2015: o ano que nos volvemos ingobernables

Vista xeral do Congreso na sesión constitutiva da XI Lexislatura CC-BY-SA Marta Jara / eldiario.es

Ser ingobernable, en canto cumpres a maioría de idade, convértese nunha virtude. Na adolescencia aínda non, porque os teus pais córtanche a liña de crédito e a ver como te financias. Pero un adulto ingobernable é alguén a respectar, xa non digo a idolatrar como ser mitolóxico, inexistente. Todos nos volvemos, tarde ou cedo, gobernables, mansos. Para os estados, ben sexan democracias ou ditaduras, a gobernabilidade é un fin en si mesmo. Os sistemas electorais deséñanse cuns obxectivos concretos. Nalgúns casos para reflectir as diferentes fracturas sociais, culturais ou étnicas, buscando unha representación fiel dos distintos grupos que forman esa sociedade. Noutros, como o noso, para rebaixar unha fragmentación que se adiviñaba problemática e facilitar maiorías parlamentarias amplas, é dicir, gobernabilidade.

Iso era en 1977, e cunha cultura política non xa adolescente, senón lactante. O profesor Pereira Menaut di que os que deseñaron ese sistema estaban co reloxo fóra de hora ata en 1977: “non estabamos nos anos 20 e 30. Non había que loitar tanto pola gobernabilidade e a estabilidade nun contexto europeo”. Jaime Miquel refírese a 1977 como “incultura democrática”, “limitabámonos a votar o que nos poñían diante e nada máis. Eramos unha sociedade afeita a ser dirixida”. Da España que salta polo aire a partir do 15M dixo algo parecido diante de Xosé Luís Barreiro, Tuco Cerviño e Blanco Valdés en Vía V fai un par de meses. Houbo unha perturbación na Forza que se notou ata en Tatooine.

En 2015, para calquera cuestión política, económica ou social, temos que mirar á nosa contorna e ver como estamos en relación aos nosos veciños. Calquera atributo que se nos ocorra sobre a nosa sociedade, ben sexa positivo, negativo ou dubidoso, non ten demasiado valor se non o comparamos con alguén, preferiblemente próximo e da nosa mesma latitude.

As municipais pasaron a ser un termómetro fiable dos movementos electorais que se xeran a todos os niveis

Neste ano sobrevivimos a dúas eleccións que sementaban incerteza e caos, por parte dun elector, e esperanza e emoción incontida, por outro. As eleccións municipais, nas sociedades posindustriais, reflicten un comportamento político complexo; un equilibrio entre a proximidade da xestión local e as inclemencias da política nacional. Desde 1991 institucionalizouse unha data concreta para as eleccións municipais: o cuarto domingo de maio do ano que corresponda. Mentres, os comicios xerais non teñen día específico e están a expensas do que decida o goberno de quenda, como ocorre, por exemplo, coas próximas eleccións galegas. Estes adiantos fixeron que os ciclos electorais varíen. Agora mesmo, e desde o adianto que fixo Zapatero en 2011, coinciden o mesmo ano municipais e xerais, polo que as primeiras pasaron a ser un termómetro fiable dos movementos electorais que se xeran a todos os niveis.

É o multipartidismo, estúpido

Pero a primeira cuestión que debemos observar é se nos volvemos ingobernables con esta fragmentación parlamentaria ou non.

Neste gráfico están os parlamentos da Europa dos 15 máis Suíza, aos que engadín Galicia como exercicio de comparación. Existen varias fórmulas para calcular a fragmentación dun parlamento. Quizá a que mellor expón a súa complexidade é a que calcula o Número Efectivo de Partidos (NEP), porque o resultado correspóndese coa cantidade de partidos que realmente poden influír na toma de decisións. Os dous extremos son Gran Bretaña, con sistema de maioría relativa, e Bélxica, cunha dobre reprodución da competición tradicional de esquerda e dereita pola súa división identitaria.


