Pontón asume o liderado do BNG co reto de ser "clave no cambio político"

Pontón e Vence, saudando ao plenario CC-BY-NC-SA BNG

Exactamente catro anos despois da traumática asemblea de Amio o BNG citouse na Coruña coa nada menor intención de "refundarse". Así fica reflectido nas teses políticas aprobadas no plenario da súa Asemblea Nacional por 1.035 votos a favor, 130 en contra e 142 abstencións. Un número de sufraxios un chisco maior, 1.191, foron os recibidos pola candidatura encabezada por Ana Pontón, primeira muller e tamén primeira militante da Unión do Povo Galego en asumir a portavocía nacional da formación soberanista, que xusto despois de asumir o cargo márcase un reto non menos complexo que o da propia refundación: ser "clave" no "cambio político" que, augura a nova líder, se producirá en Galicia.

En virtude do aprobado pola propia Asemblea, o Bloque non explorará para esas eleccións fórmula ningunha de confluencia co espazo político das mareas. "Asumimos o mandato de impulsar unha candidatura nacionalista, ten que haber unha papeleta nacionalista nas vindeiras eleccións ao Parlamento", afirmou Pontón nun dos treitos máis aplaudidos do seu discurso. Esa alternativa electoral, que anima a "construír con todas as persoas e colectivos que queiran sumar", podería ser encabezada por ela mesma, toda vez que a organización vén de suprimir a "incompatibilidade" entre a portavocía nacional e a candidatura á Presidencia da Xunta.

A propia portavoz nacional admite que o proceso de "refundación" terá que ir parello coa carreira electoral. Por este motivo, di, cumprirá acompasar ambos traballos para deseñar "un programa de rescate nacional e social" que a nova dirección do Bloque aposta por poñer sobre a mesa ante un eventual escenario de pactos "postelectorais". Foi este un dos escasos puntos nos que Pontón lanzou críticas máis ou menos abertas a En Marea: "Galiza non é un anexo, é unha nación e como tal ten que actuar", advertiu ante quen, din, agromaron en plena "crise política" e co "impulso dos medios do poder".

"Non remata nada"

Ante a nova Executiva -na que entran dous membros da lista encabezada polo boirense Carlos Branco- e fronte ao xa exportavoz, Xavier Vence, a quen Pontón se achegou dende o atril para darlle unha aperta ante o plenario, a deputada advertiu tamén de quen dá por finalizado o ciclo político do Bloque. "Hoxe non remata nada", subliña. "Temos folgos", afirma, para continuar cunha "folla de servizos intachable na defensa de Galiza". "Un revés electoral -engade- non significa o esgotamento dun proxecto".

Os textos aprobados indican que a "refundación" do Bloque rematará nun prazo máximo dun ano

Unha vez aprobadas as teses políticas e a nova dirección o BNG aborda agora un proceso que, segundo o aprobado, terá que desembocar nunha nova Asemblea Nacional no prazo máximo dun ano. Será nese punto no que culmine a "refundación" na que, din os textos, poderán participar persoas e colectivos "nacionalistas, galeguistas, independentistas" e quen queira achegarse a un Bloque no que a figura do simpatizante gaña peso.

A representación no Parlamento será a proba crucial da nova dirección

O proceso da décimo quinta asemblea remata con menos feridas internas que o de hai catro anos, se ben foi tamén o escenario da marcha dun dos protagonistas do sucedido en Amio, Carlos Aymerich. Non farán o mesmo, segundo declararon, as impulsoras do resto de votos particulares e emendas á totalidade, caso das deputadas Carme Adán e Tereixa Paz. Os movementos de quen se sumaron aos textos alternativos serán un dos elementos a ter en conta nun proceso no que, atendendo ao visto e ouvido este 28 de febreiro na Coruña, ten unha proba crucial nas eleccións, nas que o reto é asegurar a representación nun Parlamento do que, advirten, pode saír un goberno diferente ao do PP.

Pontón, no seu discurso tras ser elixida CC-BY-NC-SA BNG
Nova Executiva do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.