Pilar Rojo despídese de Galicia cargando contra a separación entre relixión e política

Un intre da cerimonia na Catedral de Santiago © Arcebispado de Santiago

En poucos días Pilar Rojo deixará de ser a segunda autoridade de Galicia para incorporarse ao Congreso como deputada electa polo PP de Pontevedra. Así, o seu papel como delegada do rei Filipe VI na cerimonia da translatio na Catedral de Santiago, que conmemora dende o século XII o relato lendario da suposta chegada dos restos do Apóstolo, foi un dos seus últimos actos -previsiblemente, o derradeiro- como presidenta do Parlamento de Galicia. Aínda coa condición de xefa do lexislativo galego Rojo aproveitou o púlpito catedralicio para realizar unha acendida defensa da ligazón entre política e relixión e cargar implicitamente contra as autoridades que, como o alcalde da capital galega, Martiño Noriega, veñen apostando por diferenciar os eventos eclesiásticos e o traballo institucional.

Tras ser recibida na Praza do Obradoiro polo propio Noriega, Rojo encabezou a comitiva relixiosa e militar e, xa dentro do templo e fronte ao arcebispo, Julián Barrio, considerou todo un "privilexio tomar a palabra diante deste altar". Esta, segundo a popular, é unha forma máis de "apoiar o labor cultural e social que se fai dende a Catedral para todo o planeta" e inclúese, ao seu xuízo, na "obriga" constitucional de "ter en conta as crenzas relixiosas da sociedade española" e mesmo de "honrar" tradicións como a que este mércores se conmemoraba.

Para quen é unha das dirixentes do PP galego máis próximas a Mariano Rajoy os dirixentes públicos deben atender o "espírito constitucional ancorado no principio de non confesionalidade" que, di, é "diferente do laicismo". Os valores laicos, isto é, a separación entre Igrexa e Estado, non están "contemplados" na Constitución que, non obstante, si estipula ás claras que ningunha confesión terá carácter estatal.

Rojo proclama que os valores laicos non están "contemplados" na Constitución e cre unha "obriga" dos cargos públicos participar nestes actos

Unha vez lanzado o reproche e a advertencia a "non esquecer nunca" a "débeda" dos "poderes públicos" co "fenómeno xacobeo" Rojo debullou, xa en lingua castelá, a parte do discurso máis usual en actos coma este. Así, unha vez máis a Casa Real pediu intercesión divina a través dunha representante pública para a resolución de problemas sociais e políticos. Nesta ocasión Pilar Rojo "implorou" por axuda perante "momentos de axitación" nos que a "escuridade do radicalismo pugna contra a luz da liberdade" e a "cultura da violencia e a exclusión adquiren proporcións preocupantes".

A presidenta do Parlamento pide, no nome do rei, intercesión divina en problemas como o terrorismo ou a asistencia a persoas refuxiadas

A "persecución que sofren os cristiáns polo feito de seren cristiáns", a liberdade relixiosa ou a "inadmisible discriminación da muller" son tamén asuntos para os que a parlamentaria pediu a axuda de Santiago o Maior, a cuxa intercesión apela tamén para "articular os procedementos e axuda necesarios" para as persoas refuxiadas ou para que as "liberdades non se vexan minguadas pola intransixencia e o radicalismo". O "exemplo" da "sabedoría, templanza e determinación" do Apóstolo "servirannos", segundo Rojo, para "superar estes momentos de singular dificultades e tribulación" e "abrir os corazóns á misericordia".

Como ven acontecendo dende as mudanzas nos gobernos municipais o pasado maio tamén nesta ocasión a intervención do arcebispo foi notablemente menos belixerante que a da representante popular. Así, na súa homilía Julián Barrio centrouse en cuestións relixiosas para culminar desexando que a "pluralidade" social e política se combine coa "unidade" para que impere a "solidariedade, a xustiza e a paz". O alcalde de Santiago, pola súa banda, lembrou que unha vez máis o goberno local cumpriu o seu "compromiso" de diferenciar actos institucionais e relixiosos e, en clave de "retranca", suxeriu a posibilidade de que a reprimenda de Pilar Rojo se dirixise a Alberto Núñez Feijóo, que tampouco acudiu á misa.

Rojo, recibida polo arcebispo © Arcebispado de Santiago
Rojo, durante o seu discurso © Arcebispado de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.