Tropezón do PP no instituto de Rajoy

Vista do auditorio durante a intervención de Ana Pastor CC-BY-SA Praza Pública

PONTEVEDRA

Contan os medios madrileños que o candidato Rajoy non logrou este domingo encher o mitin central da súa campaña, nunha praza de touros de Las Rozas con capacidade para 4.300 persoas na que quedaron cadeiras baleiras. A 600 quilómetros de alí, na súa cidade, Pontevedra, no instituto no que estudou, as súas amigas persoais, as pontevedresas e candidatas ao Congreso Ana Pastor, ministra de Fomento, e Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, acompañadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tropezaban tamén cun aforo moito máis modesto de 324 cadeiras dispoñibles. Non se ocuparon nin 300, e boa cantidade delas por parte de cargos públicos. Talvez por iso Feijóo apelou especialmente á mobilización e pediulles outra oportunidade aos que hai catro anos votaron polo PP.

O líder local do PP, Jacobo Moreira, foi o encargado de salientar na súa intervención inicial que o instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, aínda que daquela noutro edificio, fora no que estudara Rajoy. Ao tempo que revelaba ese dato, tentaba xustificar a pouca afluencia ao acto co partido do Real Madrid e a chuvia. Unha climatoloxía que non arredou á ducia de manifestantes que, ás portas do instituto, protestaban pola permanencia de Ence-Elnosa xunto á ría. Xunto a eles, na farola máis próxima á entrada, colgaba un cartel do comité de empresa de Elnosa culpando o alcalde do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, do alto nivel de desemprego da comarca de Pontevedra.

Os populares, que foron recibidos por unha protesta contra a permanencia de ENCE, congregaron en Pontevedra menos de 300 persoas, boa parte delas cargos públicos

Que xogaba na casa encargouse de dicilo nada máis comezar a súa intervención a propia Pastor. “Eu estou en Pontevedra, outros veñen de excursión”, dixo, para comezar a enumerar os investimentos e proxectos realizados polo seu departamento na súa cidade nos últimos catro anos, que a ministra visitou habitualmente en fins de semana. Pastor atribuíuse, entre outras obras, o AVE do Eixo Atlántico, o nó do Pino ou a polémica circunvalación de Pontevedra, a A-57, que acaba de comezarse “de Vilaboa hasta La Hermida”, dixo. Actuacións que se paralizarán, dixo, se agora goberna outro partido. E comezaron as críticas aos contrincantes. Do PSOE, que tivo algo menos de protagonismo que noutros mitins, salientouse a herdanza recibida. De En Marea, que Xosé Manuel Beiras sexa “a xove promesa de Podemos”. De Ciudadanos, que queren “subir o pan e o leite, despedir funcionarios e que o AVE non chegue a Galicia, que é o máis gordo”. E do BNG, que pretenden outorgar carnés de galeguidade mentres o PP defende “que somos galegos e españois e todos iguais en dereitos”.

Feijóo pide unha nova oportunidade aos que votaron ao PP hai catro anos e sentencia que as coalicións postelectorais "non son democracia"

A todos eles referiuse como un posible “cuatripartito” e lembrou que “en Pontevedra xa nos gobernan uns señores coaligados con outros”, evidenciando así implicitamente que na súa cidade e a do presidente do Goberno o PP foi apartado do poder hai xa máis de 16 anos. Fronte a esas outras opcións, a ministra de Fomento defendeu a experiencia de goberno e seguridade que supón votar ao PP. “Somos un partido de centro dereita e ímolo seguir sendo toda a vida”, dixo.

Malia os dardos lanzados por Pastor contra os outros partidos, Feijóo, o único que falou en galego, comezou a súa intervención asegurando que o PP non critica ao resto de formacións, senón que son estas as que se critican entre si. O presidente galego recolleu a liña argumental da ministra, volveu defender que goberne a lista máis votada e insistiu en cargar contra os pactos postelectorais. “Iso non é democracia, é intentar utilizar a democracia en beneficio exclusivo dos políticos profesionais”, dixo. De Rajoy, Feijóo asegurou que é “un presidente honesto, humilde”, mentres que “hai unha enorme soberbia, un enorme ego no resto dos candidatos”.

Na mesma liña, Pilar Rojo gabou o seu amigo como “unha persoa cercana, auténtica e previsible”. No día en que Gustavo de Arístegui dimitiu como embaixador tras revelarse que cobrou comisións a empresas, Rojo asegurou que o seu partido “rexeita e rexeitará a todos aqueles que queiran ensucialo cos seus comportamentos”. Antes Pastor tamén dixera algo similar: “Somos xente honrada, traballadora e de traxectoria coñecida; se hai un garavanzo negro, que se vaia fora”.

O mitin, durante a intervención de Feijóo CC-BY-SA Praza Pública
Protesta contra ENCE, no exterior do recinto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.