A Xunta publicita o seu orzamento de cooperación ao desenvolvemento tras manter o recorte do 65%

Acto da Coordinadora Galega de ONGD CC-BY-NC-SA Coordinadora Galega ONGD

Nas fins de semana e pontes festivas o Goberno galego adoita difundir entre a prensa diversas notas e comunicados a respecto dos temas que considera máis relevantes, publicitando a súa acción política en diversos eidos. A pasada fin de semana, en plena resaca do aninovo, a Xunta fixo o propio co seu orzamento de cooperación para o desenvolvemento, o mesmo que viña de ser rexeitado polas organizacións do sector por, fundamentalmente, manter o recorte do 65% dos fondos que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo executou entre 2009 e 2013.

Cando o PP retornou á Xunta atopou 11,6 millóns de euros para o financiamento destes proxectos. No seu primeiro orzamento case tres millóns, no seguinte, dous máis. Nas contas de 2012 a tesoirada foi superior ao millón de euros e nas de 2013, superior aos dous millóns. Foi neses orzamentos onde os programas de cooperación tocaron solo, nos catro millóns, e aí seguen, con pouco máis de tres de cada dez euros cos que estaba dotado hai media década e sen que o leve incremento orzamentario xeral de 2016 mude apenas a situación.

O orzamento pasou de máis 11 millóns en 2009 a apenas 4 dende 2013

Neste contexto, nos últimos días do ano as cinco persoas que representan as organizacións non gobernamentais no Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento votaban en contra do novo plan da Xunta para o sector por, precisamente, manter as retalladas. O proxecto, aprobado grazas aos votos da administración, das universidades e das empresas, é para as ONGD "insuficiente" porque, ilustran, están "nas antípodas do 0,7%" do total do orzamento "comprometidos por todos os grupos parlamentarios no Pacto Galego contra a Pobreza", un acordo que tiña o ano 2017 como horizonte para a o seu cumprimento.

As ONGD lembran que esta asignación está "nas antípodas do 0,7%" comprometido no Pacto Galego contra a Pobreza

Fronte á preocupación do sector, que alerta que "nun contexto de crise migratoria sen precedentes no que millóns de persoas foxen da guerra e a fame", as decisións da Xunta implican, por exemplo, a eliminación da "convoctoria de acción humanitaria", o Goberno galego gábase da "continuidade" de "36 proxectos da Cooperación Galega". Co orzamento previsto, indica o Executivo "darase continuidade tamén ás oito bolsas de formación de expertos en cooperación para o desenvolvemento" que foron convocadas o pasado ano.

Segundo a Xunta, os fondos previstos van "afianzar a presenza da Cooperación Galega no ámbito estatal", van potenciar as "actividades de formación e sensibilización" coa Coordinadora Galega de ONGD, "como se vén asinando de forma ininterrompida dende 1997, cunha contía igual á do ano 2015, que ascende a 90.000 euros". Asemade, salienta, durante o exercicio que vén de comezar "publicaranse tres convocatorias de subvencións para proxectos, que se veñen publicando regularmente dende 1996 e que son sinal de identidade da Cooperación Galega, principalmente destinadas ás ONGD". "Os escasos fondos aprobados para 2016 só permitirán publicar dúas das cinco convocatorias destinadas ás ONGD", retrucan as organizacións.

Xuntanza do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento CC-BY-NC-SA Coordinadora Galega ONGD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.