A Lei de Acuicultura comeza a xerar malestar interno no PP

Unha xuntanza da Agrupación de Parquistas de Carril © Agrupación de Parquistas de Carril

Dende que o pasado 1 de outubro o Consello da Xunta aprobou o anteproxecto da Lei de Acuicultura foron moitas as voces que se elevaron contra esta proposta, unhas críticas que veñen sendo maioritarias no sector e nas zonas máis directamente afectadas, ademais das análises igualmente negativas que chegan dende grupos ecoloxistas e outras entidades sociais. As críticas tamén proceden dende o seo do propio Partido Popular, sobre todo a nivel local. Xa son varios os concellos nos que os representantes do partido que goberna a Xunta atoparon moitas dificultades para defender un proxecto cada vez máis rexeitado por moitos dos seus veciños e veciñas.

O pasado 24 de decembro o tenente alcalde de Vilanova de Arousa, Javier Tourís, posicionouse publicamente en contra da norma, anunciando a presentación dunha moción neste senso no pleno municipal e sinalando que "o pobo está por riba do partido". Tourís lembrou ademais a "inoportunidade" de propoñer esta lei en ano electoral e criticou que o partido non consultara esta cuestión cos alcaldes e as agrupacións locais. Antes xa o fixera o rexedor da vila, Gonzalo Durán, que chegou a manter un enfrontamento por este tema co ex conselleiro e actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, na Executiva Provincial da formación. "Hai que contar coas bases. Hai que contar coas estruturas locais, non con burócratas que están cobrando un soldo no porto de Vigo", dixo Tourís sobre López Veiga.

O sector manifestouse de forma moi rotunda en contra do proxecto presentado polo Goberno galego

O sector manifestouse de forma moi rotunda en contra do proxecto presentado polo Goberno galego. Tanto a Federación Galega de Confrarías, coma as agrupacións bateeiras ou o Consello Regulador do Mexillón de Galicia presentaron numerosas alegacións. O 90% dos patróns maiores amosaron a súa oposición ao anteproxecto, sinalando que "o único que se pretende é privatizar a lámina de auga sen ter en conta ao sector”. De igual xeito, produtores de mexillón de Arousa denunciaron que a "neoliberal" lei de acuicultura da Xunta poría os sectores tradicionais "aos pés dos cabalos" para favorecer a multinacionais. Alertan, igualmente, de que os plans sectoriais de ordenación "van ser o instrumento administrativo-legal que vai permitir modificar o uso actual do espazo e implantar os establecementos de acuicultura industrial", coa que -denuncian- os actuais produtores non poderán competir.

Produtores de mexillón de Arousa denunciaron que a "neoliberal" lei de acuicultura da Xunta poría os sectores tradicionais "aos pés dos cabalos" para favorecer a multinacionais

Un dos acordos que se adoptaron nas varias asembleas organizadas ata agora polo sectores foi o de presentar mocións de de rexeitamento ao proxecto nos concellos máis directamente afectados. Así se fixo por exemplo en Rianxo, onde a moción presentada polo BNG foi apoiada por PSOE e Rianxo en Común, mentres que o Partido Popular optou por absterse, negándose polo tanto a apoiar o proxecto presentado polo Goberno galego. En Boiro foi Boiro Novo quen presentou a moción, que se debaterá nas vindeiras semanas, o mesmo que noutras localidades

Rosa Quintana, nun encontro informativo sobre a Lei de Acuicultura © Xunta
Unha xuntanza da Agrupación de Parquistas de Carril © Agrupación de Parquistas de Carril

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.