Por baixo da media están Francia (tamén cun sistema de maioría), Grecia (cun bonus ao partido máis votado) Portugal, Irlanda (que celebra eleccións este ano e vaticínase máis fragmentación como país debedor), Italia (tamén con sistema de bonus), Alemaña (onde o habitual é unha coalición de partido grande con partido pequeno, non a famosa Gran Coalición, que máis ben é unha excepción) e España.

Por riba da media, os sospeitosos habituais da fragmentación parlamentaria. Países como Dinamarca, Austria ou Finlandia teñen unha fragmentación parecida á do parlamento español. Ademais, en toda Europa, partidos euroescépticos, de dereita populista, socialistas e de ultradereita teñen representación parlamentaria, polo que a fragmentación a dereitas e esquerdas é máis diversa e cunha dificultade máis grande para chegar a acordos estables. Ningún partido do parlamento español levaba no seu programa electoral a saída do euro, e todos manifestaban unha defensa do Estado de benestar, incluído C’s, membro de ALDE, a familia liberal europea. Outra cousa é como se mantén ese Estado de benestar e con que recursos, pero niso consiste a competición política.

O país que máis eleccións lexislativas celebrou desde 1945 é Dinamarca, exemplo de case todo como sociedade mítica na que a prosperidade, a democracia e o bo goberno encandea os nosos políticos e tertulianos.

O país que máis eleccións lexislativas celebrou desde 1945 é Dinamarca, exemplo de case todo como sociedade mítica na que a prosperidade, a democracia e o bo goberno encandea os nosos políticos e tertulianos.

Vistos estes gráficos, o parlamento español condensa a representación da Europa continental. Por unha banda, co elemento sureño (ou de Estado debedor) da entrada dun partido que por aí adiante identifican como “anti-austeridade” (Syriza en Grecia, M5S en Italia), pero, doutra banda, cun nivel de fragmentación similar ao da Europa do norte (os acredores). Se miramos a concentración (suma dos dous partidos maioritarios), o parlamento español aínda está por enriba do 50%, próximo a Austria, e superior a Suíza, Dinamarca ou Finlandia.

As dúas Galicias

O parlamento galego, comparado cos estados europeos e os parlamentos autonómicos, é o menos competitivo de todos, a gran distancia de Irlanda, o parlamento estatal coa competitividade máis baixa. Pero en 2016, Galicia e Irlanda tamén se volverán ingobernables.

Para analizar os ciclos electorais galegos habería que ter en conta dúas divisións do país.

1. Entre a Galicia urbana e a rural, a das cidades e vilas medias (de máis de 20.000 habitantes) fronte aos concellos máis pequenos.

2. Entre a Galicia atlántica e a oriental; a das provincias da Coruña e Pontevedra fronte ás de Lugo e Ourense.

Hai un certo efecto de contaxio das cidades aos concellos máis pequenos, e da Galicia atlántica á oriental

Estas divisións reflicten un comportamento electoral tradicionalmente diferente. A Galicia urbana é máis receptiva á aparición de partidos novos, mentres que a rural concentra os seus apoios nas dúas forzas tradicionais e, especialmente, no partido que está no poder nese momento. A Galicia oriental foi sempre dominio do Partido Popular. As provincias de Lugo e Ourense foron, hai anos, as de maior apoio ao PP en todo o Estado, e aínda en 2011, obtiñan o 56% dos votos en eleccións xerais. Pero non son imaxes estáticas. Os ciclos electorais permiten ver os cambios nos índices de variación nas distintas subdivisións. E isto demostrou que hai un certo efecto de contaxio das cidades aos concellos máis pequenos, e da Galicia atlántica á oriental.

Case a metade do censo (49,55%) vive en concellos de menos de 20.000 habitantes. A outra metade repártese entre un 35,15% nas sete cidades e un 15,25% en quince vilas medias (Narón, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Carballo, Redondela, Arteixo, Culleredo, Ames, Ribeira, Cangas, Marín, Cambre, Ponteareas, A Estrada e Lalín).

