Owen Jones, a En Marea: "Se gañades será un exemplo para as clases populares de toda Europa"

Owen Jones, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

“Eu veño aquí para aprender de vós, máis que vós de min. Teño que confesar que sinto un pouco de envexa do que está pasando aquí. Organizástesvos para facer unha política da esperanza, para darlle esperanza á xente. Estades a dar unha lección a toda Europa, demostrando que outro xeito de facer política é posible". Owen Jones deixou pequeno o Paraninfo do Reitorado da UDC nun encontro organizado por En Marea no que participaron tamén Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz, e Ángela Rodríguez.

“Eu veño aquí para aprender de vós, máis que vós de min. Organizástesvos para facer unha política da esperanza, para darlle esperanza á xente"

Jones, un dos autores de referencia da esquerda en toda Europa, analizou a situación política en España e no Reino Unido, a loita dos movementos sociais contra as elites políticas e económicas no poder, e a articulación das forzas que pelexan por un cambio de sistema. Foron máis de dúas horas de conversa, ante un auditorio cunha media de idade moi reducida -maioritariamente entre os vinte e os trinta e poucos anos e ás veces mesmo máis novos- que encheron os corredores e mesmo o chan do recinto.

"O que está sucedendo en Europa é que a socialdemocracia, na súa forma tradicional, implosionou, debido a que os partidos socialdemócratas aceptaron as lóxicas do libre mercado e da austeridade. Esta socialdemocracia ten moi pouco que dicir xa", sinalou. "Este baleiro está sendo ocupado nalgúns países por movementos progresistas, como Podemos, pero noutros por partidos xenófobos como UKIP ou a Fronte Nacional, que recollen o voto dos desfavorecidos", alertou. Owen tamén subliñou o que denominou política da envexa, fomentada polas elites para desviar cara aos desempregados ou o inmigrantes, pero tamén cara aos funcionarios, o descontento que debería dirixirse cara aos poderes.

Criticou así mesmo a existencia de portas xiratorias na política, un fenómeno que cualificou dunha "ameaza para a democracia en España, en Gran Bretaña e en todo Occidente" que ten unha "enorme influencia" no mantemento do poder das elites. "Un político é unha persoa que está aí para servir ás persoas que o elixiron, pero as portas xiratorias atentan contra esta función e demostran que estes políticos teñen uns intereses comúns coas empresas e co sector privado e non coas persoas ás que deben representar e servir", sinalou.

"O que está pasando en España é unha revolta en contra dunha elite política que perdeu toda a súa lexitimidade. Podemos aprender de vós a unir os movementos que traballan dende a base e tamén a realizar unha acertada comunicación, para que as propostas enganchen coas demandas da cidadanía, coa xente do común", dixo. "Se o domingo gañades será un exemplo para as clases populares de toda Europa, o éxito pode estenderse a outros países", destacou, antes que engadir en ton de broma: "pero non vos sintades presionados".

Falou tamén da Unión Europea e do tratamento ao que as autoridades comunitarias someteron ao goberno grego de Syriza: "O que pasou en Grecia foi un intento da UE de dar unha lección, pero non tanto aos gregos, senón ao resto dos países, especialmente a España. Se as cousas ían ben en Grecia iso podía ser un impulso para Podemos". "O que aprendín do exemplo grego foi a extraordinaria necesidade de que haxa solidariedade entre os pobos para poder transformar a UE. Os grandes poderes económicos xúntanse e cooperan para traballar colectivamente, organízanse de xeito transfronteirizo para acabar con nós", continuou. "Necesitamos unha Europa xestionada polas clases traballadoras. Quen sabe? Pode que se cambian os gobernos en España, no Reino Unido e noutros países poidamos conseguilo", dixo. "O que aprendemos en Grecia foi que non podemos cambiar as cousas nun só país", engadiu. 

"O que está pasando en España é unha revolta en contra dunha elite política que perdeu toda a súa lexitimidade"

Enxalzou as loitas políticas das últimas décadas en América Latina, "que nos ensinaron como chegar ao poder cun movemento nacido dende abaixo e como transformar un país con outro tipo de políticas". E animou igualmente a esquerda a reformular a súa forma de conectar coa cidadanía: "A xente preocupase pola súa casa e o seu traballo e ten moitas preguntas que debemos responder, e non podemos facelo con retóricas que só entendemos nós", dixo. "No Reino Unido, por exemplo, a esquerda vende datos, e a dereita usa relatos, historias persoais. Ao final, os votantes non son robots e enfatizan mellor coas historias persoais", explicou. Tamén sinalou como exemplo que "a esquerda leva anos falando sobre a austeridade. E no último debate electoral o máis buscado en google foi que é austeridade?. Pola contra os conservadores venden a construción de vivenda, ao que chaman o dereito a comprar. Se te opós, respóndenche que por que te opós aos dereitos das persoas". "Son moito máis hábiles transmitindo a súa ideoloxía, que conseguen que se entenda como de sentido común", resumiu.

"O que aprendemos en Grecia foi que non podemos cambiar as cousas nun só país"

Destacou a relevancia do feminismo nos actuais movementos de cambio e referiuse tamén á necesidade que ten a esquerda de unir as loitas do pasado con novas formas de comunicar e cos novos movementos sociais e as loitas das minorías. Defendeu a importancia de contar con sindicatos ("é importante estar organizados, ser un colectivo para loitar mellor, en vez de ser derrotados de un en un"), pero animou a cambialos dende abaixo e a democratizalos, tendo en conta tamén que "o mundo cambiou, o proletariado industrial de onte traballa hoxe en supermercados e call centers". Na despedida do acto, Jones e os candidatos de En Marea fixeron un chamamento a "abrir a política á xente do común, unha cidadanía activa que sexa a impulsora e a garantía de que haxa políticas transformadoras".

Imaxe do Paraninfo do Reitorado da UDC CC-BY-SA Praza Pública
Intervención de Owen Jones © En Marea
O Paraninfo quedou pequeno para escoitar o autor británico © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.