NÓS amosa o traballo militante de 'ensobrado' en varios actos públicos

Ensobrado realizado por candidatos de NÓS-Candidatura Galega, este sábado en Compostela © Nós-Candidatura Galega

O pasado xoves, o Tribunal de Contas pediulle ao BNG que presentase facturas do traballo de ensobrado de papeletas nas pasadas eleccións municipais, unha actividade que, como sinalou o secretario de Organización da formación, Bieito Lobeira, foi realizado "pola militancia" coas súas "propias mans". Segundo explicou Lobeira, o Tribunal pediu entón que se xustificase que, efectivamente, fora a militancia e reclamou o censo de militantes para poder facer comprobacións. 

En resposta, "para demostrar o labor militante", o BNG levou a cabo este sábado actos en varias localidades, amosando de forma pública este traballo de ensobrado realizado polos seus afiliados e afiliadas, neste caso para NÓS-Candidatura Galega. “Onde o Tribunal de Cuentas ve un problema, NÓS-Candidatura Galega ve un motivo de orgullo, porque o diñeiro publico debe adicarse a mellores causa e por iso tamén propoñemos que as papeletas estean exclusivamente no colexio electoral para aforrar recursos de todos e todas e ganar en democracia”, sinalou Carlos Callón dende Compostela.

“Onde o Tribunal de Cuentas ve un problema, NÓS-Candidatura Galega ve un motivo de orgullo, porque o diñeiro publico debe adicarse a mellores causa", di Callón

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, confía que con estes actos públicos, “o TC poda entender como traballa NÓS-Candidatura Galega e como traballou o BNG nas municipais, aforrándolle ao Estado 400.000 euros por facer coa xenerosidade militancia e simpatizantes o que outras forzas contratan”. Vence considera que o comportamento do TC “forma parte dunha estratexia deliberada de persecución a unha alternativa molesta como é a alternativa nacionalista que representa NÓS-Candidatura Galega e demostra tamén que desde Madrid non entenden que haxa xenerosidade para construír unha alternativa desde abaixo, coas nosas propias, cando outros o fan co apoio dos poderes mediáticos e económicos”. Dentro desa estratexia Vence inclúe a citación da Audiencia Nacional ao portavoz nacional e ao secretario de organización do Bloque a declarar como testemuñas en plena campaña electoral.

Neste mesmo senso, dende Lugo Olalla Rodil (número 1 de NÓS nesta circunscrición) sinalou que “con este acto queremos recoñecer, agradecer e poñer en valor o traballo de todas as persoas que se implican nesta campaña por que saben da importancia de que Galiza conte cunha voz propia en Madrid”. "Nós facemos a campaña coas nosas mans”, dixo.

Ensobrado realizado por candidatos de NÓS-Candidatura Galega, este sábado en Compostela © Nós-Candidatura Galega
'Ensobrando' en Lugo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.