andando cada a día á escola. Este hábito impulsouse a través da iniciativa dos camiños escolares, agora estendidos por outros concellos do país.

0

Ningunha morte por atropelo na cidade dende a implantación do novo modelo de mobilidade, destaca o concello. No ano 1998 rexistráronse 69 atropelos en Pontevedra e no ano 2013, só 4.

33%

Medre da poboación urbana na cidade "nun contexto de regresión demográfica". Este logro, afirman, está vinculado a outros factores "difíciles de traducir" en números, como "unha alta biodiversidade, unha diminución constante da contaminación acústica" ou a "práctica totalidade da accesibilidade no espazo público.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.