A outra división está moito máis desequilibrada. A Galicia atlántica supón un 75,32% do censo. Só un de cada catro galegos vota na metade oriental. É un desequilibrio compensado polo sistema electoral. No Parlamento Galego, a Galicia atlántica supón o 61,33% dos escanos fronte ao 38,66% da Galicia oriental. Respecto dos deputados que se envían ao parlamento español, as provincias da Coruña e Pontevedra representan o 65,21% dos parlamentarios galegos, as de Lugo e Ourense, o 34,78%.

Pero como se comportou o ingobernable pobo galego á hora de votar este 20-D?

O apoio ao PP, PSOE e NÓS, foi superior nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Mentres, En Marea e C’s obtiveron as súas mellores porcentaxes nas cidades

Na división urbana/rural, como era de esperar, o apoio ao Partido Popular, PSOE e NÓS, foi superior nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Mentres, En Marea e C’s obtiveron as súas mellores porcentaxes nas cidades. O PP ten máis de 10 puntos de diferenza entre a Galicia rural (42,48%) e a urbana (31,72%). A En Marea, ocórrelle o contrario. A súa concentración maior está nas cidades (29,89%), e a menor nos concellos pequenos (20,28%). O PSOE non varía demasiado a súa porcentaxe de voto (22,16% nos concellos de menos de 20.000 habitantes, e un 20,77% nas cidades), pero mantense como segunda forza nos concellos pequenos. Cidadáns oscila entre o 10,6% das cidades e o 7,49% das vilas pequenas. NÓS aguanta un 4,83% nos concellos pequenos e só un 3,42% nas cidades.

Na Galicia urbana concéntrase máis voto aos novos partidos, e En Marea queda a só dous puntos de distancia do Partido Popular. Esa distancia estírase ata os 22 puntos nos concellos pequenos. Alí é onde o PSOE mantén a segunda posición, pero a 20 puntos do PP.


Se atendemos á división entre provincias, o Partido Popular mantén un 43,46% dos votos na Galicia oriental, mentres que se reduce ao 35,04% na atlántica. En Marea ten unha diferenza de oito puntos e medio (27,08% fronte 18,56%), mentres o PSOE mantén a segunda forza nas provincias interiores (23,6%) e queda terceira, e a seis puntos e medio de En Marea, nas atlánticas (20,58%). C’s chega ao 9,51% na Coruña e Pontevedra e a un 7,73% en Lugo e Ourense. NÓS só consegue un 3,46% na Galicia oriental, e un 4,57% na atlántica.

2015

A inmediatez de dúas eleccións, municipais e xerais, fixeron que 2015 se sinalase cun círculo vermello no ciclo político. A última chamada ás urnas foi nas europeas de maio de 2014, onde AGE e Podemos (a pesar de que en Galicia apenas estaba organizada) superaban ao BNG e anticipaban movementos na esquerda.

As eleccións municipais de 2011 foron sete días despois de que as prazas gañasen un sentido simbólico e político. Catro anos máis tarde, o Partido Popular ten a súa maior caída nas cidades (-14,02%), mentres aguanta na Galicia rural (-5,74%). O PSOE perde 2 puntos nas cidades, medio punto nas vilas medias, e sobe máis de 2 puntos nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Unha vez máis, apréciase como PP e PSOE caen, pero lentamente, nos concellos pequenos. En maio de 2015, os partidos de confluencia entraban con forza nas cidades grandes e medias, e apenas constituían candidaturas na Galicia rural. Aínda así, as siglas que máis tarde apoiaron a En Marea xa contaban cun 3,97% nos concellos pequenos.

As eleccións xerais de 2011 producíronse co 15M en plena ebulición política. Unhas eleccións anticipadas ao 20 de novembro, nas que se confirmou a maioría absoluta do PP e unha forte caída do PSOE sen unha transferencia deses votos a outra forza de esquerdas.

