0 Gardados para despois

Feijóo gábase de que lle ofreceu ao PSOE a alcaldía de Santiago

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Non é unha información nova, pero a súa reivindicación por parte do PP resulta especialmente elocuente en pleno proceso de investidura no Congreso dos Deputados e ás portas da precampaña electoral en Galicia. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudiu o pasado luns a unha entrevista en Televisión Española. Alí, no espazo do faladoiro, ademais de explicar que aclarará o seu futuro político na contorna do mes de abril, gabouse dun dos episodios inmediatamente posteriores ás eleccións municipais de 2015 cando, tras perder catro edís, algo máis de 4.000 votos e a condición de primeira forza política en Santiago, o PP lle ofreceu a alcaldía da cidade ao PSdeG para vetar o acceso a ela de Compostela Aberta.

Como noutros concellos, os populares abandonaran daquela momentaneamente a doutrina de reivindicar o goberno da forza máis votada -chegaran a cualificar como "aberración democrática" calquera outra opción- para tentar os socialistas coa alcaldía malia seren, cos seus catro edís -cinco menos que en 2011-, a terceira forza da corporación. "Estamos dispostos, no caso de que o PSdeG teña interese", resumira Agustín Hernández aínda como alcalde en funcións.

Aquel ofrecemento é agora reivindicado por Feijóo mentres, en Madrid, Mariano Rajoy teima na chamada "gran coalición" co PSOE como única opción posible para a estabilidade. Ante as preguntas en TVE o xefe do Goberno galego quixo ilustrar que "aquí quen manda é o señor [Pablo] Iglesias" e os socialistas, di, así o aceptan para evitar que os populares manteñan o poder, como nas municipais. "En Ferrol, por exemplo -relatou- faltáronnos dous escanos para a maioría absoluta e o PSOE é o tenente de alcalde dun alcalde de Podemos", dixo en referencia e Ferrol en Común e a Jorge Suárez, rexedor ferrolán e militante de Esquerda Unida. "Na Coruña gañamos por pouco e o PSOE nomeou alcalde ao de Podemos", engadiu, aínda que non haxa ningún edil deste partido no concello coruñés.

Feijóo: "En Santiago mesmo lle formulamos aos compañeiros do PSOE se aceptarían ser alcaldes de Santiago cos votos do PP"

Neste panorama, detallou, "en Santiago mesmo lle formulamos aos compañeiros do PSOE se aceptarían ser alcaldes de Santiago cos votos do PP", isto é, sumar os 9 votos populares aos 4 socialistas para converter en rexedor a Francisco Reyes. "Por se os votabamos -teoriza- o PSOE abstívose, non se votou nin a si mesmo". Os membros do PSOE e do PSdeG nas diferentes institucións, asegura, "non queren, porque non vaia ser que lles abran un expediente".

Os socialistas referendan a oferta: "dixemos que non e volveríamos facelo"

A existencia desa oferta á que se refire Feijóo foi ratificada este mesmo mércores pola secretaria de organización do PSdeG. O ofrecemento é "certo", afirma Pilar Cancela, tanto como que "dixemos que non e volveríamos facelo". "O alcalde é de esquerdas e apoiado por nós, leccións cero", sinalou a socialista nas redes sociais. Despois de que o voceiro municipal sinalase en rolda de prensa que ese ofrecemento non chegara a producirse, Cancela aclarou que a oferta, segundo Reyes, era para apoiar a Hernández.

Tamén a través das redes o alcalde compostelán, Martiño Noriega, considerou "demostrado" que "para Feijóo todo vale con tal de frear alternativas reais". "Explica tamén moito do acontecido estes meses no pleno da corporación", engade Noriega, a cuxo xuízo "o debate dos orzamentos municipais que daremos neste mes será un bo termómetro para medir a temperatura dos enfermos da gran coalición".

Noriega coida que a negociación dos orzamento será "un bo termómetro"

A reinvidicación de Feijóo sobre aquel ofrecemento, realizado tras un mandato no que a capital galega chegou a acumular tres alcaldes do PP en apenas tres anos, chega nun momento no que dende o espazo das mareas se vén apelando ao PSdeG sobre a necesidade de propiciar unha alternativa a Feijóo nas vindeiras eleccións galegas. Esa apelación reiterouna este martes dende a tribuna do Congreso a voceira de En Marea, Alexandra Fernández, quen coida que o pacto entre os socialistas e Ciudadanos podería dificultar un eventual acordo para gobernar a Xunta.

Santiago

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.