As mareas municipais toman a iniciativa para a confluencia nas eleccións galegas

Participantes no encontro da Estrada CC-BY-SA Marea Noia

"Traballar con tempo para facer as cousas mellor". Unha corentena de 'mareas' municipais reuníronse este sábado na Estrada para exploraren o papel que poden xogar cara á constitución dunha forza de confluencia cara ás eleccións galegas que lle "dea continuidade" ao que supuxo En Marea nos recentes comicios xerais, pero con máis "participación" e "amplitude" e, asemade, "adiantándose" para que un eventual anticipo electoral non impida "facer as cousas ben" no que atinxe á realización de programas electorais e elección de candidaturas.

Santiago Lamelo, da Marea Atlántica, resume deste xeito as liñas xerais do abordado nunha xuntanza na que participaron arredor de 150 persoas á procura dun primeiro "calendario de traballo" unha vez constatado o "desexo común" de "facer máis ampla a confluencia". Os resultados das municipais e das xerais, afirma, permiten afirmar que unha candidatura o suficientemente ampla pode "rebordar" o xa acadado ata "tomar a Xunta" cando Alberto Núñez Feijóo decida convocar os comicios.

As plataformas municipais apostan por "facer máis ampla a confluencia"

A incerta data electoral é un dos motivos polos que as plataformas municipalistas instan a non demorar o traballo. "Non sabemos as datas, poden ser no outono" pero tamén "en maio", resalta. Por iso cómpre baixar "canto antes" ao "concreto", tanto no que atinxe á "metodoloxía" e vías de participación como á conformación dunha proposta programática. Ese, indica lamelo, é "o sentimento xeral" das persoas que participaron, entre as que se atopaban os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol, "compañeiros que simbolizan que o traballo ben feito ten recompensa", indica Lamelo.

Noriega ve necesario "equilibrar" forzas entre partidos e a "esquerda social" para "disputarlle a hexemonía ao PP"

A aposta por ampliar a base da confluencia é compartida polos propios rexedores que, en verbas de Martiño Noriega, apostan por poñer a "carga simbólica" dos gobernos municipais "en beneficio do colectivo". O proceso iniciado este sábado, di Noriega en declaracións a Praza Pública, pode cubrir a "materia pendente" de "equilibrar" os papeis dos partidos políticos, das plataformas municipais e da "esquerda social" nas candidaturas. "O proceso é dinámico" e, tras esta primeira toma de contacto, ao seu xuízo fica constatado que é posible que todas estas forzas "convivan nunha candidatura que lle poida disputar a hexemonía ao PP" en Galicia.

Ferreiro chama a "poñer por diante o común denominador programático"

Neste sentido, o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, ve tamén postas as bases para "ampliar as mareas municipalistas e En Marea". O modelo da Marea Atlántica, di, "pódese aproveitar nunha escala como a galega" se se "pon por diante o mesmo común denominador programático e o desexo común de levar políticas transformadoras á Xunta". Para poder facelo non caben "présas", advirte, xa que neste caso "hai elementos diferentes dos das municipais".

Jorge Suárez: "Anticipémonos aos erros cun sistema no que todo o mundo se sinta representado"

Nunha liña semellante o rexedor de Ferrol, Jorge Suárez, coida que o modelo das mareas está "avalado" polos resultados electorais pero, ao seu xuízo, cómpre admitir que "a evolución dos procesos é moi mellorable" a nivel de participación e representación. Por iso, di, é positivo que "nos anticipemos aos posibles erros cun sistema no que todo o mundo se sinta representado". Cómpre, di, que a elaboración de programas e candidaturas sexa "participada" e "o máis transparente posible", sen "présas de última hora" nin "pactos in extremis". Con esa dinámica, matiza, "o proceso será máis natural" e responderase ás expectativas da "base social que agarda que nos organicemos".

A realización de eleccións primarias ou a apertura e posible achegamento ao BNG dende o "respecto" ao seu proceso asemblear son algúns dos elementos dun debate no que, din varias das persoas participantes, tamén poderán achegar os partidos políticos. Trátase, resume Jorge Suárez, dunha aposta por que "todos participemos en pé de igualdade, veñamos de onde veñamos".

Ferreiro, Noriega e Suárez, no encontro da Estrada CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.