Catro anos máis tarde, a maior caída do PP vén das vilas medias (-17,75%), mentres que o descenso é similar en cidades (-14,45%) e concellos pequenos (-14,92%). O Partido Socialista segue caendo. Uns dez puntos nas cidades e tres nos concellos de menos de 20.000 habitantes. O descenso de NÓS é uniforme (en torno ao 7%) nas tres áreas.

No índice de variación electoral entre as municipais de 2015 e as xerais de 2015, vemos que onde mellor aguanta o PP é nos núcleos urbanos (+3,48), sinalando, quizá, unha freada en seco do descenso sufrido nos comicios municipais. En Marea confirma que existía un espazo de ruptura nos concellos pequenos, só que non había forma de materializalo en votos. PSOE e BNG dan a sensación de que aínda non tocaron fondo.

Galicia atlántica vs. Galicia oriental

A división atlántica/oriental confirma os elementos fundamentais de anteriores eleccións: maiores caídas dos partidos tradicionais nas provincias de Lugo e Ourense e subidas máis bruscas dos partidos novos na Coruña e Pontevedra. Excepto En Marea, o resto dos partidos ten subidas e baixadas bastante estables ao longo do territorio. As diferenzas non virían tanto pola posición xeográfica senón pola concentración de habitantes.

En Marea é o partido que máis nota esas variacións entre cidades atlánticas e orientais, onde ten nove puntos de diferenza de voto nas municipais, e sete nas xerais. Nos concellos pequenos, a súa porcentaxe de voto é uniforme en toda Galicia.


 


2016

O PPdeG non está morto nin moito menos. A súa caída, enorme en ciclos longos pero menor a curto prazo, parece que se frea

2016 comeza coa incerteza de se se repetirán eleccións xerais e coa certeza de que Galicia vai ás urnas, como moi tarde, en outubro. O PPdeG non está morto nin moito menos. A súa caída, enorme en ciclos longos pero menor a curto prazo, parece que se frea. Nas cidades tivo 50.000 votos máis desde maio a decembro do ano pasado. Nas vilas medias preto de 15.000 votos, e nos *concellos de menos de 20.000 habitantes, 11.600 votos (no conxunto do Estado, subiu 1,7 puntos e máis dun millón cen mil votos). A iso hai que engadir que C’s, o seu rival político no espazo de centro dereita, e que levou en Galicia 148.000 votos en decembro, ten un futuro incerto nas eleccións galegas: non pode presentar a Albert Rivera como candidato en todas as súas comunidades e vaille ser difícil atopar líderes despois da campaña que fixo en Galicia. Olga Louzao, concelleira no concello de Lugo e elixida ás presas portavoz de Cidadáns en Galicia os últimos días de campaña, é a mellor situada.

En 2015, máis que ingobernables volvémonos europeos.

En Marea, a pesar dos atrancos, mantén os apoios electorais nas cidades onde goberna, foi o partido máis votado en Vigo nas últimas xerais, e mellora os resultados que os seus partidos e satélites tiveron en maio. Ademais, obtivo un 20% nos concellos pequenos, aqueles nos que é máis difícil entrar cos novos partidos. O BNG vive un dos momentos máis importantes da súa historia. Observando onde cae e como, o Bloque está no bordo do abismo. Sangra votos por todas as frontes, pero xa non ten moita capacidade de manobra. Quintana Garrido auguráballes “un longo e tortuoso camiño” ao final do seu ensaio en 2010 e recomendáballes unha “apertura real da organización en permanente ósmose coa sociedade”. Non vou dicir que non o intentaron, pero sexa como for, non o conseguiron.

Temos as mesmas ferramentas que media Europa para gobernarnos con sistemas representativos, pero somos un país debedor. O parlamento que saíu do 20D, e que sairá das próximas eleccións galegas, expresa esa normalidade dual. Distancias máis curtas entre os rivais, entrada de partidos novos, multipartidismo, renovación de elites... e rastas, que eu pensaba que deixaran de escandalizar nos anos noventa e parece que non. En 2015, máis que ingobernables volvémonos europeos.

Papeletas das xerais nun colexio electoral de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.