O Parlamento ultima a marcha de Pilar Rojo a escasos meses da disolución

Actuais membros da Mesa do Parlamento, no derradeiro debate de política xeral da lexislatura © Parlamento de Galicia

O mes de xaneiro era considerado "inhábil" no Regulamento do Parlamento ata que este foi reformado o pasado ano, momento no que a segunda quincena do primeiro mes do ano foi incluído no período ordinario da Cámara galega, isto é, no que xa se poden celebrar sesións ordinarias de todos os seus órganos, dende a Mesa ás comisións e ao pleno. Malia non atender as peticións dos grupos como AGE e BNG, que reclamaban reducir máis os períodos inhábiles -as alcumadas como 'vacacións' parlamentarias-, esta modificación facilitará a primeira tarefa que ten que acometer o lexislativo neste 2016: substituír á súa máxima responsable, Pilar Rojo.

O vindeiro mércores, 13 de xaneiro, o Congreso dos Deputados, celebrará a sesión constitutiva da undécima lexislatura. Nese pleno Rojo sentará xa como deputada do PP por Pontevedra. Un día antes, o derradeiro para acreditarse como deputada no Congreso, renunciará na sesión da Mesa do Parlamento, xa convocada, á súa condición de parlamentaria e de presidenta en Galicia. Dado o estipulado nos artigos 6 e 7 da lei de eleccións ao Parlamento de Galicia, se non formalizase esa renuncia esta converteríase en automática por incompatibilidade sobrevida, toda vez que é legalmente inviable acumular a condición de deputada no Congreso e na Cámara galega.

O vindeiro día 12 Rojo formalizará a súa renuncia

Coa renuncia de Rojo activarase o procedemento para elixir á persoa que a substituirá na presidencia, isto é, como segunda autoridade de Galicia por tras do presidente da Xunta. Cabe agardar que no intervalo temporal que existirá entre o día 12 e o 26, cando o pleno elixirá a nova Presidencia, asuma as funcións o actual vicepresidente, Miguel Santalices, cuxo nome vén figurando, como informou este diario, na maior parte das cábalas para a substitución da presidenta saínte.

A opción Santalices

A opción do baltarista Santalices é unha das máis viables non só pola súa condición de actual vicepresidente. O ourensán é o deputado máis veterano da Cámara, e, con cinco lexislaturas ás costas, coñece polo miúdo o seu funcionamento, persoal e resortes. Asemade, nos seus case catro anos como vicepresidente -substituíu a José Manuel Baltar en 2012, cando o barón popular remudou o seu pai na presidencia da Deputación- dirixiu numerosos debates plenarios en ausencia de Pilar Rojo e considérase que outros perfís que están sobre a mesa, como o da vicevoceira popular, Marta Rodríguez Arias, terían máis dificultades para impoñer o seu criterio en plena tensión preelectoral. No entanto, a opción de Rodríguez Arias permitiríalles aos populares presentar a remuda en clave de "renovación" e evitar que o posto volva ter nome de home tras dez anos cunha muller na presidencia -antes de Rojo, a Cámara dirixiuna a socialista Dolores Villarino-.

O nomeamento do baltarista Santalices é un dos máis viables por levar catro anos como vicepresidente e ser o deputado máis veterano da Cámara

Así as cousas, Alberto Núñez Feijóo ten na súa man ditaminar quen conducirá o Parlamento ata a fin do mandato, decisión que, regulamentariamente, ten que concretarse nunha votación secreta e por escrito de todos os deputados e deputadas. Ante a posibilidade de que o nomeado sexa Santalices, cuxa designación obrigaría tamén a votar de novo o resto de postos da Mesa, actualmente ocupados polas socialistas Marisol Soneira e Concepción Burgo, na oposición xa xurdiron hai semanas as primeiras voces que advirten de que non aplaudirán a decisión. Foi, nomeadamente, o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen advertiu de que "ante as prácticas de nepotismo de Baltar" e tras a denuncia dunha muller que acusa o líder ourensán de ofrecerlle un emprego a cambio de sexo, a "resposta" de Feijóo non debe ser "premiar o baltarismo elevando un coñecido baltarista á Presidencia do Parlamento".

Paula Prado e Yolanda Díaz tamén deixan de ser deputadas no Parlamento para incorporarse ás Cortes

A de Pilar Rojo non é a única marcha ás Cortes. O novo período de sesións en Galicia comezará tamén sen dúas deputadas máis: a popular Paula Prado marcha ao Senado e Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, é dende este venres deputada de En Marea. No caso de Díaz a súa substitución pode dar lugar a un novo episodio de tensión no seo de AGE, toda vez que, seguindo a orde da lista, correspondería a entrada da candidata número 5 pola Coruña, Mónica Fernández, quen en 2012 pertencía a Anova pero que agora é membro de Cerna. Alternativa terá que dispoñer, asemade, a quen corresponderá de agora en diante formularlle as preguntas ao presidente da Xunta na sesión de control, labor que veu exercendo Díaz.

Santalices (dereita), con Pilar Rojo nunha xuntanza da Mesa do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.